Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2023 | Actualizada ás 18:03
Cinco novos deputados do PPdeG e dous do Bloque Nacionalista Galego tomarán posesión do seu escano en Pazo do Hórreo este martes tras a saída doutros tantos parlamentarios. Mentres que seis deles deixaron o seu escano tras ser elixidos alcaldes, outro dos cambios débese ao nomeamento da popular Sandra Vázquez como nova secretaria xeral de Igualdade.
Na bancada popular, tal e como detallou este luns en rolda de prensa o portavoz do PPdeG na Cámara galega, Pedro Puy, a portavoz do PP no Concello de Monforte (Lugo), Katherinie Varela Fernández, substituirá á vilabesa Sandra Vázquez tras o seu nomeamento como secretaria xeral de Igualdade.
Ademais, a política que ocupaba ata agora esa responsabilidade, Susana Rodríguez Abella, volverá ao Parlamento de Galicia en substitución de Daniel Veiga tras a súa elección como alcalde de Ribadeo (Lugo).
Pola súa banda, a mariscadora Paula Mouzo, procedente de Caramiñas, relevará a José Manuel Rey Varela tras ser elixido alcalde de Ferrol. O integrante do servizo de extinción de incendios da Xunta e bombeiro forestal Ángel Rodríguez Conde entrará en lugar de Ovidio Rodeiro, que foi investido novo alcalde de Boqueixón.
Por último, o que xa fose deputado Moisés Blanco Paradelo entrará no sitio que deixa Marta Nóvoa, alcaldesa de San Cibrao das Viñas.
CAMBIOS NO BNG
Pola súa banda, nas filas do BNG, tamén haberá dous cambios. Así, a que era alcaldesa de Ponteareas ata o pasado 28 de marzo, Pilar Fernández, entrará na Cámara galega para ocupar o escano que deixa Manuel Lourenzo tras ser elixido rexedor de Soutomaior.
Ademais, o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, ocupará o posto que deixa María González Albert tras ser investida alcaldesa da Rúa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.