Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/06/2015 | Actualizada ás 13:00
Poucas semanas antes de que vise a luz o volume 'El territorio en la historia de Galicia. Organización y control. Siglos I-XXI' falecía un dos seus responsables, o profesor Gerardo Pereira Menaut. Por esta razón, os seus compañeiros e compañeiras, xunto co outro responsable da edición, o profesor Ermelindo Portela Silva, converteron a presentación do novo libro nunha sentida homenaxe.
Editado no selo USC Editora, o libro examina dous mil anos de creación e transformación da paisaxe galega: quen impulsou a organización territorial, por qué o fixeron e ao servizo de qué intereses. O relato apoiase nas achegas do propio homenaxeado, analizando a influencia do impero romano; de Pablo C. Díaz que aborda a organización do espazo e o control do territorio na Galicia xermánica; de Mª Carmen Pallares e Ermelindo Portela, que reflexionan sobre a pegada medieval; de Pegerto Saavedra, introducindo unha análise sobre a influencia do campesiñado entre 1500 e 1850; e de Lourenzo Fernández Prieto, encargado de abordar a organización e control do territorio na época contemporánea entre os séculos XVIII e XXI.
A organización dos textos propostos é un percorrido cronolóxico encargado a expertos en cada unha das épocas tratadas. Como os promotores da edición subliñan no prefacio, “non debe entenderse este libro como unha obra pechada, como unha síntese estruturada dos coñecementos sobre historia da organización do territorio nos dous últimos milenios”. Dado que cada un dos autores dirixiuse “con entera liberdade ás fontes dispoñibles nos diferentes períodos estudados”, o resultado é “unha diversidade necesaria e buscada dende o principio”, tanto na extensión, na forma e no fondo.
Os editores apuntan tamén que o estudo da historia do Territorio é o da formación da realidade presente. Afirman que “o valor destes estudos non reside simplemente naquela idea trasnoitada segundo a calo pasado explica o presente. O seu valor reside en modo principal en que para pensar o presente as nosas armas conceptuais afíanse na pedra de toque da Historia” de xeito que a volve “máis agudas e penetrantes e, ao mesmo tempo, asegura a súa autenticidade.
Participaron no acto o vicerreitor de Oferta Docente e profesor da Facultade, Roberto López; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; o catedrático da USC Ángel Carracedo, íntimo amigo do profesor homenaxeado; a directora do Departamento de Historia I, Mar Llinares; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco; e o catedrático da Universidade de Salamanca Pablo Díaz Martínez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.