Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2024 | Actualizada ás 16:30
A Fiscal Xefa da Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional, Rosa Ana Morán; a Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO), do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra; o Centro de Análise e Operacións Marítimas de Narcotráfico (MAOC-N), con sede en Lisboa e o fundador de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez Crespo, recibirán este ano as Nécoras de Ouro que anualmente concede a Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN). A entrega das Nécoras de Ouro terá lugar nunha Gala contra o Narcotráfico que se celebrará no auditorio de Vilagarcía de Arousa, o venres 5 de abril.
A FGCN decidiu este ano recoñecer á Fiscal Xefa da Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional polo seu "impulso e coordinación das investigacións e operacións das Forzas e Corpos da Seguridade do Estado" e por dar prioridade a "reforzar a dotación de medios humanos, técnicos e organizativos" para as unidades antidroga.
Do seu labor, tamén a recoñecen por propor a través da Fiscalía a "adopción de importantes reformas legais que permitan mellorar a eficacia da loita contra o narcotráfico en España". A Fundación destaca así mesmo "a súa aposta pola investigación patrimonial" como unha área estratéxica na loita antidroga, a aposta pola modernización da Fiscalía "para adaptala aos tempos actuais" e a súa "ampla experiencia en cooperación internacional.
Por outra banda, a Fundación argumenta a concesión da Nécora de Ouro á Unidade de Drogas e Crime Organizado do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra polo "excelente labor no combate contra o tráfico medio e menudeo", grazas ao cal se logra retirar a droga das rúas. O colectivo antidroga lembra que no último decenio, a UDYCO Pontevedra leva incautados preto de 300 quilos de heroína e importantes cantidades doutras drogas, logrando ademais a desarticulación de numerosas organizacións, a detención de narcotraficantes e a incautación dos seus bens "en operacións moi sólidas que se traducen en elevadas porcentaxes de condena".
Pola súa banda, respecto da concesión do galardón ao Centro de Análise e Operacións Marítimas de Narcotráfico (MAOC-N), con sede o Lisboa, a FGCN destaca que desde a súa posta en marcha "facilitou a identificación de centenares de embarcacións e tramas de tráfico de drogas". En 2023, MAOC-N apoiou e coordinou operacións que conduciron á incautación de máis de 92 toneladas de drogas -incluída unha cantidade marca anual de cocaína-, o que "demostra a eficacia da cooperación internacional e o intercambio de intelixencia para abordar con éxito o tráfico transnacional de drogas".
Finalmente, a Fundación Galega contra o Narcotráfico entregará a súa cuarta Nécora de Ouro de 2024 a Ramón Gómez Crespo "pola súa destacada traxectoria de máis de 34 anos dedicado á rehabilitación e reinserción social de persoas adictas, así como á loita contra as consecuencias devastadoras das drogodependencias na nosa sociedade".
Gómez Crespo foi o fundador en 1990 de Proxecto Home Galicia e o seu director ata 2020. Actualmente segue colaborando coa entidade como Presidente do Padroado da Fundación Monte do Gozo. Para a FGCN, representa "un exemplo inspirador de como o compromiso persoal e profesional pode transformar vidas e comunidades".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.