Por Amanda Fernández | Lugo | 24/04/2024 | Actualizada ás 21:27
Ata fai dous anos, o 24 de abril era o día Mundial contra a Meninxite, actualmente a Organización Mundial da Saúde (OMS) trasladouno ao cinco de outubro. Porén, diferentes colectivos aínda reivindican o día de hoxe, como "o día dos afectados de meninxite en España". Unha enfermidade da que non se escoita falar moito, pero que historicamente xerou preocupación. Falamos sobre esta cuestión con Cristina Regojo, presidenta da Asociación Española contra a Meninxite e médico especialista en análisis clínicos da Área Sanitaria de Vigo. Sobreviviu a unha meninxite, que sufriu con catro anos e desde ese momento sofre xordeira bilateral profunda que palía cun implante coclear. Explica que a meninxite consiste na inflamación das membranas que recobren o cerebro e a médula espiñal. "A maioría das veces prodúcese por unha infección de baterias, virus ou fungos, sendo a meninxite bacteriana a máis grave e con maior probabilidade de sacuelas. Cando a infección se transmite ao sangue, pódese extender ao resto do organismo producindo unha sepsis", afirma Cristina.
Como se sabe cando é meninxite ou que pode selo? A sanitaria fai fincapé na importancia de revisar calquera cadro de infección e febre como sinal de alerta ou para vixiar. "Inicialmente os síntomas dunha meninxite son inespecíficos, como febre alta, malestar xeralizado, cefalea, dor de garganta, dor abdominal, polo que é fácil que se confunda con outros cadros infecciosos ou inclusos banais e despistar. Porén, amosa que no caso da meninxite "os síntomas evolucionan e cambian moi rápido", a dor de cabeza pode ser moi forte manifestándose ou non con rixidez na noca, pode chegar haber alteracións da conciencia, tendencia ao sono ou molestia ante luz e son. "Fixarse moito no aspecto da pel, cor anormal, frialdade das extremidades chamativa e se aparecen manchas de cor vermello vino que non desparecen á presión dun vaso, solicitar axuda médica urxente".
A VACUNACIÓN COMO MELLOR FERRAMENTA PARA PREVIR
Cristina, que sabe o que é padecer esta enfermidade, destaca que "o tratamento da meninxite é fundamental, xa que sen antibióticos o paciente pode falecer en poucas horas". Neste sentido, expón que é primordial a súa diagnose precoz para dar tratamento de soporte e antibióticos. Para previr, Cristina ten claro que a vacinación é a mellor ferramenta ante esta enfermidade. "Non dispoñemos de vacinas contra todos os tipos, pero si contra as bacterias máis frecuentes que son os meningococos, o neumococo e haemophilus inflenza tipo B", comenta. Galicia dispón dun dos "calendarios máis avanzados de España contra a meninxite, xa que protexe aos máis pequenos das bacterias máis agresivas ao incorporar recentemente a dose dos catro meses da tetravelente contra os meningococos ACWY".
Historicamente, como apunta Cristina, Galicia é unha das comunidades máis afectadas pola meninxite, concretamente a principios dos anos 80 foi "a rexión máis devastada por esta enfermidade en Europa", polo que hai bastante conciencia da enfermidade e "os pais vacinan case sempre aos seus fillos". Tendo isto en conta, a taxa de vacinación e alta, pero tamén expón que "hai que mellorala na mocidade". Lembra que: "Que non se vacinou, a vacina ACWY dos 12 anos, pódese poñer ata os 18 e tamén solicitamos á Consellería de Sanidade, que incorpore a vacina contra o meningococo B aos adolescentes, pois tamén están en risco e moitos non puideron poñela de nenos". Cristina Regojo ten claro que "hai que protexer a todos, non só aos bebés ou nenos pequenos".
AS CONSECUENCIAS DA PANDEMIA
Cal é a incidencia da meninxite en Galicia? A experta sinala que non se coñecen as cifras reais da meninxite porque non se declaran todas. "Antes da pandemia presumíase que había unhas 12.000 ao ano entre víricas e bacterianas", di e engade que a taxa da enfermidade meningococica, a única de declaración obrigatoria, en Galicia é de 0.52 casos por 100.000 habitantes sendo a media nacional de 0.29 casos por 100.000 habitantes.
Na liña de datos, Cristina fai referencia a que no que vai de ano (de xaneiro ata o sete de abril, segundo os datos do Instituto Carlos III) houbo en España 139 casos da enfermidade meningocócica, respecto aos 103 casos no mesmo periodo de 2023, que finalizou con 283. "É moi importante que os pais e pediatras revisen os calendarios e facer así todo o posible por protexer a nenos e adolescentes. Aínda estamos sufrindo as consecuencias da pandemia e o comportamento dos virus e bacterias é imprevisible. Entón, mellor estar preparados", manifesta.
Pero por que afecta a cativos ou mocidade? "A meninxite afecta a calquera idade, así que non existe risco cero e recomendamos a vacinación como medida de protección individual. É certo que os máis afectados son os menores de cinco anos e os mozos de entre 14 e 25 anos, polo que son fundamentais as campañas de vacinación en idade infantil. Cada vez falamos máis de calendarios de inmunización ao longo de toda a vida e cada vez máis ten sentido protexernos contra a meninxite e outras enfermidades infecciosas durante toda a vida".
"QUEDA MOITO QUE FACER"
"Ata un 30% dos afectados por esta enfermidade poden quedar con secuelas moi graves como cegueira, xordeira, fallos multiorgánicos, amputacións dos membros, alteracións neurolóxicas, retraso intelectual, etc", expón Cristina que a súa vez indica que o abano de secuelas é moi amplio, xa que a meninxite "non só pode afectar ao sistema nervioso senón que se pode extender ao sangue coa afectación doutros órganos ou tecidos". Segundo algúns estudos, ata o 60% presentan alteracións psicolóxicas a raíz desta enfermidade e non só eles tamén os seus familiares, pois "a meninxite pode cambiarche a vida". Tendo isto en conta, recoñece que "aínda queda moito por facer" para que afectados e os seus familiares atopen o apoio institucional e sobre todo o apoio psicolóxico que precisan.
A Asociación Española Contra a Meninxite (AEM), que preside Cristina, é a única asociación sen ánimo de lucro e de ámbito de loita contra esta enfermidade que apoia aos afectados. "Temos presencia en case todas as comunidades, en Galicia, eu son a delegada e estou a disposición de todos os galegos e galegas que precisen información sobre esta enfermidade ou apoio", manifesta. Poden contactar a través da web ou nas redes sociais @stopmeningitis. Desgraciadamente, considera que falta información sobre esta cuestión: "Aínda que en Galicia hai conciencia entre os pais de que é unha enfermidade grave, non hai conciencia real sobre o alcance e que non é unha enfermidade do pasado como moitos pensan", afirma.
Outro punto de vital relevancia, é a investigación, que considera "fundamental". Así, un dos obxectivos da asociación é apoiar diferentes liñas de investigación que van xurdindo. A predisposición de padecer a e enfermidade é unha desas e o Dr. Martinón Torres do CHUS e coordinador do comité científico de AEM, "lidera un importante estudio europeo sobre o tema do que confiamos ver froitos pronto". Tamén se investiga sobre novas vacinas que protexan de máis bacterias, medidas de prevención para evitar a meninxite nos hospitais e quirófanos, métodos de diagnose precoz, mellores tratamentos e solucións para evitar as diferentes secuelas que melloren a calidade de vida das persoas afectadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.