Por GC Emprende | Compostela | 25/11/2015 | Actualizada ás 10:00
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia clausuraron este martes un Programa de creación e consolidación de industrias culturais e creativas, que se impartiu de forma gratuíta para dezaséis alumnos na incubadora empresarial de Costa Vella do 13 de outubro ao 13 de novembro.
Esta iniciativa pretende vestir as ideas empresariais relacionadas coas artes, teatro, música, danza, os sectores audiovisual e editorial, e mesmo as actividades vinculadas ás novas tecnoloxías e ao deseño. Os participantes adquiriron coñecementos para crear unha empresa cultural cun enfoque creativo e novos modelos eficientes de financiamento e xestión destinados a actualizar os procesos de produción, distribución, exhibición e difusión dos produtos culturais.
Así, o emprendedor Diego Freire montou en 2010 a compañía teatral Producións Dispersas que basea o seu traballo nunha perspectiva contemporánea, dirixido a un público infantil ou adulto con espectáculos de humor en pequenos formatos adaptables. Igualmente, a editora Alicia Romero comentou o seu negocio editorial, Enxebre Books creada en 2012 para publicar libros de ficción, en formato papel e eBook, de autores noveles. Para mellorar a rendibilidade da empresa, a emprendedora renovará a web, creará un espazo de librería e tentará arranxar o problema do coste da distribución con solucións comerciais propias.
“É unha iniciativa magnífica que permite aos emprendedores crear ou consolidar a súa propia empresa cultural cun plus de asesoramento en xestión empresarial por parte dos técnicos da Cámara de Comercio e os titores da Fundación Incyde.” –destacou o vicepresidente da Cámara de Santiago, José Luis Rodríguez Dacal.
Ana Santillán, da Fundación Incyde, explicou que o programa, posto en marcha con respaldo ministerial, comezou a funcionar en 2010 para dar formación ata a data a 1.055 persoas. Co programa finalizado, ofreceu aos participantes o apoio e asesoramento teléfonico de Incyde para os vindeiros meses para consultar as dificultades que poidan xurdir no proceso de creación da empresa. Ademais, lembrou que un grupo de consultores fará seguimento dos seus proxectos durante os próximos seis meses. “No ceséis en el empeño de montar vuestra empresa, no tiréis la toalla y continuar con la formación para poder diferenciaros de la competencia, siempre con presencia en Internet con una web corporativa y en las redes sociales ” –explicou–. Nesta liña, Incyde abrirá proximamente unha canel na súa web para dar visibilidade ás empresas culturais de nova creación con vídeos promocionais de tres minutos.
O programa, dirixido a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas, desenvolveu contidos sobre administración da empresa cultural, marketing e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidade, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas. O programa, titorizado pola técnico de Incyde Ana Velasco, contou coa participación de dezaséis proxectos, trece para converter a súa idea nunha empresa de creación cultural e tres para consolidación empresarial.
Para mostrar os resultados do programa dous alumnos describiron as súas empresas e os propósitos para a consolidación dos negocios.
Ao acto de entrega de diplomas asistiron o vicepresidente da Cámara, José Luis Rodríguez Dacal, a responsable de Coordinación da Fundación Incyde, Ana Santillán, e o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros. O programa organizouse en colaboración coa Fundación Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa (INCYDE) e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, e conta co financiamento do Fondo Social Europeo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.