Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2024 | Actualizada ás 17:35
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela (PP), recibiu na mañá deste mércores aos xogadores e corpo técnico da selección española de fútbol sala que preparan estes días os seus próximos partidos, sendo o máis inmediato o que os enfrontará este xoves, 22 de agosto, ao equipo local do Parrulo.
"A verdade é que é unha gran satisfacción tervos aquí", asegurou o rexedor popular que quixo agradecer á "Federación por pensar en Ferrol, á española, á galega, e ao noso club, O Parrulo, porque sexamos sede dun encontro internacional destas características, nunha cidade moi envorcada historicamente co deporte e co fútbol sala", comentou.
No salón de recepcións do Consistorio, Rey Varela lembrou que este partido será aproveitado para "destacar a dous xogadores emblemáticos da cidade polo que xogaron pero tamén polo que reflectiron nas xeracións máis novas", en alusión a Adrián Alonso, 'Pola', e Adrián Martínez, 'Adri', que estaban presentes.
"Vós cando estades a xogar non só estades a xogar para gañar, que tamén esperamos vervos gañar mañá, senón que tamén estades a proxectar os valores que ten o deporte", asegurou.
Pola súa banda, Luís Amado Tarodo, como representación da Real Federación Española de Fútbol, agradeceu ao presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, o que a selección pase estes días en Ferrol, agradecemento que fixo extensivo a Pablo Pietro, "a súa man dereita", e que facilitaron xogar "un partido amigable pero no que todos os xogadores saen a competir, en preparación para o Mundial que se vai a xogar en setembro".
HOMENAXE
Tarodo tamén anunciou que o día de mañá tamén servirá como homenaxe a Pola e a Adri, "homenaxe merecida por todo o que deu ao fútbol sala e á selección española".
"O que podemos asegurar é que imos dar todo no Mundial para crear a estrela, a terceira estrela que nos falta ao deporte e sobre todo ao fútbol sala", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.