Accidente na AC-14 deixa un ferido en San Cristovo das Viñas

Un home resultou ferido tras a colisión entre un turismo e unha furgoneta na entrada da Coruña. Equipos de emerxencia acudiron ao lugar para a súa evacuación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/09/2024 | Actualizada ás 10:54

Comparte esta noticia

Un home resultou ferido ao chocar un turismo e unha furgoneta na AC-14, ao seu paso por San Cristovo das Viñas, na entrada da cidade da Coruña. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar sobre as 21:45 horas e un dos alertantes advertiu da posibilidade de que houbese persoas feridas e atrapadas.

Sala de operacións 112 Galicia
Sala de operacións 112 Galicia | Fonte: XUNTA - Arquivo

Con estes datos, o persoal do 112 avisou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros da cidade, que acudiron ao momento. Igualmente, foron avisados os axentes de Tráfico e da Policía Local, os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade e o persoal de mantemento da vía. Finalmente, tras ser liberada a persoa do interior do turismo, o persoal sanitario encargouse da súa evacuación.

COLISIÓN CONTRA UN POSTE DA ILUMINACIÓN EN MOS 

Por outra banda, un vehículo que circulaba pola PO-331, quilómetro 3.5, á altura de Cela, no concello de Mos, chocou contra un poste da luz provocando a súa caída e interrompendo a circulación, xa que o poste quedou tendido na estrada.

No accidente resultou ferida unha persoa, aínda que segundo a información recibida no 112 Galicia, non parecía revestir gravidade. O suceso tivo lugar minutos despois das 00,00 horas e, debido ao impacto, os cables quedaron tendidos na estrada, impedindo a circulación. Por iso, foron mobilizados os técnicos da empresa subministradora de electricidade.

Desde o 112 Galicia informouse á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros de Baixo Miño, ao GES e ao Servizo de Emerxencias e de Protección Civil de Mos. Aínda que nun primeiro momento non había constancia de que houbese persoas feridas, unha vez no punto, os membros do GES solicitaron unha ambulancia para unha persoa que se atopaba mal, polo que, desde o 112 Galicia pasouse o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta