A causa pola morte de Déborah Fernández queda arquivada en firme polo xulgado de Tui

Con esta resolución, que certifica un arquivo que xa era firme ponse punto e final definitivo a este proceso de máis de 22 anos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2024 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O xulgado de instrución número 2 de Tui emitiu unha dilixencia na que se fai constar a firmeza do auto do pasado mes de xullo, polo que se acordou o arquivo da causa pola morte da moza viguesa Déborah Fernández-Cervera, cuxo cadáver apareceu nunha cuneta do Rosal, rodeado de pistas falsas, en maio de 2002.

Con esta resolución, que certifica un arquivo que xa era firme (ningunha das partes o recorreu), ponse punto e final definitivo a este proceso de máis de 22 anos, un procedemento xudicial que pasou por diversas vicisitudes, que estivo arquivado durante 9 anos, e que se reabriu en novembro de 2019.

Só nesa segunda fase da investigación xudicial chegouse a citar a unha persoa como imputado pola súa posible vinculación coa desaparición e morte da moza: o seu exmozo, que declarou por primeira vez en calidade de investigado en marzo de 2022, case 20 despois de que aparecese o corpo sen vida de Déborah.

Con todo, nin a súa declaración, nin os testemuños de testemuñas, nin as dilixencias practicadas (incluída a exhumación do cadáver da moza para tomar mostras), lograron concluír indicios claros da participación do exmozo no crime.

Así, en xuño pasado, sen que os feitos chegasen a xuízo, a maxistrada de instrución decretaba o arquivo, ao non haber probas suficientes contra o único investigado. Segundo expuña, o acervo probatorio solicitado "non é suficiente para facer unha imputación verosímil dun feito delituoso concreto".

A familia de Déborah Fernández-Cervera mantivo sempre que a investigación policial deste crime foi "unha chapuza", polo menos nos seus primeiros pasos, os decisivos neste tipo de casos, e tamén foron moi críticos coa actuación da Fiscalía e do xulgado.

Entre as irregularidades que denunciaron, está o borrado de números da listaxe de chamadas telefónicas da moza, a manipulación do disco duro do seu computador, a demora de anos en inspeccionar o coche do seu exmozo, ou a 'desaparición' do teléfono móbil de Déborah durante case 20 anos --foi localizado casualmente en 2022, en dependencias policiais de Madrid con motivo dunhas obras, aínda que sen cartón SIM--.

Concentración en Vigo para reclamar 'xustiza para Déborah Fernández / Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press  / Europa Press
Concentración en Vigo para reclamar 'xustiza para Déborah Fernández / Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta