O váter como papeleira: centos de aplicadores de tampóns chegan ás praias tras os temporais

Dende o GC falamos con Limpia Arousa, Noia Limpa e Tami Prieto sobre a realidade que se atopan durante as súas limpezas nos areais galegos no tocante á aparición destes produtos de hixiene íntima altamente contaminantes.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/01/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Algunha vez botaches un residuo que non fose o papel hixiénico polo váter (práctica esta que xa non se fai noutros países)? Tanto se o fixeches coma se non, detente a pensar onde remata iso. Toalliñas de hixiene íntima, compresas, tampóns, bastonciños das orellas... Todos son produtos que usamos no noso día a día e que, por desgraza, para moitas persoas son susceptibles de rematar no inodoro. De aí chegan logo ás nosas augas e, no mellor dos casos, rematan sendo expulsados das mesmas pola forza da ondada, que os arrastra ata as praias, contaminando así por partida dobre os ecosistemas mariños e os terrestres; cando non quedan somerxidos no fondo do mar desprendedo microplásticos e outros elementos tóxicos durante milleiros e milleiros de anos. Dende o Galicia Confidencial, despois de ter falado doutros residuos que invaden as nosas praias como son os tapóns das botellas, as cabichas ou os pauciños das bateas, reflexionamos hoxe sobre os aplicadores de plástico dos tampóns que, aínda sen ser tan frecuentes como os anteriormente citados, supoñen unha importante preocupación medioambiental.

Tampóns atopados nunha limpeza en Catoira por Limpia Arousa
Tampóns atopados nunha limpeza en Catoira por Limpia Arousa | Fonte: Cedida por @limpiarousa

Preguntando o colectivo Limpia Arousa (@limpiarousa) pola presenza deste tipo de refugallos nos areais arousanos, confírmannos que "si que é certo que están, en maior ou menor medida, dependendo do tipo de praia e de se se trata dun areal máis ou menos próximo a zonas de vivendas ou de se conta cun emisario (un desaugue) próximo ou non". Lembrando as últimas limpezas nas que atoparon unha gran cantidade de aplicadores de tampóns, sinala a que fixeron no concello de Catoira, dentro da actividade 'Móllate polos Ríos, dentro do proxecto Limpeza simultánea de Ríos de Adega. "Escollemos Catoira porque era unha zona de desembocadura, xa preto das praias e cun emisario na súa praia fluvial que non estaba funcionando correctamente", explica Anni, que aínda se sorprende cando conta que "alí recollemos preto de 500 aplicadores de tampóns de plástico". E se se recollen, dende logo, e porque se tiran polo váter ou se empregan alí mesmo e se deixan tirados, prácticas ambas que demostran a falta de concienciación medioambiental da sociedade actual.

"Nós non damos crédito de que aínda a día de hoxe se estea tirando polo inodoro todo o que se está tirando, dende estes aplicadores de tampóns a toalliñas ou pauciños dos oídos", lamenta Anni, que reflexiona ademais sobre o feito de que "a día de hoxe hai moitas alternativas para este tipo de produtos". No caso concreto dos tampóns, dende Limpia Arousa "avogamos directamente por non empregalos, porque realmente a día de hoxe sabemos que non son bos para a saúde e está demostrado, e gustaríanos que se empregasen prácticas máis sostibles como pode ser a copa menstrual ou a braga menstrual, moito máis respectuosas coa saúde á vez que xeran cero plásticos". Fronte a esta decisión, lamentan que "a xente conta con moi pouca formación sobre o funcionamento dos residuos e dos sumidoiros urbanos en xeral". "Cren que despois de botar as cousas polo váter haberá alguén ao final do tubo separando os refugallos e clasificándoos, cando dende logo iso non é así", asevera.

TAMI PRIETO: "SEMELLA QUE ESTAMOS INVOLUCIONANDO: COMO É POSIBLE QUE NON ESTEA LEXISLADO O FACER ESTES APLICADORES BIODEGRADABLES?"

Na mesma liña se pronuncia Tami Prieto (@aura.noctis), crebeira que vai asiduamente ás praias da zona do Grove a realizar expedicións para crear as súas obras artísticas cos milleiros de refugallos que chegan a elas e que aproveita para facer limpezas. Ela cóntanos que "sempre que vou aparece algún que outro aplicador de tampón, aínda que non sexa o refugallo máis numeroso". E cada vez que se atopa con un sempre ten o mesmo pensamento: "Como é posible que non estea lexislado o facelos biodegradables se eu lembro que cando tiven a miña primeira menstruación o tampón que empreguei tiña un aplicador de cartón? Antes non existían os aplicadores de plástico e agora si, semella que estamos involucionando". Neste senso tamén reflexiona sobre "a propia capacidade de decisión que ten unha muller á hora de escoller o emprego dunha cousa ou outra, porque chama a atención que a maioría sigan escollendo a opción máis contaminante: os produtos de hixiene íntima que empregan o plástico".

Tampóns atopados nunha limpeza en Catoira por Limpia Arousa
Tampóns atopados nunha limpeza en Catoira por Limpia Arousa | Fonte: Cedida por @limpiarousa

Pensando sobre se hai algún factor que determine a maior ou menor aparición deste refugallo nas praias, asegura que "non noto distinción nin entre zonas nin en función da época do ano". "Dá igual a praia á que vaias e a época do ano, sempre te vas atopar cun ou dous tampóns, como mínimo", afirma Tami. Sobre o estado no que se atopan, xa que non é o mesmo que estean deteriorados, o que podería indicar que efectivamente proveñen de sumidoiros e pasaron un tempo no mar antes de chegar aos areais, que que estean noviños, o que podería querer dicir que a xente os deixou alí tras terse cambiado na propia praia, esta rapaza asegura que "normalmente atópanse noviños, intactos, polo que non sei canto tempo poden levar no mar, aínda que de vez en cando tamén se atopan algúns co arneirón pegado, como se levasen anos alí". E xunto a estes aplicadores de tampón, tamén asegura que ten atopado "compresas, protexe slips e toalliñas húmidas". Todos son "refugallos que sempre están presentes en calquera limpeza".

Tamén dende Noia Limpa (@noialimpa) comentan que "non son os refugallos que máis atopamos, pero algún aparece", e apuntan a que "se ven máis en sendeiros e zonas de festival, onde non hai baños e a xente tira os aplicadores directamente por alí". No caso das praias, sinalan que "adoitan atoparse con maior frecuencia nos areais que están máis preto das cidades". E lamentan que "pouco se fala abertamente do importante impacto que teñen os produtos de hixiene feminina sobre a saúde", apuntando a unha publicación da National Geographic na que se sinala a un estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) que fala de que "unha muller pode chegar a empregar ata 15.000 tampóns ao longo da súa vida", así como que "as compresas son un dos 10 produtos de plástico que máis se atopan nas praias". No mesmo artigo cítase un traballo da asociación inglesa Women's Enviromental Network (WEN), que explica que "o 90 % dos produtos destinados á hixiene durante a menstruación conteñen un 90 % de plástico". Ademais, tamén aluden a un estudo piloto da Axencia de Protección Ambiental de Estados Unidos que atopou arsénico e chumbo en tampóns tanto orgánicos como non orgánicos, aínda que fose en niveis pequenos.

LIMPIA AROUSA: "SE OS APLICADORES FORON TIRADOS POLO RETRETE E CHEGAN ÁS PRAIAS, QUERE DICIR QUE AS AUGAS FECAIS REMATAN NO MAR SEN DEPURAR"

Sobre cal podería ser unha posible solución a esta alarmante situación, Tami aposta por "que o consumidor tome conciencia do que usa, aínda que probablemente sexa a opción máis complicada, para min a responsabilidade última sempre é do consumidor que, tendo outras alternativas, decide elixir a máis contaminante". E, dende o punto de vista da lexislación, considera que "habería que obrigar ás empresas a facer produtos como os aplicadores de tampón de materiais biodegradables, porque en por elas non van facer nada, xa que unha empresa ao final mira polo tema económico e, se non lle compensa economicamente facer estes aplicadores doutros materiais, non vai perder cartos niso". "A empresa é capital e o capital mira pola moeda", reflexiona, avogando fronte a isto por "un Goberno que respalde ao cidadán cando este tampouco é quen de tomar acción para mudar as cousas".

Pola súa banda, Limpia Arousa tamén incide no impacto ambiental que estes refugallos poden causar unha vez desbotados. "Se os aplicadores dos tampóns que foron tirados polo retrete chegan ás praias iso quere dicir que as augas fecais rematan no mar e chegan á natureza sen depurar", sinala Anni, que tamén advirte de que "neste caso estamos a falar de plásticos que rematan degradándose e convertíndose en máis microplásticos que contaminan a natureza e, en consecuencia, tamén a nosa cadea alimentaria". Dende o seu punto de vista, "moita xente descoñece aínda que os produtos que tiramos polo váter acaban no mar contaminando milleiros e milleiros de litros de auga cada día, do mesmo xeito que acontece cos sumidoiros que atopamos nas rúas e as cabichas que chegan a eles polo arrastre das choivas ou do vento, pois tanto augas fecais como augas pluviais van xuntas na maioría dos concellos, aínda que cada vez se vai investindo máis en facer a separación entre ambas".

"AS CORRENTES E OS REFUGALLOS NON ENTENDEN DE BANDEIRAS AZUIS"

Por outra banda, ao expoñerlles a problemática da falta de limpeza das praias durante o inverno, deixando os areais descoidados ata que se achega a época do verán e, con ela, o turismo, todas se amosan de acordo con que isto é algo que acontece e que se repite ano tras ano. "Tanto no verán como no inverno chega a mesma cantidade de refugallos á natureza, o que acontece é que no inverno, debido aos temporais e á forza do mar, ao final atópanse moitos máis restos, pero as praias están cheas de refugallos durante todo o ano", asegura Anni dende Limpia Arousa. E critica que "cando chega o verán os concellos sacan as máquinas a traballar, algo co que tampouco estamos moi de acordo dende a asociación, porque ao final estas máquinas o que fan é aplastar a maioría dos refugallos e mesturalos todos, xerando aínda máis microplásticos, porque soamente son quen de recoller os máis gordos, aplastando o resto e sepultándoo debaixo da area". Fronte a isto, defende que "a limpeza á man segue a ser a máis efectiva sen dúbidas a día de hoxe".

Sobre esta práctica tan habitual nos concellos de limpar os areais unicamente no verán, lamenta que "o que interesa semella que é vender a imaxe de praia idílica para o turismo, pero a realidade é que as correntes e os refugallos non entenden de bandeiras azuais". Para observar a diferenza, Anni aconsella visitar as praias menos turísticas dos municipios, as de máis difícil acceso, que "se atopan cheas de refugallos durante todo o ano, porque nin sequera no verán vai limpar ninguén". Como exemplo, sinala o caso de Remuíños, en Bamio, no concello de Vilagarcía de Arousa; das zonas de Castrelo, no concello de Cambados; ou na maioría das calas do concello da Illa de Arousa. Pola súa banda, Tami sinala que na zona do Grove, "a peor praia de todas no tocante aos refugallos é, sen dúbida, a da Lanzada, pola súa amplitude, que a fai practicamente imposible de limpar e que, ademais, ao ser grande, fai que de cara a quen camiña por ela semelle que non hai tanto lixo"; así como a praia de Area da Cruz, que aínda sendo pequena recolle moita acumulación de refugallos pola concentración das mareas.

Aplicador de tampón de plástico atopado por Tami Prieto nunha das súas limpezas de praias
Aplicador de tampón de plástico atopado por Tami Prieto nunha das súas limpezas de praias | Fonte: Instagram @auranotics
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta