O PP acusa o Goberno de "facer caixa" co "esforzo dos españois": "Incorpora 9 subidas de impostos máis, é insoportable"

O Grupo Parlamentario Popular no Senado esixiu ao Goberno de Pedro Sánchez unha rebaixa do IVE ao sector das barbarías.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/01/2025 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Popular no Senado acusou ao Goberno de "facer caixa" co "esforzo dos españois asfixiados a impostos" e esixiu unha rebaixa do IVE ao sector das barbarías. Así o sinalou a formación nun comunicado despois dunha reunión con representantes do sector das barbarías e centros de estética, na que participou a senadora por Ourense Rosa Sánchez.

Os populares esixiron ao Executivo estatal que "poña fin ao seu machadazo fiscal" á conta de "meter a man no peto dos españois". "Xa está ben de facer caixa co esforzo dos españois asfixiados a impostos", manifestan tras reunirse con representantes do sector das barbarías e estética para abordar a baixada do IVE ao 10% e cuxa tramitación denuncian que se atopa paralizada no Congreso dos Deputados. Durante o encontro, ao que asistiu a senadora do PPdeG por Ourense Rosa Sánchez Gándara, escoitaron as demandas do portavoz de Alianza por la bajada del IVA a la Imagen Personal, José Luís Azañón; a portavoz da plataforma Creer en Nosotros, Silvia Muros; a presidenta e a secretaria da patronal estética FANAE, Concepción Vela e María del Carmen Vázquez, respectivamente.

"Desde que Sánchez chegou á Moncloa a subida de impostos xa roza o centenar. Co novo ano incorpora nove subidas de impostos máis", sosteñen os senadores populares, que aseguran que con "Sánchez as familias pagan máis impostos que nunca, xa que agora cada español paga 2.600 euros máis en impostos ao ano, mentres que o Estado recada un 43 % máis que en 2018. Isto é insoportable". Así, reprochan que o Ministerio de Facenda suba o IVE ao 4 % aos alimentos básicos, como o pan ou os ovos; mentres que outros alimentos como a pasta pasan do 7,5 % ao 10 %. "Xa abonda de afogar aos españois e á súa carteira", subliña o PP.

CRÍTICAS A ARMENGOL

Na reunión, Rosa Sánchez e o resto de senadores do PP abordou a baixada do IVE ao 10 % do sector das barbarías e estética, aprobada fai máis dun ano no Senado a iniciativa do PP, e cuxa tramitación denuncian que "se atopa secuestrada por orde de Sánchez", no Congreso dos Deputados. "Esiximos ao Congreso que deixe de reter esta lei. É a primeira das 15 leis Feijóo aprobadas no Senado, e Armengol nega o debate por medo a perder a votación", subliñan.

Reunión da senadora do PP de Ourense Rosa Sánchez co sector da barbaría
Reunión da senadora do PP de Ourense Rosa Sánchez co sector da barbaría | Fonte: PP

O PP asegura que se trata dunha reivindicación que o sector leva pedindo desde hai 12 anos para manter a actividade e o emprego. "E cal foi a postura do Goberno? Rexeitar calquera tipo de melloras impositivas alegando sempre falsas escusas", apostila. Igualmente, critican que no Congreso producíronse ata 39 prórrogas a esta lei, "o nunca visto", ironizan. Por iso, lembran a Armengol que o próximo 5 de febreiro "ten unha oportunidade para acabar con esta situación. Pór fin a unha tomadura de pelo para un sector do noso tecido produtivo que emprega a 150.000 persoas, que ven en risco os seus postos de traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta