Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 21/01/2025 | Actualizada ás 14:28
Policía Local de Pontevedra porá en marcha unha campaña de control de uso das bicicletas e Vehículos de Mobilidade Persoal (VMPs) como patinetes eléctricos no centro urbano da cidade. Levarase a cabo entre o 27 e o 31 de xaneiro, segundo explicou este martes en rolda de prensa a concelleira de Seguridade cidadá Eva Villaverde. Indicou que este tipo de vehículos constitúen "o principal problema de mobilidade neste momento para este modelo de cidade" no que se prima a absoluta preferencia do peón.
A concelleira aclarou que non é un problema de mobilidade grave pero debe enfocarse a evitar que "non alcance máis gravidade da que xa ten, basicamente porque así o percibe a cidadanía e a veciñanza", como reflicten as queixas recibidas polo concello ante a inseguridade que perciben asociadas a este tipo de vehículos. "Hai que facer un control máis concreto cada certo tempo e de maneira periódica para que non empeore a situación", insistiu Eva Villaverde, que recoñeceu unha tendencia ascendente nos últimos anos de accidentalidade na que están implicados estes vehículos.
O pasado ano 2024 a Policía Local puxo 75 denuncias este tipo de vehículos. A maioría por circular pola beirarrúa, aínda que tamén houbo multas por positivos en alcol ou drogas. Os controis da campaña que agora se pon en marcha serán tanto estáticos como dinámicos e estableceranse naquelas zonas "máis sensibles", especialmente no centro histórico e tamén nos principais accesos ao centro urbano. Os obxectivos desta campaña son detectar as circulacións irregulares por zonas peonís ou de preferencia peonil e o exceso de velocidade.
Eva Villaverde lembrou algunhas das sancións establecidas como a multa de 100 euros no caso de que dúas persoas circulen nun mesmo VMP ou a multa de 200 euros por circular cun VMP en beirarrúas ou superando a velocidade dos peóns, utilizar auriculares ou usar o móbil mentres se conduce. Esa mesma sanción aplícase no caso de que os menores non leven casco. Ademais, multarase con 500 euros a condución temeraria, inadecuada ao tipo de vía ou á circulación. É a mesma sanción, 500 euros, que ten conducir baixo os efectos do alcol ou drogas no caso de menores, e tamén no caso de adultos, a sanción sería superior a 500 euros dependendo dos datos de consumo que se obteñan nas probas, e alcanza os 1.000 euros por negarse a realizar o test de drogas ou alcol.
A concelleira de Seguridade cidadá lembra que os condutores adultos de VMP deben circular sempre pola calzada. Só os menores de 12 anos poden utilizar as beirarrúas, acompañados por adultos. En zonas mixtas e de convivencia, a velocidade dos VMP non debe superar o 10 km/h; 6 km/h se hai viandantes e, en calquera caso, nunca deberá superar a velocidade dos peóns. O uso do casco é obrigatorio para menores de 16 anos en bicicletas e VMP, e a Policía Local recomenda tamén o seu uso entre adultos, aínda que non sexa obrigatorio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.