Denuncian manobras da Xunta para obstaculizar os recursos dos eólicos no TSXG

O PSdeG acusa á Xunta de mover de departamento autorizacións a eólicos para "cambiar de sección" recursos en TSXG. Xunta e Goberno iniciarán negociacións ante as discrepancias estatais sobre a nova normativa eólica e de vivenda

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2025 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

O PSdeG acusou á Xunta de mover de departamento as autorizacións a eólicos para "cambiar de sección" os recursos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Na Comisión de Industria, con motivo dunha comparecencia do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, a deputada socialista Patricia Iglesias advertiu de que "a pataca quente de autorizacións de proxectos de renovables, as autorizacións ambientais, pasouse á Consellería de Medio Ambiente, coa mala intención ou non de que os recursos contenciosos-administrativos das autorizacións dos parques eólicos cambiasen de sección no TSXG". "Se cadra é que eu son malpensada", agrega.

Iglesias refírese a a decisión da Xunta tomada o ano pasado de que Medio Ambiente pasase a centralizar a tramitación e outorgamento das autorizacións de proxectos eólicos, enerxía solar fotovoltaica e enerxía hidroeléctrica que sexan de responsabilidade autonómica, de modo que a Consellería de Economía quede só coas competencias de planificación. E é que lembra que hai 80 eólicos suspendidos en Galicia pola xustiza, con resolucións da sección terceira da Sala Contencioso Administrativo do TSXG, debido a "falta de sustentabilidade ambiental", o que achaca a que "a Xunta non está a facer os deberes en temas de sustentabilidade ambiental". Todo iso provoca unha "inseguridade insoportable" no sector eólico.

CHEGADA A GALICIA DOS CERTIFICADOS DE AFORRO ENERXÉTICO

Mentres, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, compareceu a petición propia para dar conta dos novos Certificados de Aforro Enerxético (CAE), un documento electrónico que recoñece de forma oficial o aforro enerxético derivado dunha actuación para mellorar a eficiencia enerxética dunha empresa ou unha entidade pública.

Estes certificados garanten que, tras levar a cabo unha actuación de eficiencia enerxética, conseguiuse un novo aforro de enerxía final equivalente a 1 quilowatt/hora (kwh). Desta forma, se se acomete unha actuación que implica un novo aforro anual de 500 kWh, poderanse obter 500 CAE.

Así, Galicia rexistrou un total de 67 expedientes CAE en 2024, o que supón ser a sexta comunidade en número de actuacións. Ademais, apunta que é a segunda comunidade en contía de aforro, só por detrás de Madrid, con 442 gigavatios hora, o que cualifica de "auténtico fito".

A deputada do PSdeG Patricia Iglesias. PSDEG
A deputada do PSdeG Patricia Iglesias. PSDEG | Fonte: Europa Press

XUNTA

Por outra banda, dous artigos da lei galega de orzamentos para 2025 e sete da lei de medidas fiscais e administrativas que os acompañan suscitaron discrepancias por parte do Goberno central, cuxos representantes sentarán con cargos da Xunta para tratar de chegar a un acordo e solucionar os conflitos que hai sobre a mesa sen chegar aos tribunais.

En concreto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica tres acordos da comisión bilateral entre as dúas administracións, que confirman a vontade de iniciar negociacións para tratar de resolver as discrepancias manifestadas polo Goberno, designar os grupos de traballo e comunicalos ao Tribunal Constitucional, así como publicalos nos boletíns oficiais galego e estatal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta