Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/04/2025 | Actualizada ás 15:50
O 25,7% dos 8.838.234 residentes nados no estranxeiro (2.267.190 persoas) chegou a España nos dous anos anteriores ao 1 de xaneiro de 2024, é dicir, entre 2023 e 2022. Desta cifra, o 13,2% fíxoo no último ano, segundo o Censo Anual de Poboación publicado este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este dato do 25,7% é o primeiro incremento que se produce desde a década de 2001 a 2010, cando alcanzou o 29,9%. Até entón, fora decreciente.
Entre os principais países, un 53,2% dos nados en Ucraína que viñeron a residir a España fíxoo en 2022 e en 2023, seguidos de Colombia (40,1%) e Perú (35,9%). Pola contra, os nados en Ecuador (11,8%), Reino Unido (13,4%) e Francia (13,8%) rexistraron as menores porcentaxes de chegadas nos dous últimos anos.
Pola súa banda, máis da metade da poboación nada en Romanía e Ecuador chegou a España na década de 2001 a 2010 (56,3% e 55,1%, respectivamente). No caso de Francia, a maior parte das chegadas, o 24,3%, ocorreu antes de 1981.
Esta estatística elaborouse con variables relativas aos anos de chegada aos diferentes ámbitos territoriais (España, comunidade autónoma, provincia, municipio), así como ao lugar de residencia anterior. Tamén amplía a información do censo 2023 con datos de nivel educativo e relación coa actividade económica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.