Por Galicia Confidencial | Vigo | 26/07/2016 | Actualizada ás 16:40
A I Cátedra Internacional José Saramago xa é unha realidade que nace na Universidade de Vigo, onde foi presentada nun acto ao que acudiu Pilar del Río, presidenta da Fundación José Saramago e viúva do escritor. A cátedra nace coa intención de "crear pensamento e levar á sociedade en xeral, portuguesa, galega e internacional, a discusión en temas esenciais e de afondamento no debate en torno aos grandes problemas nacionais e universais", segundo os seus propios estatutos, nos que se recolle ademais o obxectivo de "contribuír ao desenvolvemento, para o fornecemento da cohesión social e para a xustiza, e para iso, fundaméntase na obra, na vida e no pensamento de José Saramago”.
Pilar del Río aproveitou o acto para avisar de que é o momento de “loitar contra a indiferenza, o medo e a resignación”, tres vectores que Saramago identificou como característicos do noso tempo, “desde a cultura e desde a universidade”.
A cátedra foi presentada por representantes das institucións que son membros fundadores, a Universidade de Vigo e a Fundación José Saramago, e membros honoríficos, o Camões (Instituto da Cooperação e da Língua) e a Fundação Eng.º António de Almeida. A iniciativa, segundo recolle Rosa Tedín no DUVI, bota a andar despois de que en 2014 xurdise a idea no seo do Grupo de Análise e Estudos da Literatura e da Tradutoloxía da Universidade de Vigo e trala sinatura o pasado ano dun convenio entre as entidades fundadoras.
“A creación desta cátedra non puido acaer nun momento histórico máis oportuno”, recalcou o docente da Universidade de Vigo Burghard Baltrusch, presidente da cátedra, salientando como se vén de celebrar o Día de Galicia e como este ano se conmemora o centenario das Irmandades da Fala. Lembrando a relación de Saramago con Galicia, a través da súa obra e en visitas ao longo da súa vida, Baltrusch subliñou como “todos e todas gañamos con esta cátedra”, tanto Saramago como Galicia, España e o mundo lusófono.
Pola súa banda Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, dixo que a cátedra “pon en valor a obra e o pensamento deste autor” co obxectivo de “intentar recuperar o humanismo nas persoas” e ante a convicción de que “só ese humanismo nos permitirá ter futuro”. A cátedra nace na Universidade de Vigo, apuntou o reitor, aproveitando o papel de Vigo como punto de encontro e “lugar de maridaxe do mundo lusófono”. Neste senso, Pilar del Río tamén conentou que se aledaba de que fose “unha universidade nova”, como a viguesa, a que puxese en marcha esta cátedra, “xa que son os novos os que son donos do presente e do futuro”.
Fernando Aguiar-Branco, presidente da Fundação Eng.º António de Almeida, dixo que permitirá “perdurar e divulgar a valía cultural e humanística de Saramago”. Mentres que Filipa Soares, coordinadora para España do Ensino de Portugués do Instituto Camões, argumentou que non só dará a coñecer a obra de Saramago, senón que levará a cabo un “traballo extenso” de divulgación e difusión da cultura portuguesa e do pensamento do escritor luso. Lembrando como o pensamento dos escritores é inmortal a través das súas publicacións, Soares subliñou como a obra de Saramago obriga aos lectores a saír da súa comodidade e a pensar permanentemente na súa identidade.
PRIMEIRAS ACCIÓNS
A presentación da cátedra realizouse despois dunha asemblea dos seus membros na que se presentou a composición do seu primeiro comité executivo e o seu plan de acción para o segundo semestre do ano. Deste xeito, o comité executivo estará presidido por Burghard Baltrusch. Camiño Noia será a vicepresidenta e completarán o equipo Carlos Nogueira e Regina Carreira. Segundo explicou o presidente deste órgano, entre as primeiras accións da cátedra estarán a posta en marcha dunha base de datos de literatura crítica sobre a obra de Saramago, que completará e ampliará á realizada pola fundación dedicada ao Premio Nobel.
Outras das actividades prevista é a realización a principios de outubro dunha presentación da cátedra na Casa da Música, en Porto, coincidindo coa organización dun coloquio sobre Valter Hugo Mãe, gañador do Premio Saramago 2007. “As actuacións non se limitarán á obra do homenaxeado senón tamén á literatura actual”, recalcou Baltrusch. Por último, tendo en conta a data de nacemento de Saramago, o presidente da cátedra subliñou como en novembro se porán en marcha na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo unhas xornadas sobre o escritor luso que terán un carácter anual e nas que se buscará a implicación na organización e nos contidos non só dos docentes do centro senón tamén do alumnado. Como mostra desde desexo de implicar aos universitarios, o acto de presentación da I Cátedra Internacional José Saramago rematou coa lectura a cargo de dúas estudantes do centro de varios textos do escritor homenaxeado.
Estas serán as primeiras accións dunha cátedra que se constitúe como un espazo para a reflexión, o diálogo e a toma conxunta de acordos, co obxectivo de promover a cooperación científica, lingüística, educativa e cultural ao redor desta figura das letras universais e a través da investigación, da docencia e da divulgación social da súa obra e produción humanística. Segundo informa Rosa Tedín, entre os obxectivos desta iniciativa estarán o desenvolvemento de proxectos de divulgación social e de transferencia do coñecemento; a organización e a realización de todo tipo de actividades de divulgación e/ou difusión e promoción da figura e da obra de José Saramago, tales como cursos, conferencias, simposios ou seminarios; o apoio a docentes, investigadores e estudantes; o intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese en todo tipo de proxectos culturais e literarios; e a mobilidade de estudantes e de persoal docente e investigador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.