A Deputación de Lugo agarda que as contas de 2017 sexan aprobadas por unanimidade

Darío Campos presenta un orzamento con 84,8 millóns que levará a pleno o próximo 14. Confirma que o proxecto se enviou aos grupos da oposición e confía en que as contas sexan apoiadas por todos os grupos tras a reincorporación de Manuel Martínez ao grupo socialista.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 07/03/2017 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, acompañado da deputada de Economía e alcaldesa de Trabada, Mayra García, presentaron este martes o proxecto de orzamentos para este ano, que alcanza os 84,8 millóns de euros para políticas de emprego, sociais e infraestruturas nos 67 concellos da provincia. As contas irán a pleno o próximo 14 de marzo e Campos confía en que se poidan aprobar por unanimidade.

Darío Campos e Mayra García presentan as contas da Deputación de Lugo para 2017
Darío Campos e Mayra García presentan as contas da Deputación de Lugo para 2017 | Fonte: EP

Durante a súa intervención en rolda de prensa, expresou a súa confianza en que os orzamentos da Deputación de Lugo cos votos do once deputados socialistas, con Manuel Martínez xa plenamente integrado, os doce do PP e dous do BNG. "Os máis de 300.000 veciños dos 67 concellos da provincia son os protagonistas dos orzamentos desta institución", proclamou Campos.

"Todos os investimentos son para mellorar a calidade de vida e loitar pola igualdade de oportunidades nunha provincia como a de Lugo, envellecida, cunha ampla dispersión poboacional que se concentra no rural afectada o despoboamento demográfico", expuxo.

O presidente da Deputación explicou que as contas se asintan en tres "alicerces": "fomento de emprego, políticas sociais e infraestruturas". Para iso, destinarase máis da metade dos 84,8 millóns orzados, é dicir, un total 44,5 millóns de euros "que representa o 55,20 por cento" das contas.

Ademais destacou, unha medida que demandan desde o BNG, "a posta en marcha dun plan único para os 67 concellos dotado con 20 millóns de euros, e distribuiranse os fondos en base a criterios totalmente obxectivos". "Como xa se fixo en 2016 con máis de 10 millóns de euros", apostilou.

Campos salientou que a Deputación "respecta a autonomía local" dos Concellos, pois "cada un ten unhas necesidades concretas ás que atender para responder os veciños". Desta forma, serán os municipios os que "decidan o destino dos fondos do plan único", tendo en conta as políticas de actuación que veñen desenvolvendo na institución provincial nos últimos anos.

Isto é, a Deputación "fixará un mínimo" para crear emprego, ofrecer servizos e mellorar as infraestruturas. Os municipios poderán decidir en que invisten a parte restante, se para actuacións no ámbito do deporte, da cultura, do aforro enerxético, fomento do turismo, agricultura, gandaría, pesca ou novas tecnoloxías, entre outros ámbitos.

"SOLVENCIA ECONÓMICA E FINANCEIRA"

O orzamento consolidado da Deputación de Lugo para 2017 ascende a 84,5 millóns de euros, o que supón, con respecto a 2016, unha baixada do 3,92% --3,4 millóns de euros--, debido á liquidación da débeda da Xunta pola transferencia dos hospitais --a Deputación deixa de percibir 3,7 millóns de euros anuais-- e pola redución na retención aos concellos debido á recadación de impostos, que o goberno provincial baixou do 3% ao 1%, aforrando 745.000 euros aos municipios.

A deputada de Economía, Mayra García, puxo especial énfase en que se "mantén a consolidación e a solvencia económica e financeira desta institución con endebedamento cero e orzamentos estables e saneados". Ademais, significou que os gastos de persoal representan o 29,9% e baixan con respecto ao ano pasado en máis de 600.000 euros. Os gastos correntes representan o 16,61%, "manténdose a contención", dixo.

Darío Campos confirmou que o proxecto de contas xa se trasladou ao PP e ao BNG, respecto diso do que, de momento, non obtivo resposta. No entanto confía que os apoien, e espera que haxa "unanimidade". "Se cumpres o que piden e o plan único é importante para os concellos de face ao futuro para ter previsión de gastos, deberíanse de aprobar os orzamentos", concluíu.

ALICERCES DOS ORZAMENTOS

O primeiro alicerce é o de fomento de emprego e da economía. Destinaranse 6 millóns de euros a novas políticas de actuación de fomento do emprego e, simultaneamente, continuaranse con liñas como LugoWork (2 millóns), co que se ofrecen contratos en empresas a uns 300 mozos; e Ben Empregado 3, co que se financian con 2,4 millóns os custos laborais de case 200 novos traballadores. Tamén se continuarán programas como DepuEmprego, co que se xeran 264 novos postos de traballo con 3 millóns.

"Seguiremos sendo, por tanto, a administración galega que máis inviste na verdadeira xeración de emprego na provincia", salientou Campos, quen tamén informou de que é a única deputación que asume os custos dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), con 600.000 euros para contratación dos profesionais que ofrecen esta prestación.

"Cumprimos cos bombeiros da provincia e incrementamos 330.000 euros a partida correspondente para os custos laborais destes bombeiros, co obxectivo de equiparar os seus traballos cos de Ourense", indicou Campos.

Ademais, o goberno local tamén porá en marcha o Centro de Recría, xerando un mínimo de 10 postos de traballo; e impulsarase o sector turístico coas primeiras actuacións do Plan Estratéxico de Turismo, cunha achega de 1 millón de euros do novo orzamento.

Finalmente, neste ámbito destínanse 3,9 millóns de euros ao impulso do deporte na provincia; 6,1 millóns de euros á cultura e á Rede Museística; e 1,3 millóns ao Centro de Artesanía e Deseño.

POLÍTICAS SOCIAIS

A Deputación de Lugo dota de 6,3 millóns de euros ao departamento de benestar, incrementado en 2,1 millóns de euros con respecto ao ano pasado. Mantén a dotación económica para a prestación do servizo a domicilio a custo cero para os concellos, con 1,5 millóns, que se inclúen dentro do plan único; e garante a teleasistencia gratuíta e ofrece máis prazas: "Cando hoxe asumimos as de mil maiores da provincia, con 350.000 euros", destacou.

Ademais, hai preto de 370.000 euros para o funcionamento das residencias e centros de día cuxas obras están finalizadas ou a piques de finalizar. Son, en concreto, A Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pol e Pedrafita do Cebreiro.

En materia de educación pública, destínanse 1,6 millóns á Escola de Imaxe e Son do TIC; e 350.000 euros ao plan de choque do Campus de Lugo. "Incrementamos a nosa colaboración coas universidades lucenses, xa que destinamos outros 650.000 euros á construción da Granxa Experimenta na Granxa Gayoso Castro, e outros 300.000 euros á mellora do Hospital Veterinario Rof Codina", destacou Campos, quen tamén lembrou os 312.000 euros cos que colabora coa actividade da UNED.

INFRAESTRUTURAS

O terceiro dos alicerces, o de infraestruturas, conta con 18,4 millóns de euros. "Para melloralas, especialmente no rural, a través de programas como o POS, que dotamos de 5,7 millóns de euros, incluídos no plan único cos 67 concellos", remarcou.

Ademais, achéganse 18,4 millóns de euros á mellora das estradas provinciais e municipais, colaborando e aforrando custos aos concellos. Outros dous millóns de euros van a outras actuacións de dotación de infraestruturas públicas nos municipios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta