Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/03/2017 | Actualizada ás 09:00
Primeiro foron as Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) e despois a súa homóloga estatal, Juventudes Socialistas, as que este martes lanzaron duras críticas contra o futuro líder de Nuevas Generaciones do PP, Diego Gago, por "non condenar o golpe do fascista Franco".
Así, a formación galega denunciou que se "condecore" a Gago polo seu apoio ao dictador. Nun comunicado, o secretario xeral das XSG, Aitor Bouza, advertiu que Gago "pretende importar o modelo machista de Baltar, rancio e tradicional de Mariano Rajoy, e de amizades de Alberto Núñez Feijóo nas Novas Xeracións de España".
Pouco despois era o secretario xeral de Juventudes Socialistas, Nino Torre, o que lle lembrou as súas declaracións nas que obviaba que a Guerra Civil foi provocada por un golpe de estado e afirmaba que foi consecuencia da confrontación social, criticando ademais a política de exhumacións.
"Asusta coñecer que o futuro de Novas Xeracións pasa pola negación do pasado. Por unha persoa que manipula as causas da época máis lúgubre e funesta da nosa historia recente e que despreza, desa maneira, tanto aos que foron asasinados pola ditadura franquista como ás súas familias, que seguen esperando dignidade", asegura Nino Torre nun comunicado.
Por iso, dixo que lle preocupa que o supostamente próximo presidente de NNGG "non sexa capaz de condenar o golpe de estado de Franco, algo máis propio dos mozos de camisa azul que de calquera mozo demócrata".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.