Propoñen para Burela a primeira granxa de ondas do mar en Galicia e a máis potente do mundo

Expertos das universidades de Santiago de Compostela e Plymouth presentan un proxecto de explotación de enerxía undimotriz na que sería a primeira instalación destas características en augas galegas. Segundo os seus cálculos, dobraría en resultados a planta de enerxía de ondas máis eficiente do mundo, a de Mutriku, no País Vasco, que ten o récord de produción.

Por Alberto Quian | Lugo | 04/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A idea de crear un parque para explotar o potencial enerxético mariño en Galicia vén tomando corpo nos últimos tempos. Recentemente, un equipo do Centro de Engenharia e Tecnologia Naval e Oceânica (CENTEC) do Instituto Superior Técnico de Lisboa publicaba un estudo sobre a viabilidade dun parque eólico mariño en Galicia, en fronte de Ferrol. Agora emerxe un segundo proxecto para Galicia, en concreto, para Burela: a creación dunha granxa para explotar a enerxía undimotriz (a producida polo movemento das ondas do mar). A proposta, presentada na revista cientifica Energy, vén de investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Plymouth (Inglaterra): Nestor Areán e Rodrigo Carballo, profesores da área de Enxeñería Hidráulica do campus de Lugo, e Gregorio Iglesias, catedrático na Escola de Enxeñería e Ciencia Mariña da institución académica británica.

Distribución espacial dos usos mariños e áreas de interese medioambiental na área do porto de Burela
Distribución espacial dos usos mariños e áreas de interese medioambiental na área do porto de Burela | Fonte: N. Arean et al., en Energy 138 (2017) 910-919.

As chamadas 'wave farms' (granxas de ondas) son unha das modalidades menos divulgadas e desenvolvidas das enerxías alternativas. De feito, apenas levan unha década de experimentación e comercialización e existen moi poucas no mundo; na nosa contorna, a primeira granxa comercial de ondas do mar no mundo inaugurouse en Portugal en 2008, preto de Porto, mentres que en 2011 se abriu en Mutriku, no País Vasco, a máis produtiva do mundo. Outros científicos xa teñen exposto que a Península Ibérica, Francia, Reino Unido, Noruega e Irlanda son de interese para a explotación da enerxía das ondas. No caso da Península Ibérica, a zona con maior potencial enerxético é Galicia, cunha potencia media anual de ondas de ata 40-45 kW m−1, saliéntase no proxecto que agora se presenta. 

Os investigadores de Santiago de Compostela e Plymouth propoñen a que sería a primeira explotación da enerxía undimotriz en Galicia coa creación dunha granxa de ondas en augas de Burela. Estes profesores prognostican para os próximos anos un auxe no mundo destas instalacións para subministrar de enerxía a illas, comunidades periféricas e portos.

INSTALACIÓN SUSTENTABLE

Para o proxecto definiron primeiro tres posibles localizacións tendo en conta a obriga de evitar posibles impactos ambientais e a interferencia da explotación de ondas cos usos existentes do espazo mariño. A continuación calcularon o rendemento enerxético de seis tecnoloxías diferentes nas localizacións seleccionadas, determinando o convertedor de enerxía das ondas máis axeitado para cada punto.

As tres localizacións elixidas e analizadas para a instalación dunha granxa de ondas en Burela
As tres localizacións elixidas e analizadas para a instalación dunha granxa de ondas en Burela | Fonte: N. Arean et al., en Energy 138 (2017) 910-919.

Os expertos tiveron moi en conta que "a selección da tecnoloxía e a localización apropiadas para a instalación dunha granxa de ondas nunha rexión depende non só do recurso dispoñible e do rendemento que os convertedores de enerxía das ondas poden alcanzar en determinados lugares, senón tamén de aspectos socioeconómicos e ambientais, como as rutas marítimas, as zonas de pesca e de acuicultura e as reservas mariñas", explican. 

Con ese enfoque integrado, estudaron e simularon a viabilidade dunha granxa de ondas preto do porto de Burela, analizando minuciosamente os usos socioeconómicos e os aspectos ambientais que se poderían ver afectados pola explotación da enerxía das ondas. Unha vez identificadas as tres zonas —puntos A, B e C, en profundidades de 36, 69 e 113 metros—, nas que non existirían interferencias cos usos existentes do espazo mariño nin impactos medioambientais, seleccionaron seis tipos diferentes de convertedores de enerxía das ondas para determinar a súa eficacia en cada punto e concluír que tecnoloxía sería máis eficiente en cada área. Para esta tarefa obtivéronse os datos históricos das ondas en alta mar rexistrados pola boia de Estaca de Bares, onde se teñen medido ondas de até case 13 metros.

O DOBRE QUE A MELLOR GRANXA DE ONDAS DO MUNDO

Mediante complexas fórmulas matemáticas e computación, os expertos calcularon o potencial enerxético das tres zonas definidas e a eficacia das tecnoloxías seleccionadas previamente. As tres zonas estudadas situáronse gradualmente a distintas distancias da costa.

As potencias medias anuais obtidas foron de 12.5 kWm−1, 17 kWm−1  e 21 kWm−1 nos puntos A (36 metros de profundidade), B (69 m.) e C (113 m.), respectivamente. Ao combinar estes datos co rendemento de cada unha das seis tecnoloxías seleccionadas, os investigadores comprobaron que o uso do convertedor de enerxía de ondas Bottom-fixed Oscillating Flap (B-OF) no punto A —o máis preto da costa dos tres definidos— ofrece o maior rendemento enerxétio anual, con 2.656,05 megawatts por hora (2,6 GWh). Esta cifra calculada polos investigadores supón o dobre da potencia que xera a planta undimotriz de Mutriku, no País Vasco, que o ano pasado acadou o máximo rendemento rexistrado no mundo, con 1,3 GWh

Mesmo a segunda opción máis eficaz identificada polos expertos, a que se instalaría na zona máis alonxada da costa, no punto C, utilizando neste caso a tecnoloxía Archimedes Wave Swing (AWS), superaría por moito o rendemento da instalación de Mutriku, xa que acadaría os 2.406,99 MWh.

Unha instalación na zona intermedia, no punto B, sería a menos rendable, xa que a enerxía total que se podería xerar é substancialmente menor, cun máximo de 1.657,26 MWh utilizando a tecnoloxía Floating Oscillating Water Column (F-OWC). Con todo, igualaría o rendemento da granxa de Mutriku.

Malia que a profundidade da auga é moito maior no punto C —o máis alonxado da costa—, o cal fai a priori pensar que ten que ser máis óptimo para a instalación dunha granxa de ondas—, o certo é que os resultados obtidos neste estudo indican que non necesariamente os puntos máis profundos conducen a unha maior produción enerxética, subliñan os profesores das universidades de Compostela e Plymouth.

De momento, a granxa de ondas de Burela só é unha idea, un proxecto científico, unha proposta encamiñada a demostrar a importancia de considerar un enfoque integrado para definir a tecnoloxía e ubicación máis apropiadas para instalar unha infraestrutura de explotación da enerxía undimotriz reducindo ao máximo os impactos ambientais e os potenciais efectos socioeconómicos negativos. O caso de Burela sería un exemplo de "xestión eficaz integrada da zona costeira ao introducir un novo uso costeiro como é o dunha granxa de ondas", conclúen os autores.

Simulación dunha granxa de ondas.
Simulación dunha granxa de ondas.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Fagá-mo-lo nós

Ao final, a pergunta chave neste assunto é: quem é que vai investir e tirar lucro dessa instalaçom? Porque umha empresa de fora a explorar os recursos naturais galegos nom é um orgulho: é umha oportunidade perdida para a nossa economia, um pouquinho mais de colonizaçom, da qual já temos boa dose.