Por Galicia Confidencial | Lugo | 12/04/2018 | Actualizada ás 11:51
Hai catro anos Manuel Martínez era un descoñecido na política galega. Máis alá de Lugo e do concello do que é alcalde, Becerreá, a súa relevancia era case circunstancial. Pero hoxe o seu nome vai asociado ao transfuguismo político e a súa relación co partido que o veu crecer políticamente, o PSOE, vai acabar de xeito abrupto e pola porta de atrás.
Os seus constantes desafíos ao PSOE poden ter xa os días contados. Uns desafíos que comezaron desde o mesmo día que José Ramón Besteiro deixou a Presidencia da Deputación e foi substituído por Darío Campo. Martínez non entendeu nin aceptou ese relevo porque era el o que aspiraba a ocupar ese posto.
A súa ambición política levouno, precisamente, a desencadear a primeira gran crise do socialismo lucense e o seu berrinche provocou que a popular Elena Candia, coa que mantivo varios encontros en segredo, se fixera coa deputación. Eternas negociacións nas que Martínez pediu o ouro e o mouro – o PSOE acabou dándolle a Vicepresidencia e o control de Suplusa, órgano encargado de construír as residencias provinciais-- acabaron nunha moción de censura e a volta dos sociaistas ao goberno da deputación.
Houbo tregua durante uns meses ata que Martínez volveu mover os fíos do socialismo de Lugo para facerse co poder interno pero colleitou unha importante derrota fronte ao sector besteirista. A partir de entón comezaron novamente os problemas que remataron, precisamente, esta semana cunha nova crise no goberno do organismo provincial e, desta volta, con Martínez, fóra do partido.
ÚLTIMA BATALLA
De feito, o Grupo Provincial do PSOE pediulle a Pedro Sánchez a súa expulsión provisional e cualificou de “inadmisible” a súa actitude, así como de “moi graves” que teña votado co PP nos plenos. Por iso, se iniciou xa un expediente disciplinario que acabará, con toda seguridade, con Martínez fóra do partido.
Este xoves hai convocado un Comité Provincial para dar participación á militancia e aclarar detalladamente os feitos acontecidos do que sairá tamén unha resolución de apoio ao PSOE provincial e a petición de expulsión de Martínez. O alcalde de Becerreá, pola súa banda, xa anunciou que, desta volta, non recurrerá a sanción porque a súa intención é xa navegar en solitario a través dunha candidatura independente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.