Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/05/2018 | Actualizada ás 16:57
O Partido Popular vetou a comparecencia do presidente da Xunta, e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, no próximo pleno do Parlamento de Galicia para dar explicacións sobre a sentenza do caso Gürtel, un fallo que condena ao PP a pagar unha multa de 245.000 euros como partícipe, a título lucrativo, pola súa implicación nos primeiros anos de actividades da trama. Con todo, este asunto, polo que a oposición tamén esixiu a convocatoria dun pleno extraordinario que tamén foi rexeitada, centrará a sesión de control do pleno que se celebrará os próximos días 5 e 6 de xuño posto que o tres grupos da oposición —BNG, PSdeG e En Marea— centrarán as súas preguntas da sesión de control ao presidente neste asunto.
Ana Pontón, portavoz do BNG, considerou necesario que Feijóo "dea cara" en relación á "condena por corrupción" do seu partido e á vinculación "de Galicia coa trama Gürtel". Así, tras volver denunciar que a Xunta do PP "asinou 2.500 contratos" con empresas desta trama, criticou que o presidente da Xunta "proclame que non quere ser un Xudas" para o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, porque "prefire ser un Xudas para Galicia sendo cómplice da corrupción sistémica do seu partido".
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, preguntouse "que tería que pasar" para que Núñez Feijóo "se separe abertamente do comportamento da cúpula do Partido Popular e lle obrigue a asumir responsabilidades" a Mariano Rajoy.
Ademais, referiuse ás declaracións realizadas o luns polo presidente autonómico, nas que asegurou que nunca será un "Xudas" para Rajoy. Respecto diso, considerou que responden a unha "especie de simulación de apoio e de posible traizón en diferido".
Nesta liña, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, denunciou a "nula vontade de rexeneración democrática do Partido Popular", unha formación que ve "podrecida de corrupción desde hai anos". "O PP négase a dar explicacións aos galegos", denunciou antes de asegurar que este non é un problema de "traizón" senón de "decencia democrática".
Enfronte, o popular Pedro Puy acusou á oposición de tentar "derrubar o Partido Popular" e subliñou que "a sentenza", que "expresamente enumera todas as ramificacións desta trama", sinala que "non hai ningunha relación con Galicia".
Nesta liña, criticou que "o grupo minoritario", o BNG, "estea a liderar as accións de toda a oposición". "O Bloque, que camiña cara a unha radicalidade como vemos polo seu apoio a procesos como o da independencia en Cataluña, foi quen tomou a iniciativa de pedir a comparecencia do presidente e tamén quen expuxo un pleno extraordinario", asegurou.
Ademais, tamén criticou que En Marea leve ao próximo pleno unha iniciativa, "xa aprobada en 2017" na Cámara que pide a implantación da figura do enriquecemento inxusto ou ilegal no Código Penal.
OUTRAS INICIATIVAS
Outros asuntos que centrarán a orde do día serán o emprego, a sanidade ou a educación. Así, en primeiro lugar, os nacionalistas pedirán un "debate intenso" sobre a "situación económica e social" de Galicia ante a folga xeral convocada pola CIG para o 19 de xuño e defenderán dúas propostas para "activar unha axenda feminista" que recolla as demandas do 8M, como a creación dunha Mesa interuniversitaria contra a violencia de xénero que "evite" que casos como o do profesor da Universidade de Santiago que apoiou á 'Manada', Luciano Méndez, poidan repetirse.
Os socialistas, tal e como avanzou Leiceaga, volverán insistir na "falta de atención" do Partido Popular "aos problemas sanitarios dos galegos". En concreto, denunciarán a "falta de cobertura de recursos durante o verán" e pedirán que se "minimice o peche de camas". Tamén reclamarán mellorar as axudas aos desempregados, un tratamento fiscal que non "discrimine" aos emigrantes retornados, así como distintas medidas relacionas coa protección do medio ambiente.
En Marea volverá levar á Cámara a "estafa" que terminou na desaparición das antigas caixas de aforros galegas, preguntará polos atrasos das valoracións da lei de dependencia e presentará unha iniciativa para mellorar a conservación do patrimonio do Camiño de Santiago.
Pola súa banda, o PPdeG abrirá o debate sobre o mecenado na investigación ou sanidade, "un fenómeno positivo" no que, segundo defendeu Pedro Puy, "a Xunta debe involucrarse", aínda que "sempre deixando claro que isto consegue mellorar pero nunca operar como substituto do propio gasto público sanitario".
Ademais, os populares preguntarán polas axudas do Goberno galego para os afectados pola explosión de Tui e reclamará que a Xunta e o Concello de Santiago "fagan as xestións administrativas" que permitan poñer en marcha o transporte intermodal na capital galega "nos plazos previstos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.