Recuperase a cría de lobo mariño 'Barizo' que apareceu en Malpica

Nun primeiro momento, foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario do CEMMA, tras comprobar que presentaba síntomas de desnutrición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

A cría de lobo mariño cincento 'Barizo', que apareceu varada nas costas de Malpica (A Coruña) o 6 de xaneiro, xa se atopa no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), dependente da Consellería do Mar, para a súa recuperación.

O animal, de 110 centímetros de lonxitude e de 23 quilos de peso, foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario do CEMMA, en Nigrán, tras comprobar que presentaba síntomas de desnutrición e afección respiratoria.

Tras unha evolución favorable, mellorar o seu estado e comezar a alimentarse por si mesma, a cría foi trasladada ao IGAFA para continuar a súa recuperación. A cría do lobo mariño permanecerá entre tres e catro semanas nun tanque exterior de gran tamaño do IGAFA e será despois embarcada para ser liberada en augas do Gran Sol.

A manutención e a atención sanitaria do mamífero correspóndelle ao CEMMA, contando coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do centro. Ademais, aproveitarase a estancia da cría de lobo mariño para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños. 

O IGAFA xa participou na recuperación de oito exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016, 2017 e 2018. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación ambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de especies mariñas.

A cría de lobo mariño 'Barizo' na súa recuperación no IGAFA. XUNTA DE GALICIA
A cría de lobo mariño 'Barizo' na súa recuperación no IGAFA. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta