Antón Sánchez: “Hai máis problemas internos no PP que nas Mareas”

Antón Sánchez, deputado de En Marea no Parlamento galego, conversou con Galicia Confidencial sobre puntos que definen a actual política galega. O goberno de Núñez Feijóo, as posibilidades de frontes políticas como alternativas ao PP e o ambiente precampaña de cara as municipais de maio, formaron parte da conversa.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A formación política de Antón Sánchez (Alacant, 1974) está ligada ao seu traballo dentro do Sindicato Labrego Galego e a súa profesión de enxeñeiro en xardinería e hortofroticultura. Implicouse en asociacións para o desenvolvemento agrario nas Mariñas coruñesas, sobre todo desde o Concello de Bergondo onde formou parte da corporación municipal. Desde o ano 2017 é portavoz nacional de Anova.

Antón Sánchez, viceportavoz de En Marea
Antón Sánchez, viceportavoz de En Marea

O seu escano no Parlamento permítelle facer unha interpretación das diferentes formacións que concorren no Pazo do Hórreo. Isto permítelle ver ao goberno de Feijóo como un goberno que para el non está pendente da realidade.  “Hai unha situación de desleixo evidente se repasamos a acción de goberno dentro das diferentes áreas” e para el o exemplo é evidente “podemos comezar pola sanidade, que chegou a unha situación de colapso polos continuos recortes dos últimos anos”. Recortes que nestes momentos mobilizaron a todo o sector relacionado coa sanidade, desde ambulancias, médicos especialistas, empresas concesionarias do SERGAS, mortes en centros sanitarios e unha continua acusación desde estes sectores de favorecer a sanidade privada fronte a pública desde as institucións gobernatias galegas. 

Os factores concorrentes dentro da economía deixan ver para Sánchez o que considera “a impotencia total dun goberno ante o desmantelamento do sector industrial”. Esta situación de incapacidade por parte do goberno de Feijóo reflíctese nun comportamento institucional “sen unha política industrial”. Esta maneira de gobernar, de non atender por exemplo “os compromisos adquiridos pola consellería de Medio Ambiente coas directrices de protección da Paisaxe e do tratamento do medio ambiente”. O político de En Marea lembra que eses puntos de atención ao medio “están sen aprobar con notable atraso mesmo nas súas promesas”, por iso conclúe “creo que iso é a tónica xeral, desleixo e parálise”.

MUNICIPAIS E CUESTIÓNS INTERNAS

As últimas noticias que veñen desde o arco das candidaturas populares e mesmo de En Marea, non parecen emitir sinais de estabilidade. Os últimos exemplos ofrecidos polo PP desde o Concello de Santiago acusando a Compostela Aberta e Marea Atlántica de nepotismo en contratacións, están quentando o ambiente preelectoral. As reaccións, presentación de querelas por falsas acusacións. Noutros casos, as forzas alternativas ás tres forzas predominantes no panorama galego (PP, PSOE e BNG) semella que non ven posible un acordo entre elas para candidaturas de unidade.

Antón Sánchez. REMITIDA
Antón Sánchez. REMITIDA

Con todo isto, Antón Sáchez ve no que é “o municipalismo esas candidaturas, eses gobernos municipais funcionaron moi ben e penso que non houbo grandes problemas internos, e iso creo que a cidadanía o valorará”. Remata sentenzando que “en catro anos en xeral non hai graves cuestións, penso que hai máis problemas internos no PP que nas Mareas”

Sobre os gobernos municipais das candidaturas populares “estiveron sometidas a asedio desde que chegaron, foron percibidas como unha ameaza, porque eran persoas libres, sen ataduras e querían facer políticas para o interese da maioría da cidadanía”. Para Sánchez explica “o ataque político e mediático dos lobbies, que foi constante, por iso esperemos que a xente que as apoiou nas municipais actúe coñecendo esa realidade e se revele contra quen quere tumbar as mareas”.

DIFERENZAS INTERNAS E EXTERNAS

“Creo que sempre que sexa posible, entre as forzas da oposición hai que cooperar, sabendo que son diferentes a nivel político pero tendo cuestións en común que hai que valorar”. É a resposta á posibilidade dunha alianza entre os socialistas, Bloque e En Mara. Antón Sánchez reafirma as súas palabras “sabendo que o único xeito de alternativa ao PP neste páis é unha alternativa diversa e plural, pola nosa parte o adversario está claro, o PP e as súas políticas”.

As especulacións sobre enfrontamentos internos en En Marea, foi cualificado por algunhas voces como unha loita de egos. “Creo que non, creo que no noso espazo de En Marea deberíamos ter claro o grande apoio que tivemos da cidadanía e deberiamos estar á altura dese apoio” responde Sánchez sobre ditas especulacións. “No noso espazo o que si hai é un proxecto en común onde se xuntan diversas sensibilidades políticas e é normal que haxa debates”.

Os debates referidos por Antón Sánchez están sendo aproveitados por outras formacións para apuntar un “desgaste” da formación rupturista en que é parlamentario. “A miña opinión é que non se deben “criminalizar” os debates, senón que deben verse desde unha posición aberta, deberan ser vistos como normais dentro do noso espazo”. 

E que ocorre coas diferenzas entre os tres grupos opositores en Galicia? “Os puntos de encontro deben ser tratar os problemas reais da xente, o desmantelamento da sanidade, as agresións ambientais e actividades extractivas, penso que debemos estar de acordo na falta de alternativas nos sectores secundario e primario, son puntos onde debemos estar de acordo. Os egos e os nomes nunca deberan estar por diante diso”.

A MAIORÍA DO PP

As dúas características que para Sánchez definen a acción executiva de Feijóo non parecen frear as maiorías absolutas consecutivas do PP. “Nos resultados electorais inflúen moitas cousas” sinala para continuar que nas eleccións se xulga o comportamento do goberno. Nese sentido “os datos para nós son claros, desde que goberna Feijóo, Galicia perdeu peso a nivel demográfico, económico e ten menos emprego que cando chegou”. Entón cal é a resposta a case dez anos de presenza do PP na Xunta? “Outra cousa é que o PP a nivel de maquinaria electoral poda ter outras armas, pero se analizamos a acción de goberno é absolutamente negativa para este país”.

A capacidade mobilizadora do PP fronte aos demais partidos ten alguén que prepare a maquinaria. Preguntado sobre quen pode estar detrás de todo o aparello electoral “popular”, Antón Sánchez di descoñecer este punto. “Creo que hai poderes fóra do poder político preocupados en manter este stato quo e este marco, e que o PP representa os intereses deses poderes, ten un grande apoio por parte seguramente de quen ten beneficios destas políticas”.

A NOVA DEREITA

As voces expertas falan sobre o medo do PP á perda de votos pola a presenza de dous partidos máis no arco da dereita, Ciudadanos, xa presente desde hai uns anos e Vox, que vén de acadar unha forte presenza en Andalucía. Non obstante, para Antón Sánchez a análise indica que “en Galicia para ter presenza política hai que ter presenza na sociedade”.  “Moitas veces o que pasa con estas forzas políticas é que aterran coas mesmas fórmulas de Madrid”, por iso conclúe que “son alternativas sen arraigo en Galicia”.

Sobre pactos PP-Ciudadanos e se cadra algún con Vox, para Antón Sánchez non hai dúbida que “o PP xa mostrou a súa verdadeira cara en Andalucía”. Sánchez analiza brevemente “en Europa, en países como Alemaña ou Francia isto sería sorprendente, a dereita alemá e francesa sempre se negaron a pactar coa ultradereita”. E aínda profunda máis cando di que “aquí a diferenza está en que o PP está reproducindo o mesmo discurso que Vox e iso, non teño dúbida que traería unha alianza”.

COALICIÓNS

As alternativas pasan a día de hoxe por unha colación parlamentaria en caso de sobrepasar en votos ao PP. Non obstante, a experiencia do “bipartito” debera servir para aprender que un goberno a tres bandas tería que manterse a base de negociacións constantes. “Iso é unha hipótese que se debera ver. Pero fundamentalmente debemos ter claro que esa alternativa vai ser plural independentemente da correlación de forzas que haxa”, di Sánchez que apunta máis “creo que calquera goberno debe estar baseado nun programa político e de acción de goberno moi claro. Penso que é necesario establecer liñas de actuación e obxectivos de acción política”.

A creación dun hipotético “tripartito”, por tanto, non se vería limitado por  grandes diferenzas insalvables pois “de derrotar o PP habería que ter a obriga de encontrar ese programa para as forzas á esquerda do PP, para non defraudar a cidadanía, que cando vota faino a unha alternativa, pero tamén para derrotar o PP”, punto que obrigaría a acordar mínimos comúns entre forzas. “Con eses mínimos xa avanzariamos moito, independentemente de que habería que naturalizar as discrepancias, pero estas discrepancias non deberan paralizar unha acción de goberno”.

Dita acción de goberno para Sánchez non pasa só “pola política institucional senón que é a política na rúa, coa cidadanía, a que verdadeiramente fai avanzar”. “Nos últimos anos os logros dos obxectivos sociais viñeron máis da rúa que das institucións, é evidente que o noso papel é trasladar as demandas da xente ás institucións”. Esas demandas estarían  “en cuestións de consquistar dereitos de vivenda, defensa do territorio e contra os abusos bancarios, o liderado sempre veu da rúa e iso hai que telo en conta”.

Sobre política lingüística, un temor dentro de posicións máis nacionalistas ante un pacto co PSdeG, sería a pouca implicación dos socialistas dentro deste terreo. “Creo que non, despois de moitos anos de agresión ao galego, hai motivos de abondo para recuperar os acordos xa asinados”, en referencia a lei de Normalización Lingüística que no seu día tamén asinara o PP.

CUESTIÓNS INTERNAS

As últimas preguntas son sobre cuestións internas de En Marea, aínda que Antón Sánchez non gosta moito de falar sobre elas. “Non é momento de centrarse en cuestións internas, é cuestión de centrarse nas cuestións que afectan á sociedade e nas eleccións municipais, para nós, ese espazo é decisivo”.

Se existen fendas dentro do proxecto no que el está inserido responde “o que analizamos é que o espazo de ruptura é un proxecto dinámico e en construción e debemos avanzar tendo en conta iso, manter a aposta pola ruptura”. Esa aposta xustifícase para el en que “non ten sentido a nosa forza sen ese horizonte, o marco actual non nos serve, o réxime actual ten unhas institucións desde as que é moi difícil facer cambios profundos para que reverta no benestar das persoas”.

A conclusión é que “non debemos descansar para ter mellores condicións para a cidadanía e un mellor autogoberno para Galicia que neste marco do réxime do 78, tampouco é posible acadalo se non o rompemos”. A conversa remata volvendo a insistir en que “a aposta pola ruptura é fundamental e o traballo está nas rúas e  nas institucións para trasladar as demandas da xente desde a rúa”, e sobre todo “que este non é un proxecto rematado senón que é un proceso dinámico con estas claves”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 rascalnicov

mirade que eu mando chistes grotescos (alguns son tanto que non os publican) pero o que din os mareantes de anovación e moito!!! pero que moitisimo!!!

2 Gamela

O proxecto En Marea naceu xeográficamente en Vigo e Vigo está orfo de alternativas ! En Marea non foi quen de estar á altura dos votos recibidos... En Marea é a única responsable das liortas internas interminables durante estes dous anos, nin hai liderazgo nin hai proxecto! Só palabras baleiras que leva o vento... https://i.gal/gamela03

1 non o vexo¡¡

Sr. Antón eso é así dende fai moitísimos anos... pero eles teñen un poder mediático a anos luz do de vostedes e mais unha masa bastante acrítica de cerebros... non saber esto é simplemene non ter idea do chan que un pisa... por iso caeu o bipartito porque pensaba que na idade media se podía ir falando abertamente de que a relixión era o verdadeiro problema e que as bruxas non existen... a masa enfervorizada queimounos por erexes... vostedes sigan parecendo tan unidos que xa verán o que pasa en tres meses... non aprenden ou mellor dito non saben¡¡