O 17 de maio, 'festa rachada': día das Letras Galegas, de Internet, da reciclaxe, contra a LGTBIfobia...

As Letras Galegas teñen que deixar oco a outras conmemoracións e festividades nun calendario que xa non dá máis de si.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/05/2019 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

Como cada 17 de maio, hoxe é festivo en Galicia. Os galegos celebramos o Día das Letras Galegas, a nosa maior festa, canda o 25 de xullo, Día da Patria. Un día para celebrar que temos unha lingua propia milenaria e para render homenaxe a aqueles que a practicaron, defenderon, coidaron, enriqueceron e difundiron impresa en novelas, poesías, ensaios, cadernos, artigos... que conforman a biblioteca do que fomos e somos como pobo.

Festa
Festa | Fonte: Zeitfixierer en Flickr.

Desde hai 56 anos, o 17 de maio é o noso día. Ou o era... Porque agora as Letras Galegas teñen que deixar oco a outras conmemoracións e festividades nun calendario que xa non dá máis de si. 365 días quédanse curtos para celebrar tantas efemérides e eventos mundiais e locais sinalados no calendario.

Unha sorte de burbulla festivo-conmemorativa satura o limitado calendario, coa ameaza de estouparnos na faciana de tantas celebracións e reivindicacións. No mundo posmoderno (ou hípermoderno), pasamos de encher o calendario de santos martirizados a saturalo de festas para todo tipo de crentes: os que cren na lingua galega, os que cren na loita contra o cancro, na emancipación da muller do sistema patriarcal, na erradicación da pobreza, nas persoas discapacitadas, na diversidade cultural ou en Nelson Mandela, pero tamén os que cren no home do tempo, no número Pi, nos ovos, no Monopoly ou nos retretes.

Con tantas festas e crenzas, era complicado acaparar para nós sós o 17 de maio. Así que o noso día, o das letras impresas en galego, deixou hai xa tempo de ser só o noso día. As Letras Galegas compiten desde hai tempo con Internet, a reciclaxe e a loita contra a LGTBfobia e a hipertensión, que se  apropiaron tamén deste día para celebrarse. Todas elas, trending topic hoxe en Twitter, na súa pelexa pola visibilización.

A nosa foi a primeira, creámola en 1963; as outras chegaron máis tarde, pero en 24 horas talvez teñamos tempo de celebrar cinco festas, se nos repartimos ben.

Pero ollo! Sexa comedido, porque mañá, non o esqueza, temos máis festas: o Día dos Museos, para os que se acordan da arte unha vez ao ano, ou o de San Félix de Cantalicio, para os que seguen indo a misa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta