O Ensaio de Cronoterapia Hygia, realizado durante once anos en 40 centros de Atención Primaria, foi duramente criticado pola Sociedade Europea de Hipertensión por concluír algo até agora inaudito, que as persoas con presión arterial alta deben tomar os medicamentos antes de durmir, e non pola mañá, para controlar mellor a tensión e reducir riscos de morte ou enfermidade por problemas cardíacos ou vasculares. Os investigadores galegos cuestionan a validez das guías actuais da Sociedade Europea de Hipertensión e a independencia de quen as compón, e consideran que as críticas ao seu traballo son “nesgadas, insostibles e enganosas”, e “revelan intereses espurios”.