Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/09/2023 | Actualizada ás 15:09
Continúa a polémica sobre o uso do galego no Congreso. PP e Vox xa anunciaron a súa total negativa a que as linguas cooficiais do Estado, galego, catalán e euskera, poidan ser utilizadas na Cámara Baixa como xa se fai na Cámara Alta. E a esta negativa tamén se suma o presidente galego, Alfonso Rueda, que mantén o argumento de semanas anteriores: "non é algo prioritario".
"É unha riqueza e estou moi orgulloso do bilingüismo en Galicia. Pero isto non quere dicir que haxa que utilizar pinganillo para entenderse cando se pode usar unha lingua común que é o castelán", volveu repetir este xoves Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
"Ten moi pouco sentido algo que non é prioritario. A min non me fai máis galego usar o galego con alguén co que podo falar en castelán", destacou. E insistiu en que non é un tema prioritario, sobre todo, "polo que se está negociando e todo o que se está cedendo", dixo en alusión ás negociacións do PSOE cos independentistas. "As cousas que Galicia precisa e se lles dan a outros, iso si que para min é máis importante", apuntou.
Por iso, quixo deixar claro que non se opón ao galego e lembrou que xa o usou no Senado, "pero alí hai representación territorial e penso que aí está ben o seu uso". Tampouco se opuxo a súa oficilización na UE. "No Parlamento Europeo hai varias linguas e en España hai unha lingua común. Todos os deputados coñecen unha mesma lingua", dixo en alusión ao castelán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.