O Goberno dotará a Santiago dun novo xulgado do social, pero Lugo seguirá sen esta unidade

Javier Losada lembra que o repartición se fai en función da "carga de traballo" e censura as críticas do vicepresidente da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O Goberno dotará a Santiago de Compostela dun novo xulgado do social, atendendo desta maneira a unha das peticións que realizou a Comisión Mixta de Xustiza --Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)--, así como os avogados e outros axentes sociais.

Anunciouno este martes o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, quen asegurou que a proposta "definitiva" do Ministerio de Xustiza si incluirá este xulgado para a capital galega, así como outro xulgado deste tipo en Vigo e un de Primeira Instancia na Coruña. Con todo, esta decisión non contempla nin a creación dunha praza de maxistrado na Audiencia da Coruña, que si se incorporaba na proposta que transcendeu a pasada semana, nin un xulgado do social para Lugo, que era outra das principais peticións.

O pasado xoves coñeceuse que o Goberno comunicou á Xunta a creación de tres unidades xudiciais para Galicia --xulgado do social en Vigo, xulgado de primeira instancia número 14 na Coruña e unha praza de maxistrado para a sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña--, de forma que entre elas non se atopaba este xulgado para a capital galega.

Ese mesmo día, nada máis transcender o escrito do ministerio ao departamento do ramo da Xunta, promoveuse e aprobou no pleno ordinario do Concello de Santiago unha declaración institucional na que todos os grupos políticos mostraron o seu "rexeitamento" á decisión.

Antes de coñecerse a noticia, o Concello de Santiago foi escenario dunha fronte común de toda a Corporación para reclamar que o Ministerio de Xustiza "recapacitase" e dese luz verde á creación dun xulgado do Social na capital de Galicia. Os portavoces dos grupos municipais mantiveron un encontro co decano dos procuradores de Santiago, Fernando González-Concheiro, e co decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal, co fin de defender a necesidade deste xulgado.

Neste escenario, o delegado do Goberno en Galicia criticou este martes as palabras de Alfonso Rueda nas que sinalara que a Xunta estaría disposta a asumir os custos da nova unidade xudicial, posto que, aclarou Losada, "aos maxistrados e aos letrados dos xulgados quen os financia é o Estado".

LUGO, SEN XULGADO DO SOCIAL

Aínda que finalmente Santiago si contará co xulgado do social --mentres se perde a praza de maxistrado para a Audiencia Provincial--, Lugo quedará sen el, tal como tamén pediron a Xunta e reivindicaron nunha declaración institucional este luns todos os partidos políticos con representación no Concello da cidade amurallada.

Esta petición sumouse tamén á feita polo colexio de avogados pola "excesiva" carga de traballo que supón, segundo os seus datos, que os xulgados reciban (o tres do social de Lugo) unha media de 1.150 asuntos anuais, o que supón unha sobrecarga do 145% e afecta a 4.000 lucenses.

"A Xunta sabe perfectamente como é a metodoloxía para adxudicar xulgados en cada comunidade autónoma, que está perfectamente regulada e desenvolvida co Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ). Faise de acordo ás cargas de traballo e ao que piden as comunidades autónomas e o CGPJ", subliñou Javier Losada.

CARGAS DE TRABALLO

Na súa intervención, Losada culpou das cargas de traballo que teñen "certos" xulgados de Galicia á folga "máis intensa e de maior duración" que, segundo o delegado do Goberno, "tivo unha administración pública en España", en relación os máis de 100 días que durou o conflito dos funcionarios autonómicos de xustiza en 2018.

"A Xunta de Galicia e os seus responsables teñen que pensar cal foi a súa posición e que levou a esta gran carga de traballo que levará moitos anos, de acordo ao que din os propios xuíces, en resolverse", avisou Losada.

Neste sentido, destacou que o Goberno central está "a cooperar" con todas as organizacións de xustiza de toda España, e no caso de Galicia, coa "disposición" de darlle saída a quen teñen unha maior carga de traballo.

Delegado do Goberno en Galicia avanza que a decisión 'definitiva' de Xustiza. GOBERNO
Delegado do Goberno en Galicia avanza que a decisión 'definitiva' de Xustiza. GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta