Diplomas de ouro de praias sen fume para Cabana de Bergantiños, Dumbría e Corcubión

"O obxectivo é que a mocidade saiba que o normal é non fumar e avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, así como converter esta contorna en educativo e preventivo", indicou o Executivo autonómico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2019 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

O director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares Rodríguez, entregou este martes aos representantes dos concellos coruñeses de Cabana de Bergantiños, de Dumbría e de Corcubión o diploma de ouro da Rede Galega de Praias sen Fume, por declarar sen fume de tabaco todos os seus respectivos areais.

Así, esta rede, que se iniciou no ano 2016, partindo dunha iniciativa do Concello de Baiona (Pontevedra) do ano 2012, conta xa cun total de 141 praias, 29 delas fluviais, e 64 localidades.

Na actualidade son xa 10 os concellos coa acreditación de ouro, é dicir, que teñen todas as súas praias dentro da rede. Estes son Baiona, Corcubión, Rianxo, Barreiros, A Guarda, Noia, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Dumbría e Cabana de Bergantiños. Ademais, outros 13 contan coa categoría de prata, é dicir, como mínimo, teñen a metade das praias do concello dentro da rede.

"Galicia é pioneira a nivel nacional con esta iniciativa e varias comunidades autónomas planifican seguir esta medida. Este é o caso, por exemplo, de Murcia, que creou o pasado ano a súa rede; Andalucía, que quere comezar este ano ou Valencia, que tamén se quere sumar á iniciativa", subliñou o Goberno galego nun comunicado.

PERCEPCIÓN SOCIAL DO TABACO

A rede naceu cun fin educativo e de sensibilización social, recalcando a importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, "como figuras modélicas que son".

"O obxectivo é que a mocidade saiba que o normal é non fumar e avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, así como converter esta contorna en educativo e preventivo", indicou o Executivo autonómico, quen insistiu en que Sanidade pretende que "nos próximos anos" todas as praias galegas formen parte da rede.

Nos areais sen fume non se pode fumar en todo o areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalaría situados nelas. Non existe vixilancia nin sanción para o incumprimento. "É unha elección voluntaria e persoal seleccionar unha praia sen fume como lugar de lecer e, por tanto, o seu cumprimento é unha responsabilidade persoal", sentenciou.

Praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo
Praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta