Milleiros de persoas maniféstanse en Compostela polo "cambio político real"

Milleiros de persoas ateigaron a Praza da Quintana e as rúas de Compostela na tradicional manifestación do BNG neste Día da Patria Galega. Ana Pontón, que considera que esta mobilización "marca o remate dun ciclo político", chamou ao país a "levantarse e conquistar un futuro mellor".

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 25/07/2019 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

Santiago foi neste Día Nacional de Galicia o punto de referencia de milleiros persoas procedentes de diferentes comarcas do país que viñeron manifestarse outro 25 de Xullo máis xunto co BNG. Unha manifestación que segundo a propia Ana Pontón "marca o remate dun ciclo político" para dar paso a outro que mira o "futuro con optimismo". Neste día de "reivindicación" e de "celebración", apela a un "cambio real" que deixe atrás "a discriminación que practican as forzas estatais neste país" e que puido comprobarse tamén, asegura Pontón, no debate de investidura.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no Día da Patria
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no Día da Patria | Fonte: BNG

A manifestación, seguindo a tradición de todos os anos, comezou ao redor das doce e partiu da Alameda, onde pouco a pouco se foron congregando persoas con diferentes bandeiras e pancartas para reivindicar os dereitos de Galicia como nación. Á cabeza, unha gran estreleira termada por uns cantos militantes, ao compás do son das gaitas do tamén habitual grupo Treboada do Baixo Miño, e a continuación, a executiva do BNG. Xa logo, outra gran bandeira que berraba "Por unha Galiza libre, feminismo en loita". Centos de manifestantes seguían entón os pasos marcados pola cabeceira, ao berro de "Galiza ceibe, poder popular", "independencia", "Na Galiza en galego" ou "Galegos somos, galegos seremos, por españois nunca pasaremos".

FESTA E REIVINDICACIÓN POLA RÚA

Alí, case en primeira fila e atenta ao desenvolvemento da marcha, atopábase Luz Fandiño, escritora e activista galega. "Estou aquí porque son galega e porque son independentista", reafirmábase mentres o dicía. A loita de mulleres coma Luz nunca remata: "cada día máis intransixente con quen nos desgoberna". Facendo súas as reivindicacións de toda a mocidade, "para que non teñades que emigrar como tiven que facer eu", Luz alí estaba, ao pé das protestas do país. 

Ana militou sempre no nacionalismo. "Galicia necesita un partido forte nacionalista que defenda os seus intereses", conta. E xunto a ela, estaba Josu, un home vasco que veu este ano por primeira vez. "Quería ver o ambiente. Os medios de comunicación oficiais sempre nos ensinan a outra parte do asunto, e como vasco síntome moi solidario coa causa da soberanía galega". 

Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019

Alfonso Mouzo portaba ao longo da manifestación, e xunto cos seus compañeiros, unha pancarta que pedía unha solución enerxética. "Eu levo vindo dende que era rapáz. Este é o día grande de Galicia e emociónome co día de hoxe. Ademais, reivindicamos unha tarifa eléctrica para as empresas electrointensivas, e aquí estamos". Máis adiante había outro grupo cunha outra pancarta ben peculiar. Versaba: "A lubina é a robaliza, e a nosa Patria é Galiza". Contaba un dos que termaba dela que "aquí tiñamos que estar Galicia enteira". "Non queremos substituír as palabras galegas polas castelás, é un xenocidio ao que estamos asistindo. Quérennos eliminar do mapa", criticaba. O grupiño viña do Carballiño, Ourense e Cangas, e xa levan en Compostela dende este xoves, porque segundo contan, "hai un ditado galego que di: ás festas, na víspera". 

Andrea e Iria levan vindo toda a vida, dende que eran cativas, á manifestación. Relatan que acorden para defender a Patria, para defender que "somos unha nación e merecemos o noso recoñecemento neste Estado putefactro". "E tamén por festexar!", recórdalle a compañeira. "Para facer piña e sentirte parte dun proxecto", continúa. Sara, pola súa banda, asiste para "amosar o amor sen complexos á terra, a lingua e á cultura".

A xornalista e escritora Margarita Ledo tamén fixo acto de presenza, igual que vén facendo dende os anos 70.  "É a manifestación que me representa, e que representa o programa que eu querería que se aplicara. Ademais, é urxente que se aplique!", conta entre risas Margarita, que tampouco se esquece de que este é un día de festa. 

UNHA PRAZA DA QUINTANA ATEIGADA

A canción "O soño necesario para un soño", de Mini e Nao, amenizaba a chegada dos manifestantes á Praza da Quintana. Mentres un mar de paraugas ía pouco a pouco ateigando o lugar, Olaia Rodil tomou a palabra dende o palco para expresar o "orgullo" que sentía de ver un ano máis tanta xente na capital galega, aínda a pesar "deste tempo tan galego e atlántico". "Aínda que chove, o nacionalismo galego non encolle", sentenzou. O grupo de gaiteiros e gaiteiras de Neboa do Fiouco colleu o relevo do acto para tocar unha peza antes de que Olaia Rodil volvese para saudar aos concelleiros e concelleiras eleitas. Tamén nomeou, entre outros, aos traballadores do sector electrointensivo, de Ferroatlántica e de Alcoa e parabenizou á CIG polo seu "sindicalismo combativo, nacionalista e de clase".

Deu, igualmente, un saúdo agarimoso para a mocidade nacionalista, Galiza Nova, "peza fundamental, columna vertebral do BNG" e á coordinadora nacional de emigrantes retornados e á memoria de Manolo Domínguez, "patriota, compañeiro, un dos imprescindibles". Rodil tamén recordou o apoio de forzas internacionais á manifestación, onde tamén tivo especial presenza a loita do pobo catalán e o soporte aos presos independentistas. Do mesmo leito, Palestina fíxose protagonista dun dos momentos do acto, onde toda a Quintana berro "Palestina, vencerá". 

A seguinte quenda foi para Pablo Ríos, membro da Comisión Permanente de Galiza Nova. No seu discurso reivindicou o traballo da mocidade por cambiar as cousas, aínda operando "nun contexto desfavorable", onde impera a precariedade laboral, os salarios cativos e as pensións "máis baixas de todo o Estado". "Ser moza é sinónimo de estar no paro", criticou. E a solución, segundo Galiza Nova, pasa pola construción dunha República Galega, pero "non calquera, non servil, sen paternalismos nin dirixismos". Ríos, apoiado polos azos dos manifestantes presentes, asegurou tamén que a mocidade non só era o futuro, senón que era o presente. 

A última palabra tívoa Ana Pontón, que agradeceu, en primeiro lugar, a presenza de todas e todos naquela praza. "Nada tería sentido se vós non estiverades aquí", expresou, á vez que representaba a dirección dun "BNG renovado, moderno, dixital" e que xa "ten unha sólida base social, máis determinante do que din os resultados electorais". Apelou a que ese sentimento de identidade "maioritario" que emerxeu neste Día da Patria nas rúas "cristalice politicamente". 

Ana Pontón criticou tamén a "irrelevancia política" á que se ve sumida Galicia por parte das forzas estatais, que "non defenden os intereses deste país". Así mesmo, prometeu que o BNG ha "deixar a pel para que Galicia teña voz en Madrid" e para pasar páxina respecto do "decenio negro dun Feijóo e dun Rajoy que durmiu e apagou o país". Pontón rematou o seu discurso desexando "mil primaveras máis para a nosa lingua" e apelando a unha Galiza esperta. "Galiza, corramos, levantémonos e conquistemos un futuro mellor", berrou perante os que alí se congregaban. 

O Himno Galego puxo o broche final á mobilización, e a imaxe da Praza da Quintaba volvendo entoar os versos de Pondal ao son das gaitas finalizou, de novo, o acto deste Día da Patria do 2019. 

Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Cachamuiña

“Galiza Ceibe, Poder Popular” “Independencia” “Na Galiza, en Galego”, “…galegos seremos, por españois nunca pasaremos”, acompañados do que para eles son simpáticos extranxeiros coma independentistas cataláns e vascos (entre eles algún simpatizante de ETA ou HB), críticas e negación do “Estado putrefacto español”, do que todos eles comen e no que parecen vivir moi ben xa que o berro de poder popular nas bocas de recalcitrantes (ou disimulados) burgueses non acaba de encaixar…En fín, só lles faltou recuperar os “eslogans” que Lobeira, Jorquera ou Mera berraban na súa xuventude: “Autopista Non” (pola construcción da A9), “Viva Galiza Ceibe e Portugal” ou “Disolución dos Corpos Represivos” (polo Exército, Policía e Garda Civil) e así levan caseque medio século. O curioso do caso é que todo esa liturxia, aparece presidida por UNHA BANDEIRA DA II REPÚBLICA ESPAÑOLA!!!

1 Gamela

Coarenta anos nos contemplan // http://www.parlamentodegalicia.es/C...