Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2019 | Actualizada ás 12:46
O Festival Internacional de Cinema de Santiago 'Curtocircuito', que se celebrará entre o 28 de setembro e o 6 de outubro, acollerá na súa décimo sexta edición a preestrea de 'O que arde', o último filme de Oliver Laxe, producido pola galega Miramemira, 4 a 4 Productions, Tarantula e Kowalski Films.
Segundo informou a organización, esta sesión especial terá lugar o martes 1 de outubro, ás 22,30 horas, no Teatro Principal de Compostela, e contará coa presenza do cineasta e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme.
O pasado mes de maio, Oliver Laxe fixo historia ao converterse no primeiro cineasta español, xunto a Víctor Erice, en ser seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras e o único en ser premiado en todas as súas participacións. No certame, 'O que arde' fíxose co Premio do Xurado da Sección Oficial 'Un Certain Regard' e o Premio á Mellor Creación Sonora da sección.
A película, que se converteu nunha do catro españolas seleccionadas nos Premios do Cinema Europeo, terá a súa estrea estatal no Festival de San Sebastián no mes de setembro. Ademais, nos próximos meses competirá nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos, como Toronto ou Nova York, antes de chegar ás salas comerciais o próximo 11 de outubro, da man de NUMAX Distribución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.