Por Galicia Confidencial | Teo | 16/09/2019 | Actualizada ás 13:08
Casalonga Limpa de Residuos recolleu en tres días, ata o pasado dominto día 15, sobre 500 alegacións individuais contra o proxecto de restauración da canteira de Casalonga por parte da empresa Toysal. Dito proxecto está considerado como “un vertedoiro encuberto” por parte da Plataforma e de numerosos veciños, así como de diferentes colectivos sociais.
Coa recollida destas alegacións, a Plataforma quere responder á Xunta que non recoñece este colectivo como parte interesada para presentar alegacións contra os traballos de Toysal. Así, Casalonga Limpa de Residuos avisaba que o día “20 de setembro remata o prazo para presentar as alegacións contra o Plan de restauración que a empresa Toysal quere facer na antiga canteira da Casalonga”.
Nun comunicado, a plataforma veciñal avisaba que “a veciñanza xa sabe que esta empresa (Toysal) o único que quere é botar 10 millóns de metros cúbicos de residuos no monte para despois poñer terra enriba e dicir que xa está restaurada”.
As alegacións comezáronse a recoller desde a última reunión do colectivo veciñal o pasado xoves día 12 de setembro. As alegacións entregadas foron de todo tipo, as máis comúns eran sobre a contaminación da auga das minas e dos pozos das casas, os malos olores, as pragas de insectos e roedores, o aumento de tráfico pesado cargado de residuos, a preocupación polos meniños da unitaria de Casalonga (a 900m da zona cero) e do colexio de Calo (a menos de 2km)”.
O prazo para entregar todas as alegacións acaba o día 20 de setembro. Desde a plataforma indquican que poden presentar alegacións individuais calquera persoa sen ter que ser veciño ou veciña de Teo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.