A crise industrial en Galicia intensifica as acusacións entre PSdeG e PPdeG

BNG e Grupo Común da Esquerda critican que Xunta e Goberno central "se pasen a pelota" mentres se destrúen empregos no país.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2019 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

A confrontación que nos últimos meses se dá de forma máis intensa entre o Goberno central e a Xunta reproduciuse unha vez máis na sede do Lexislativo galego, onde populares e socialistas protagonizaron un cruzamento de críticas pola crise industrial que afecta o país, con varias factorías de distintos sectores de actividade na corda frouxa.

Concentración dos traballadores en Einsa nas Pontes (A Coruña)
Concentración dos traballadores en Einsa nas Pontes (A Coruña)

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo de caer na estratexia "do escapismo electoral" ao "non asumir responsabilidades" polos problemas que afectan á sociedade galega. Ao seu modo de ver, o presidente galego aposta pola "confrontación" mentres converte a Xunta "nun lugar institucional sen responsabilidades"

Fronte á "campaña publicitaria" da Xunta, á que atribuíu "unha axenda neoliberal, de perfil conservador, marcada polos recortes, que non aposta polo público e debilita os servizos sociais", Caballero defendeu que o Goberno central si está preocupado por Galicia e aposta, por exemplo, pola suba das pensións.

Así mesmo, no plano industrial sinalou que o Executivo de Pedro Sánchez compromete "un investimento de 4.300 millóns para as fragatas de Ferrol (Navantia), o segundo investimento máis alto en toda a historia de Galicia".

"Cando un goberno dedica esta contía, é evidente que hai un compromiso con Galicia, que o PSOE defende os intereses dos galegos. Quedan cuestións pendentes para traballar, pero o compromiso está aí. Con Mariano Rajoy nin subían as pensións, nin había fragatas, nin se executaban os orzamentos", esgrimiu.

Non en balde, esgrimiu que o feito de que Feijóo utilice incluso o Xacobeo para incidir no seu enfrontamento co Executivo estatal, evidencia que trata de parecer "un home moderado e de centralidade", pero a realidade é que "está botado ao monte cunha estratexia de confrontación radical para tentar salvar os mobles dun PPdeG que perdeu o poder local e sabendo que non haberá maiorías absolutas nas autonómicas".

"SEN ALTERNATIVAS" PARA ENDESA E ALCOA, E PREOCUPADOS POLO AVE

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, advertiu que Galicia segue "sen alternativas" por parte do Goberno central para garantir que segue funcionando a central térmica das Pontes e Alcoa, cun novo estatuto para as electrointensivas que regule a tarifa eléctrica.

Así mesmo, incidiu en que tampouco hai un plan para o "período previo" á construción das fragatas en Navantia, e referiuse a a entrevista do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, coa Cadena SER, para alertar do "atraso" do AVE que deixou sobre a mesa.

"Estamos sorprendidos. Hai tres ou catro semanas aprobamos no Debate sobre o Estado da Autonomía unha resolución na que se dicía que en 2020 o AVE estaría a funcionar con todas as garantías de seguridade e agora coñecemos o atraso", constatou.

A continuación, asegurou que non sae da súa "perplexidade" ante declaracións do delegado do Goberno como a relativa a que "o maior defensor de Galicia é o Goberno central" e tamén censurou que afirmase que os Gobernos de José María Aznar e Mariano Rajoy se tomaron "a pitorreo" o cambio climático.

En fronte, defendeu que a Xunta fai o que pode para "apoiar e colaborar" tanto con Alcoa como con Endesa, e tamén reivindicou os pasos dados polo Executivo galego no seu día para "salvar" Barreras, con independencia de que agora volva estar en problemas. De feito, subliñou que, se aparece unha nova vía para o estaleiro coa que poida colaborar, o Goberno galego "estará aí".

Finalmente, matizou que, á marxe de que el preferiría que empresas galegas constituídas con capital galego "seguisen aquí", a realidade é que igual que hai empresarios galegos que "se expanden e compran fóra", pode ocorrer á inversa, tendo en conta que así funciona o mercado.

"PASARSE A PELOTA"

Pola súa banda, a deputada de Común da Esquerda Luca Chao ve "patético" que o Goberno central e a Xunta "se pasen a pelota dun a outro" sobre as responsabilidades ante a crise industrial que atravesa o país mentres "a realidade é que Galicia destruíu un de cada tres" postos de traballo neste sector durante a última década.

Con todo, cargou directamente contra o Executivo galego, ao que acusa de "non facer absolutamente nada" para atopar solucións ao peche de empresas. "Non temos a ninguén á fronte da política industrial", espetou Chao sobre a Xunta, á que afea que "non fose capaz de resolver nin un só conflito, nin Vulcano, nin Isowat, nin Poligal". "Ningún", resolveu a tamén membro de Podemos.

"RESPONSABILIDADE DIRECTA DE PP E PSOE"

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, evidenciou que Galicia está a sufrir unha "grave crise industrial" que é "responsabilidade directa do PP e do PSOE", porque "levan anos discriminando o país". Iso provoca, tal e como denunciou, que haxa "máis de 6.000" postos de traballo "pendendo dun fío".

Ademais de asegurar que "unha parte importante da solución" pasa porque Galicia "teña peso político" nas Cortes tras as eleccións do 10 de novembro, Ana Pontón puxo enriba da mesa un total de cinco propostas contra o inminente peche da central de Endesa nas Pontes (A Coruña).

En primeiro lugar, dirixiuse ao Goberno central para pedirlle "que non conceda" autorización para un peche "repentino" da planta, senón que traballe para buscar "alternativas" polo "futuro" da comarca de Ferrolterra. Neste sentido, como segunda medida insistiu na constitución dunha mesa de traballo para unha transición enerxética "ordenada" que inclúa a Endesa, ás administracións públicas e aos representantes sociais.

Así mesmo, a líder do BNG pediu "unha compensación pola débeda histórica" que mantén o Executivo estatal polos "incumprimentos" do Plan Carbón en Galicia, un "fondo extraordinario" para frear a "deslocalización e desgaleguización" das empresas e a elaboración dun informe por parte da Comisión Nacional de Mercados e Valores (CNMV) sobre a "descapitalización" de Endesa por parte da multinacional italiana Enel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta