Por X.M. Fernández | Chantada | 05/04/2025 | Actualizada ás 10:00
Lugar da Veiga S.L.L. nace no 2005 aínda que o proxecto levaba varios anos madurando a idea. Os promotores estaban traballando no sur de Pontevedra e querían volver á súa comarca de orixe, Rodeiro, aínda que ao final a empresa instalouse en Chantada.
Dende o principio apostaron pola economía social, por que fose un modelo participativo, pero sobre todo un proxecto que contribuíra ao desenvolvemento da contorna máis próxima. No 2005 fixéronse coas instalacións e no 2006 empezaron a producir. “A primeira presentación do produto foi na Feira de Chantada, e a nivel máis comercial xa na Feira de Silleda dese 2006”, comenta o seu coordinador xeral, Xosé Lois Lamazares.
O proxecto foi evolucionando moi ben ata 2009 chegando a unha facturación de máis de 500.000 euros. Afectoulles a crise do 2008 e foron superándoa ata o 2013, ano no que houbo crecementos importantes estando xa preto dos 600.000 euros de facturación. No 2019 estiveron xa arredor dos 6 millóns.
Segundo Xosé Lois, o Covid non lles influiu moito na produción pero si na organización do traballo. “Serviunos para aprender cousas da organización, prevención e seguridade alimentaria”, di. Superada a pandemia seguiron medrando ata pasar novamente dos 6 millóns de euros de facturación e, tras a inflación derivada da guerra de Ucraína e a subida do aceite no 2024, que tamén lles afectou, volveron estabilizar a produción.
ESTRATEXIA: DIVERSIFICACIÓN DE MERCADOS
A estratexia de Daveiga nestes últimos anos foi estender a liña do que xa tiñan (Mariñeiras clásicas con manteiga, as que levan aceite virxe, con sementes de chía, liño, e con fariñas de espelta, e de avea...), adaptando a galleta mariñeira a diferentes nichos de mercado. Coa idea de chegar á hostalería crearon formatos pensados para o sector, tamén iniciaron unha liña para o mercado vegano, crearon snacks con sabores naturais incorporando tomate, ourego, sabor a empanada (tomate e cebola), e incluso unhas mariñeiras bañadas en chocolate para tempadas puntuais pois non se poden ter no lineal todo o ano por mor do calor.
Segundo refire Xosé Lois, en relación aos novos formatos, “uns despuntan máis que outros pero todos aportan facturación. Supoñen o 10% da facturación”.
HOSTALERÍA
A aposta por penetrar no mercado da hostalería estalles saíndo moi ben sendo unha liña de comercialización en constante crecemento. “É unha canle comercial que só temos implementado en Asturias e en Galicia e con moi bos resultados”, refire Xosé Lois ao tempo que nos explica a clave deste éxito “a vantaxe das Mariñeiras para a Hostalería é que á hora de empregalas como base de canapés absorven pouco a humidade e tardan en deteriorarse, ademais danlle valor engadido ao propio canapé”.
Ademais, o formato canapé --pensado para a hostalería-- ten moita demanda para aperitivos en familia, notándose especialmente a subida de vendas no Nadal, e emprégase moito tamén en adegas para poñer como acompañamento nas catas.
PRESENZA NACIONAL E INTERNACIONAL
A nivel nacional Daveiga ten presenza na maioría de grupos de distribución: Corte Inglés, Carrefour, Alcampo, Consum e Eroski... pero o volume de rotación é menor nas superficies comerciais de fóra que en Galicia e Portugal.
En relación ao anterior, preguntámoslle a Lamazares se cren necesario darse a coñecer máis fóra para medrar e dinos: “Non pensamos en ningunha estratexia, polo menos a nivel de investimento nese proceso. O que si entendemos que é un percorrido lento, unha carreira de fondo. Un pouco o que pasou en Portugal... non se coñecían e tampouco fixemos por dalas a coñecer. Alí o que se fixo é contactar cun socio colaborador que é o que se encarga dese mercado que tiña moita penetración no canal de gran consumo”.
A idea que teñen non é tanto realizar campañas en medios de comunicación, se non campañas no punto de venda para dalas a coñecer. Buscamos, di o coordinador xeral de Daveiga, “un crecemento sostido, traballo de fondo... non temos necesidade de correr... un crecemento mínimo e necesario para consolidar o proxecto”. E engade “temos feito algún estudo de grao de coñecemento e sorpréndenos que temos resultados de entre o 3 e 5% de coñecemento a nivel nacional”.
Respecto doutros países, a empresa chantadina di manter unha relación comercial estable con Irlanda e Inglaterra, onde teñen distribuidores.
Preguntamos tamén pola asistencia a feiras e o primeiro que nos di Xosé Lois é que “nas feiras hai que estar aínda que non sabes cando vai chegar a túa oportunidade”. As primeiras ás que asistiron foron no 2014-2015. Co apoio do Craega dende o 2008-2009 estiveron na feira “BioFach”, unha de referencia mundial do mercado ecolóxico en Alemaña, e tamén adoitan asistir a “ISM” de Colonia, especializada en Snacks.
Tamén van a “Alimentaria” en Barcelona, “unha grande de referencia á que imos pero non temos conseguido operadores importantes... e nunha máis pequena de Valladolid conseguimos o contacto co que entramos en Portugal”, comenta como anécdota o noso interlocutor.
“Temos feito algún estudo de grao de coñecemento e sorpréndenos que temos resultados de entre o 3 e 5% de coñecemento a nivel nacional”
A IMAXE ICÓNICA DO MARIÑEIRO E O PACKAGING
A comunicación visual é importante e cómpre refrescar un pouco a imaxe de cando en vez, unha máxima que tamén tiveron en conta en Daveiga para seguir avanzando e consolidando a marca. En palabras do noso entrevistado explicando a súa estratexia, “cremos no dinamismo pero non buscamos grandes cambios, que incluso poden ser contraproducentes despistando ao consumidor habitual”.
Respecto a movementos de renovación de imaxe nestes últimos anos comentar que a aposta polo Mariñeiro --alá polo 2017-2018-- funcionoulles moi ben e a xente agora busca xa o característico debuxo para localizar as galletas mariñeiras. “Esas que teñen o mariñeiro”, di Xosé Lois que comenta xa moita xente para identificalas.
Ademais, o pasado ano tamén lle deron unha pequena volta á imaxe cunha evolución dos seus logos comerciais cara unha nova identidade visual, incluíndo no proxecto un novo packaging e un renovado ton e estilo de comunicación.
O GALEGO E AS REDES SOCIAIS
O galego é claramente un dos sinais de identidade do proxecto. “O que depende de nós é cento por cento en galego pero non o 100% do que se manexa na empresa porque atopamos que certa documentación externa como estudios de mercado, etc seguen chegando en castelán”, matiza Xosé Lois.
A etiquetaxe incorpora a nosa lingua e promoven etiquetar tamén noutras linguas do Estado.
Dende hai tempo apostan polas redes sociais e trabállanas moi ben. “Permítennos promocionar a marca, o produto, e por outro lado é unha maneira de chegar ao público máis xoven e estar en contacto cos consumidores. Hai interacción, recibes suxestións, parabéns...”, comenta Xosé Lois.
A proxección desta canle permítelles comunicar a outra parte do proxecto Daveiga como é o da economía social e a autoxestión. A comunicación en redes, actualmente fana en galego e en español.
ECONOMÍA SOCIAL
Este é outro sinal de identidade estrutural do proxecto, movido, dende os seus comezos, pola ansia de volver ao lugar de orixe pero tamén pola aposta pola contorna investindo no territorio e no capital humano que fai posible a redistribución dos excedentes do proxecto.
Deste xeito, asumen unha responsabilidade laboral cos traballadores, podendo estes ser socios e participar nas tomas de decisión, así como no reparto de beneficios; e unha responsabilidade económica, coa redistribución do valor engadido. Neste senso, por exemplo, construíndo as novas instalacións en Chantada xeran movemento económico e traballo, ademais de mercar materias primas na contorna próxima en beneficio dos produtores locais.
NOVAS INSTALACIÓNS
O proxecto é anterior ao Covid pero as novas instalacións foron inauguradas en abril do 2023. Teñen 5.000 metros cadrados construídos e dentro dunha parcela de 12.000 metros cadrados. Permitiron ampliar a capacidade de produción, mellorar as condicións laborais e tamén unha mellora na imaxe corporativa.
Actualmente Daveiga conta con 75 postos estables de traballadores e saca das súas instalacións unha media de 4000-5000 quilos de galletas diarias cunha facturación que rolda os 6 millóns de euros.
Actualmente están recibindo unha media de 20-25 centros de ensino ao ano de toda Galicia nas instalacións de Chantada
ABRINDO AS PORTAS ÁS ESCOLAS
Consolidado o proxecto empezaron a apostar por facer cousas relacionadas máis coa parte social. No 2019 iniciaron un proxecto de “fomento da economía social e desenvolvemento rural sustentable nos centros de ensino”. “Empezouse cun proxecto piloto con 3 centros de Monforte, un Chantada, un de Lalín e outro de Ourense. O programa consistía nunha visita ás instalacións de Daveiga e uns seminarios impartidos nos centros para coñecer outras fórmula de organización empresarial como son as cooperativas ou sociedades laborais. Foi un éxito para nós e para os centros”, explica Xosé Lois.
Visto o éxito desta iniciativa decidiron estendela a outros centros. Actualmente están recibindo unha media de 20-25 centros de ensino ao ano de toda Galicia nas instalacións de Chantada. Centros de Ensino Medio (fundamentalmente ciclos formativos) e tamén de Bacharelato e da Universidade. Alumnos/as vinculados á administración de empresas ou á orientación laboral que aproveitan para coñecer o obrador, o modelo de negocio e como naceu e evolucionou o proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.