Por X.M. Fernández | Manzaneda | 14/02/2023 | Actualizada ás 21:15
O pasado 13 de xaneiro comezaron xa no Concello de Manzaneda as saídas do Fulión: representación de veciñas e veciños que visitan outras aldeas equipados con bombos, cornas e apeiros de labranza metálicos acompañados de Mázcaras. Concretamente, foi o Fulión da Mourela pra acá quen estreaba estas visitas rurais achegándose pola noite á aldea de Trabazos.
O son das cornas, bombos, aixadas, gadañas e, como non, as chocallas das Mázcaras, encheron de enerxía telúrica Trabazos onde a comitiva que compoñía o Fulión visitante foi recibido con viandas e bebidas como manda a tradición e os bos costumes do Entrudio.
O Fulión da Mourela pra acá, un dos máis activos do Concello de Manzaneda, volveu saír o pasado 21 de xaneiro, nesta ocasión para visitar o núcleo rural de Raigada, e o pasado 11 de febreiro organizaba unha ‘Fuliada’ en Placín. O encontro desta última localidade comezaba ás 11:00 h. co tradicional ‘Permiso’ –solicitude en verso que se lle fai aos veciños/as ao chegar á aldea para que permitan tamén en verso empezar a ronda--, para a continuación facer a ronda pola aldea e rematar nunha aira coa ‘Fuliada’ onde non faltaron as representacións satíricas e a ‘Fariñada’.
Ata o 21 de febreiro haberá máis rondas por diferentes aldeas e tamén dúas Fuliadas o día 19; unha en Langullo, a partir das 15:00 h., e outra en San Martiño, a partires das 16:00 h.
O Fulión de Manzaneda é dende o ano 2008 Festa de Interese Turístico de Galicia.
DIFERENCIA ENTRE FULIÓN E FULIADA
En palabras dunha Mázcara, Daniel Domínguez, “o Fulión é un encontro espontáneo para visitar ás parroquias e a Fuliada é cando o fulión remata nalgunha aira onde se representan pezas teatrais satíricas e coplas referidas aos parroquianos e parroquianas: anécdotas, conflitos de parella, defectos dalgúns veciños, etc. Nestas Fuliadas adoitan aparecer personaxes que hai anos que se están a recuperar como o ‘oso e o domador’, o ‘touro e o toureiro’ e ‘o pallaso’; e case sempre rematan tamén cunha Fariñada”.
E outro matiz diferencial importante, a diferenza dos Fulións, as Fuliadas non son espontáneas, están organizadas e pódense anunciar con tempo.
AS DANZAS DAS MÁZCARAS
A danza xiratoria é unha das características máis representativa das Mázcaras. En palabras de Daniel Romínguez, “os vellos din que as boas mázcaras ‘bailan no cu dunha tega’ (a tega é unha medida de grao). Hai xente que pensa que só bailan algunhas mázcaras, isto non é así, bailan todas, o que pasa é que se van turnando para non cansarse. Bailan ao ritmo dos bombos xirando a ambos lados mentres fan soar as chocallas levantando lixeiramente os brazos e o caxato en posición vertical”.
Nunha entrevista que fixemos neste medio ao antropólogo Rafael Quintía, no ano 2019, dicía que “para entender esta danza hai que penetrar no sentido primixenio do Entroido, na súa esencia orixinaria, isto é, no seu sentido de rito de rexeneración, de expulsión da invernía e de favorecemento da chegada da primavera […]. Sabemos que as danzas circulares adoitan ter un fin de rexeneración, algo que podemos rastrexar en moitas danzas de diferentes culturas. A existencia de danzas circulares propiciatorias ou asociadas á rexeneración ou á fertilidade, xa que logo, é algo común en pobos e culturas de economía agrario gandeira, como era a galega. Por iso, eu creo que a danza rotacional das Mázcaras xiróvagas de Manzaneda (e Mormentelos e Vilarmeao) é unha danza de renovación, de reactivación do ciclo anual da natureza e da vida”.
MARTES DE ENTROIDO
O 21 de febreiro, Martes de Entroido, o Concello de Manzaneda organiza o ‘Desfile de Fulións’ pola Vila de Manzaneda. Dende as 11:30 h. os fulións deste concello, acompañados doutros fulións veciños –Vilariño de Conso e Pobra de Trives--, farán unha posta en escena común para goce visual da veciñanza e dos visitantes.
Ao remate, cara as 14:00 h., haberá un xantar popular no Pavillón Municipal para os fulións participantes e para a xente que se apunte antes do 15 de febreiro e ata completar aforo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.