Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/03/2025 | Actualizada ás 16:08
Galicia pechou o exercicio do pasado ano 2024 cun superávit nas súas contas de 202 millóns de euros, que equivale ao 0,25 por cento do seu Produto Interior Bruto (PIB). Así se desprende do avance de datos de execución orzamentaria das administracións públicas correspondentes ao ano 2024 exposto este xoves, 27 de marzo, en rolda de prensa pola vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero.
Galicia pechou con superávit o pasado ano 2024 cando terminou o exercicio anterior, de 2023, cun déficit de 88 millóns de euros equivalente ao 0,11% do seu PIB, segundo os mesmos datos publicados polo Ministerio de Facenda e consultados por Europa Press. Ademais de Galicia, outras dez comunidades autónomas pecharon o pasado ano con superávit; en concreto, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura e Navarra.
No entanto, a andaluza foi a rexión que alcanzou un maior superávit ao peche do exercicio en termos absolutos, por diante de Canarias, que foi a segunda nese sentido, con 537 millóns de euros de saldo positivo.
DATOS ESPAÑA
Pola súa banda, o déficit do conxunto das administracións públicas (AAPP) pechou 2024 no 2,8% do PIB, por baixo do dato de 2023 (3,52%), e situouse en 44.597 millóns de euros, logrando mellorar o obxectivo comprometido polo Goberno con Bruxelas e o esixido no marco das regras fiscais europeas (3%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.