Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2025 | Actualizada ás 11:04
-Con que motivacións e obxectivos nace esta xuntanza de partidos e forzas locais galegas 'Agora Galicia'?
Este proxecto nace dunha diagnose común sobre a situación da política local. Entendemos que as candidaturas veciñais xurdidas de abaixo cara arriba e representan o sentir da veciñanza estaban orfas de conseguir músculo fronte á comunicación social e as grandes forzas políticas que parecen fagocitar todo. Descubrimos que hai unha gran crise de representación con discursos que só benefician o avance do bulo e do odio que igualan a todos os políticos negativamente e outros discursos que fan ver unha orfandade de representación. Estamos diante dun momento social moi delicando onde conquistas sociais que parecían sólidas se están evaporando e, por tanto, parece haber unha situación de emerxencia. Sobre todo hai unha emerxencia polo despoboamento dos núcleos rurais e interiores, a falta de vivenda con prezos disparados por deixar ao mercado e a rendistas decidir ademais de que non hai vivenda no mercado. Hai problemas no medio rural cos prezos, a desaparición da agricultura familiar en favor da intensificación, aplican normas contra o autoconsumo e todo isto fainos ver que debemos compartir esforzos e experiencias para crear unha ferramenta plural que nos sirva para articular algo máis sólido e coordinado a partir deses procesos que saen de abaixo cara arriba. Ademais diso, está o problema da sanidade con localidades e comarcas que non están tendo a atención sanitaria que merecen. En definitiva, existe unha emerxencia á que non están sabendo responder os partidos clásicos e, por tanto, debemos mirar como configuramos ferramentas que poidan solucionar os problemas da xente e non estar nun perpetuo partido de tenis onde unha administración bota os problemas á outra e os problemas da xente nunca se solucionan.
-Como foi o percorrido para chegardes todas as forzas a unha serie de puntos comúns e mínimos baixo os cales operar?
Non foi un proceso unívoco porque algúns grupos da costa xa participaran no Consello de Forzas Locais que ao final non saíra adiante mais si tiveran algunha xuntanza. As candidaturas que estamos articuladas en Interior Galego Vivo xa levamos anos traballando en conxunto e sumando esforzos en territorios moi difíciles polo que xa dixen antes, despoboamento, perda de servizos e a forza do caciquismo, mais había algúns gromos aínda sen dar un paso cara a posta en común e á coodinación. Debido a isto, naceu a posibilidade de contactar con outras candidaturas e crear unha xuntanza entre nós. Desde o comezo detectouse que a resposta a unha unión de forzas era positiva porque individualmente é difícil resistir.
Hai unha emerxencia polo despoboamento dos núcleos rurais e interiores, a falta de vivenda con prezos disparados
-Aínda estamos en 2025 mais en 2027 serán as locais e quixera preguntarche como articularedes un programa cuns puntos mínimos e cales son.
Polo de agora estamos arrincando, é un proceso que necesita de escoitármonos uns aos outros, ir preparando todo desde abaixo cara arriba e fuxindo das présas, mais sobre todo das axendas externas que poidan marcar outros acontecementos. Deberiamos centrarnos nos mínimos comúns e preguntármonos que estamos facendo nos nosos concellos e que puideran ser puntos en común. Estamos sendo altofalante da veciñanza? Si, estámolo sendo e ten que ser un punto básico, debemos ser as forzas que atenden as preocupacións de veciños e veciñas e non outros temas. Somos quen de levar adiante políticas de transparencia e a xente vai sabendo das problemáticas que lle afectan grazas á nosa acción? Iso tamén o estamos facendo. Eses son os puntos en común sobre os que traballamos e logo as problemáticas sinaladas anteriormente. Non debemos esquecer que cada concello ten asuntos particulares e propostas que deberán ir no programa de cada candidatura. Debemos sumar forzas xuntando votos nunha comarca de cara á entrada nas deputacións, xuntar os resultados porque dá a impresión de sermos forzas fragmentadas e doutra maneira vese que hai un proxecto de país e por tanto, debemos darlle voz a ese proxecto. Buscamos sumar o xa existente mais dándolle outra potencialidade.
-Aínda así, existe un punto ideolóxico en común ou estades a xuntar diferentes sensibilidades?
O pluralismo é un valor, e no Manifesto de Agora Galicia facemos referencia ás Irmandades da Fala, que tamén eran plurais e así o manifestaron na asemblea de Monforte celebrada hai máis de cen anos. Nós quixemos recoller ese espírito de pequenos proxectos que logo foron aparecendo en pequenas localidades e foron congregando, por iso o seu valor plural. Tamén está ese valor da fraternidade, tratar aos demais como queres que te traten a ti. Con iso xa é unha declaración potente. Por outra parte, non creo que esteamos nun momento onde a sociedade pida tanto cribado ideolóxico: esquerdas ou dereitas. En vez diso, cremos nas obras: Que defendes? Que propostas tes? Estás a favor de que os teus veciños e veciñas teñan un trato sanitario igual ao doutras partes do territorio? Ou votas contra todo iso nos plenos como fai o PP? A nós débenos definir aquilo que levamos á práctica e se a xente ve coherencia entre as túas palabras e as túas obras vas sumando apoios.
Estamos sendo altofalante da veciñanza? Si, estámolo sendo e ten que ser un punto básico, debemos ser as forzas que atenden as preocupacións de veciños e veciñas
-Xa que mencionas 'As Irmandades da Fala', é ese o motivo polo que escollestes Monforte para lanzar o Manifesto?
Había máis localizacións posibles. Con todo, Monforte pareceunos interesante quizais por iso de recoller o espírito das Irmandades, mais tamén puido ser outra localización calquera. Se nos cinguimos ás Irmandades, tamén poderiamos ter ido a Viana do Bolo onde ese espírito tamén debe estar presente. Son puntos que nos unen ás Irmandades o galeguismo e o querer a esta terra como país e querer o mellor para ela.
-Cales son as candidaturas e partidos que forman parte desta iniciativa?
Temos as candidaturas do Valmiñor, as do Salnés, Move Neda, Interior Galego Vivo en San Sadurniño, Vilardevós, Courel, Sober, Chantada ou Monforte. Estes son os proxectos que impulsan o proxecto mais estamos en contacto con outras candidaturas que non puideron vir á xuntanza de Monforte. Tamén demos un tempo até abril para facer achegas ao Manifesto e para que outras candidaturas se puidesen adherir. Con outras seguiremos coa interlocución con outras forzas que neste momento non están en disposición por teren pendentes procesos internos ou locais de traballo e valoración da proposta para daren o paso e unirse de aquí a fin de ano. Se isto é así, é posible que poidamos constituír unha plataforma firme de cara as eleccións de 2027.
A nós débenos definir aquilo que levamos á práctica e se a xente ve coherencia entre as túas palabras e as túas obras vas sumando apoios
-Todas as cuestións que se nomearon até o de agora precisan de solucións técnicas ademais de políticas. Quixera preguntar se Agora Galicia, cada unha das forzas que a integran, contan con persoas que asesoren ás diferentes candidaturas.
Algunhas forzas levamos xa dez anos traballando e is permite achegarse ao tecido social do municipio e da comarca, por tanto coñeces persoas que traballan no forestal, na medicina ou noutros campos. Iso permite ter unha visión plural por parte de xente real, que non se fixa só en vídeos de Tik Tok, son persoas que viven e coñecen as problemáticas de diferentes sectores. Así coñecemos as demandas e desa maneira hai que trasladalas ás institucións para transformalas en medidas dentro das posibilidades de cada un. Loxicamente non teremos respostas para todo e tampouco os e as expertas teñen a solución para todo porque, finalmente, a política é a sociedade. É a sociedade quen debe dicir o que quere pois, nalgún momento, nós como sociedade deberemos valorar nalgún momento que país queremos. Isto implica ben ou ter á maioría da poboación nas cidades e deixar o rural ás multinacionais para facer negocio e a clase política sexa o seu altofalante, ou vivir no medio rural de maneira digna e con servizos públicos. En relación con isto, temos unha Xunta que busca baleirar o territorio para poder facer absolutamente o que lle saia da gana: minas, eucaliptos, eólicos, Altri ou se queremos ter un sector primario potente. O sector primario é quen mantén o rural poboado, despois poderemos ter outros complementos como o turismo, mais se pensamos que o único modelo é o da Xunta (destrúe territorio mentres promociona turismo). En definitiva, non queremos só turismo nun país onde as súas tres cuartas partes estean abandonadas. En Agora Galicia queremos outro modelo de país construído de abaixo cara arriba de todos e para todos, tendo en conta o sentir da poboación.
-Con todos os parámetros que acabas de definir e describir, Agora Galicia podería acabar consolidándose nun proxecto político único, nun único partido ou nunha plataforma?
O futuro é moi difícil de definir, sobre todo nuns tempos moi acelerados, onde calquera cousa pode pasar mesmo a reaparición de elementos que criamos xa esquecidos como o caciquismo nos concellos, por iso digo que o futuro é complicado, sempre o foi e hoxe paréceo máis. Ao ir de abaixo cara arriba e sermos proxectos onde o centro é o traballo desde o local con agrupacións locais, iso permítenos ir de maneira lenta mais segura. Por iso, adiantarmos ideas ou temas para dentro de dez anos sería algo pretencioso pola miña parte. Polo de agora, só temos acordado traballar para esa plataforma común de cara o 2027 e con ese manifesto que segue aberto a novas incorporacións. De aí para adiante será cando se decida o que se fai de cara o futuro analizando tanto resultados electorais e se ir xuntos é beneficioso. Polo de agora iremos paso a paso creando alternativas ao espectáculo dantesco que é a política agora mesmo, un espectáculo que crea desafección na cidadanía e facer pensar: “todos os políticos son iguais”. Tamén hai políticos que traballar duramente sen recibiren un céntimo a cambio mais temos aqueles que van aos parlamentos para mentir ou montar espectáculos.
En Agora Galicia queremos outro modelo de país construído de abaixo cara arriba de todos e para todos, tendo en conta o sentir da poboación
-Cales son as relacións que Agora Galicia mantén coas forzas políticas de ámbito galego e estatal?
De momento debemos poñer en marcha toda a maquinaria de Agora Galicia para termos un funcionamento óptimo. Debemos intercambiar información para que as diferentes localidades poidan achegar todas as suxentións que consideren e manter interlocución cos axentes sociais e as persoas que están no territorio. Sobre a relación coas outras forzas políticas hai unha relación previa que é a de cada proxecto no seu concello e aí temos diferentes dinámicas. Isto é así porque os partidos locais responden a persoas que están aí, pode haber dinámicas diferentes e complexas ademais de que nuns concellos pode haber máis pluralismo político que noutros. Con todo, a interlocución é necesaria porque os outros partidos tamén son parte da veciñanza e de aí a necesidade de dialogar.
-Valorades como difícil o camiño que iniciades?
Ningún camiño é fácil, e moito menos se non estás metido no aparato dun dos grandes partidos, se non es unha sucursal os camiños non son doados. Iso non nos collerá de sorpresa, levamos moitos anos traballando nos nosos concellos sen máis amparo que o da nosa veciñanza e sen máis tarxeta de presentación que é o noso traballo diario. Cada camiño que se inicie é difícil porque se debe poñer en común diversas posturas que enriquecen mais debemos compartirllar e ás veces é complicado, cousa que tamén saben os grandes partidos. Tampouco é doado porque aquel ciclo na política galega onde había moitas máis opcións agora mesmo está en regresión e asistimos a un panorama onde nos insisten que só hai sota, cabalo e rei mais se é así non avanzaremos como sociedade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.