Polo momento non hai "operación" Rafa Cuíña no PPdeG

O ex rexedor de Lalín e dirixente de Compromiso por Lalín recoñece que "mellorou moito" a súa relación con Xosé Crespo, o actual alcalde da localidade, pero nega que vaia a fichar polo seu ex partido. "Non hai nada de nada", insiste. "Sigo á fronte de Compromiso, pero nunca se sabe que pode pasar en dous anos", puntualiza.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/03/2025 | Actualizada ás 22:45

Comparte esta noticia

Non hai "operación" Rafa Cuíña no PPdeG, polo menos, de momento. E iso, a pesar do interese de certos dirixentes populares de Lalín para quen é o fillo do ex conselleiro de Política Territorial e un dos pesos pesados dos populares na época de Manuel Faga, Xosé Cuíña, "volva a súa casa natural".

Rafael Cuíña e Xosé Crespo
Rafael Cuíña e Xosé Crespo | Fonte: mundiario.com-©xurxolobato

 

Rafael Cuíña non é un trofeo menor para o PPdeG, especialmente, na comarca do Deza e, concretamente, en Lalín, concello do que foi alcalde desde 2015 ao 2019. Nos últimos meses son insistentes os rumores da súa volta ao Partido Popular. Uns rumores que erán fortes a finais do pasado ano e que volveron a activarse nas últimas semanas desde o entorno do PPdeG de Lalín. De feito, hai quen apuntaba xa que o retorno de Cuíña "a súa casa" tería como premio un posto na Xunta.

 

"Non. Absoltutamente non. Non hai nada diso. Ecantanme os negocios --dirixe unha empresa familiar--", suliña Rafa Cuíña, actual dirixente de Compromiso por Lalín en declaracións a Galicia Confidencial.  "Estou moi tranquilo e sigo á fronte de Compromiso, pero nunca se sabe que pode pasar en dous anos", puntualiza. "Pero non adico nin un segundo máis a eses rumores", zanxa.

Rafa Cuíña co retrato do seu pai, Xosé Cuíña
Rafa Cuíña co retrato do seu pai, Xosé Cuíña | Fonte: CxG

  

MELLOR RELACIÓN CON XOSÉ CRESPO

 

Con todo, Cuíña recoñece que a súa relación co alcalde popular de Lalín, Xosé Crespo, ex delfín do seu pai na alcaldía, "mellorou moito". "Non vou negar que lle teño aprecio... A relación con el mellorou cando fomos a Arxentina, arreglamos, e agora non estou co coitelo nos dentes", indica. De feito, a súa relación co rexedor é moito máis amable nos plenos, e na política, logo dunha viaxe institucional a Arxentina en xuño de 2022. Ata ese momento, o certo é que a rivalidade entre os dous era palpable e se visualizaba nos plenos con reproches mútuos. Unha tensa situación que se iniciou en 2015, cando Cuíña, arrebatoulle a Crespo unha das alcaldías máis importantes que o PPdeG mantiña en Pontevedra.

 

"Si escoitei iso de que volvía ao PP pero o da Xunta é a primeira vez que o escoito. Nin me ofreceron cargo, nin estou interesado niso", indica ante a insistencia de Galicia Confidencial en preguntarlle sobre uns rumores interesados de certos cargos do PPdeG. Ademais, Cuíña destaca que coa actual secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, "non falou na súa vida", aínda que recoñece que "sempre tivo boa relación" co preside nte, Alfonso Rueda. 

 

POR QUE OS RUMORES?

 

Pero, por que esa insistencia en atraer agora a Cuíña por parte da cúpula do PPdeG de Lalín?. "Esa operación ten un nome e un apelido claro", apuntan outras fontes populares consultadas por GC que tamén están "sorprendidos" pola insistencia en "sacar a pasear" o nome de Cuíña. Detrás de todo está, semella, o interese do PPdeG de Lalín de ser o partido hexemónico no concello, e volver aos tempos de Xośe Cuíña primeiro, e Xosé Crespo, despois, nos que varría nas eleccións e o seu apoio era de case o 80%. 

 

Compromiso por Lalín ten agora catro concelleiros, o 18% dos apoios electorais fronte ao 53% do PPdeG. No seu mellor momento chegou a ter un 25% e seis edís, en 2019, o que fixo que Rafael Cuíña acabara de alcalde co apoio de PAC e PSdeG. Ese ano, os populares baixaron ao 44%. "Se Cuíña abandona a política municipal e pecha o chiringuito de Compromiso por Lalín está claro que o partido --popular-- vai volver a arrasar en apoio electoral e concelleiros", apuntan estas fontes. É dicir, os populares volverían a rexistros dos seus anos dourados. "E, obviamente, Pepe Crespo --o rexedor-- volvería sacar músculo dentro do partido", engaden.

 

Por iso, a insistencia e os rumores dalgúns por meter a Cuíña nunha operación na que el volvería ao PPdeG a cambio dun cargo na Xunta. "El é consciente diso e faise querer pero tampouco é parvo", apunta outro cargo do Goberno galego consultado por este xornal. "Pero, coidado, porque igual algúns non calibran ben e eses catro edís non van ao partido, senón que poden acabar repartidos noutros", engaden sobre esta idea xurdida na cúpula do PPdeG de Lalín.

 

OUTROS RUMORES

 

Non é a primeira vez que saltan os rumores e as polémicas en torno a este político galeguista. En abril de 2017, o propio Alfonso Rueda, entón vicepresidente e secretario provincial do PP de Pontevedra, tiña que desmentir conversas persoais con Cuíña a través do WhatsApp na que supostamente o actual presidente galego amosáballe o "agarimo" do Partido Popular cara á súa persoa. Unhas mensaxes que supostamente Rafa Cuíña tería ensinado a varios veciños, algúns deles simpatizantes, afiliados e concelleiros do PPdeG. "A miñas relacións co PP son privados e nunca falei delas en público. Por iso non perdo un só segundo con este asunto. Eu teño que dedicarme a xestionar ou Concello e non quero guerras co PP", respondía entón o rexedor lalinense.

 

En Maio de 2017 a aparición de Cuíña na Asemblea Nacional do BNG da Coruña que elexiu a Ana Pontón como voceira nacional tamén deu que falar. Nese momento, a relación entre o alcalde e a líder do BNG era moi fluída, con intercambio de mensaxes. De feito, meses antes, Pontón acudira como convidada á Feira do Cocido de Lalín. 

 

A finais do 2019 era a quenda do PSdeG, como antes xa fora co BNG e con En Marera de Luís Villares. Nese momento, o lalinense facíase querer e non descartaba acordos cun Partido Socialista "galeguista" como o que representaba Ceferino Núñez. "Ti sempre estás aquí e iso tereino en conta, tamén para o futuro". Esa frase era pronunciada polo entón alcalde na cerimonia do acto da entrega do premio Aldea Singular, na Feira do Cocido e a destinataria non era outra que a entón presidenta da Deputación provincial, a socialista Carmela Silva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta