Tirón de orellas de Contas á Xunta: denuncia contratos sen concorrencia, gastos desprazados e pouca transparencia

A execución de fondos europeos entre 2021 e 2023 está por baixo do 50%, mentres os beneficios fiscais crecen un 15% sen achegar "xustificación"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2025 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O Consello de Contas volve afear á Xunta, no informe de fiscalización da Conta Xeral de 2023, o seu "deficiente" modo de orzar por motivos que repite desde hai anos, tales como o desprazamento de gastos entre exercicios ou a falta de xustificación das bonificacións fiscais, que aumentan un 15% neste caso. A isto únense reproches como que o 20% da contratación realízase en procedementos sen concorrencia e competencia entre licitadores.

O órgano fiscalizador resume que a Conta Xeral "reflicte razoablemente a actividade económico-financeira desenvolvida no exercicio", aínda que pon diferentes reparos ao proceder da Xunta: falta de actualización do marco contable, modificacións de crédito aprobadas sen financiamento claro, incorrecta activación de gastos correntes, inadecuada valoración do inmobilizado e das dotacións e amortizacións practicadas.

O ámbito desta Conta Xeral abarca á Administración galega xeral e 70 entidades instrumentais, o que supón un incremento de dous máis respecto ao ano anterior. Un dos aspectos recorrentes en cada informe anual é como a Xunta despraza gastos correspondentes ao exercicio a avaliar.

De tal forma, o Consello de Co ntas advirte de que "se rexistraron con cargo ao exercicio 2023 gastos de exercicios anteriores por importe de 79,21 millóns de euros, mentres que deixaron de rexistrarse gastos correspondentes ao devandito exercicio por importe de 39,27 millóns de euros, polo que o resultado orzamentario está infravalorado en 39,94 millóns de euros". E o remanente de tesouraría está sobrevalorado nesa cantidade de 39 millóns non imputados.

Tamén observa un incremento do fondo de continxencia, que alcanzou en 2023 un total de 187 millóns de euros e "segue empregándose para a cobertura de gastos (principalmente gasto corrente) que son obxecto dunha deficiente presupuestación". A continuación, censura que se indique como activos financeiros "operacións por importe de 119 millóns de euros destinadas a cubrir déficits de explotación da CRTVG que debían rexistrarse como gasto non financeiro e, por tanto, diminuír o resultado de operacións non financeiras nese importe".

UN 20% DE CONTRATOS SEN CONCORRENCIA

Consello da Xunta. DAVID CABEZON @ XUNTA
Consello da Xunta. DAVID CABEZON @ XUNTA | Fonte: Europa Press

No tocante á contratación, cun volume de 735,11 millóns de euros, o 20,11% dese importe corresponde a gasto realizado sen tramitar previamente un procedemento en competencia de licitadores. Dentro deste, a contratación menor alcanzou un importe de 81,2 millóns de euros, o que representa o 11,05% do total desa actividade contractual. Xunto a isto, as subvencións de concesión directa sitúanse no 52% no gasto de transferencias, aínda que se trata dunha redución respecto ao 59% do ano an terior. Contas advirte de que este procedemento "debe deixar de ser o maioritario para a tramitación deste tipo de gastos".

AUMENTO DE BENEFICIOS FISCAIS SEN XUSTIFICACIÓN

Contas identifica un incremento nun 14,7% dos beneficios fiscais autonómicos en 2023, que ascenden a un total de 592 millóns de euros. Aquí pon o foco sobre que o imposto do patrimonio incrementou notablemente os beneficios fiscais con novas deducións. "Non existe na memoria información sobre a xustificación e estimación do incremento destes beneficios fiscais", lamenta Contas do mesmo xeito que en anos anteriores.

EXECUCIÓN DE FONDOS EUROPEOS INFERIOR AO 50%

Por outra banda, o informe ofrece datos sobre a execución de ingresos e gastos dos fondos Next Generation. No Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (teñen un período de execución de 2021 a 2026), a execución acumulada dos exercicios 2021, 2022 e 2023 (obrigacións orzamentarias) sitúase no 46% dos créditos definitivos, con 492 millóns executados de 1.069 millóns, e no 32,18% dos fondos asignados polo Estado para o período de programación 2021-2026 (1.529 millóns).

Respecto dos fondos React, cun período de programación que vai de 2021 a 2023, Galicia tiña asignados a finais dese último exercicio 441 millóns. As obrigacións recoñecidas a peche de 2023 ascenderon a un total de 436 millóns, o que representa unha execución acumulada do 99%.

SERGAS

Paralelamente, o Sergas continúa sen implantar un sistema integral de contabilidade tal e como esixe o plan xeral de contabilidade pública de Galicia. O Consello de Contas detecta unha "deficiente técnica orzamentaria" no Servizo Galego de Saúde (Sergas) en 2023 e apunta, en concreto, á "infraestimación" nas previsións de gasto de persoal e o farmacéutico, algo que se produce "anualmente".

A pesar de que a Xunta orzou 4.838,9 millóns para o Sergas en 2023, o informe de fiscalización advirte que este montante "se incrementou en 480 millóns", un 10%, a través de modificacións orzamentarias, ata o total de 5.343 millóns de euros. Este aumento "é superior" ao ámbito total da Administración autonómica. Iso si, Contas destaca a "alta" execución orzamentaria do sistema sanitario, situada no 98%.

RECOMENDACIÓNS PENDENTES

Así mesmo, o informe inclúe diferentes recomendacións de Contas que aínda están pendentes de aplicación pola Xunta de pasados exercicios: actualizar o marco contable orzamentario, información sobre os compromisos financeiros asumidos para financiar as infraestruturas públicas, revisar os activos inscritos como investimentos destinados ao uso xeral, consolidar as contas das entidades que integran o sector público, elaborar unha aplicación informática que permita obter datos históricos sobre os saldos debedores, establecer un sistema de supervisión continua das entidades dependentes, remitir ao Consello de Contas un informe anual sobre o seguimento dos expedientes de reintegro e sancionadores derivados do exercicio do control financeiro.

PSDEG


A deputada do PSdeG Patricia Igrexas considera que o informe do Consello de Contas sobre as entidades instrumentais da Xunta confirma que as sociedades Impulsa e Recursos Naturais de Galicia actúan "como auténticos 'chiringuitos' sen control parlamentario".

A través dun comunicado emitido este martes, día en que se fixo público o mencionado informe económico-financeiro correspondente a 2023, Igrexas asegura que os reparos de Contas equipásense ao que o Grupo Socialista leva "máis dun ano denunciando": "Que son sociedades 'fake', opacas e con claros indicios de control público que a Xunta se empeña en esconder".

A deputada do PSdeG critica que o Goberno galego impulsou estas sociedades "baixo a fórmula da colaboración público-privada, pero sen garantías, sen transparencia e sen resultados". Foron constituídas, engade, "como auténticos 'chiringuitos' sen control parlamentario, dos que aínda hoxe seguimos esperando recibir o expediente de constitución, a pesar de que xa presentamos ata nove peticións formais".

"A día de hoxe seguimos sen saber como se contrata o persoal destas sociedades, cal é o seu réxime de contratación externa, nin que criterios séguense para a súa xestión. Mesmo compartiron sede social co Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), o que evidencia a súa dependencia directa da Xunta", sinala Igrexas.

A deputada reclama ao Goberno autonómico "que tome nota deste novo tirón de orellas e cumpra coa súa deber de transparencia e rendición de contas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta