Julio Ceballos, analista: "Ucraína ten en China un mellor aliado que os EEUU para a paz"

Julio Ceballos é experto en internacionalización, estratexia de mercado e negociación. Desde o ano 2006 é asesor para empresas españolas en China. Acaba de escribir 'El Calibrador de Estrellas', un libro que abre portas á cultura chinesa e sobre todo á actitude que ten o país asiático con respecto á mentalidade occidental, mesmo o papel que está xogando a potencia asiática en Ucraína. Por último, ofrece claves para entender o comportamento na política económica e estratéxica mundial por parte de Pekín

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2025 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

-Es asesor para empresarios españois en China. Cales son as grandes diferenzas culturais e laborais que observas entre españois e chineses?

Julio Ceballos
Julio Ceballos | Fonte: Moncho Mariño

Quen chegue a China con calquera intención acaba sorprendido polos seus estereotipos. En realidade, eles teñen máis coñecementos sobre o resto do mundo que ao revés. En 2019 saíron ao estranxeiro máis de 170 millóns de chineses, case un 10% da poboación e por diversos motivos. A xente que visitou China, fóra da súa área inmediata (Xapón, Corea, Vietnam) foron 10 millóns de visitantes. Eles saen fóra coa mentalidade máis aberta para estudar en todos os ámbitos e non levar ideas preconcibidas. Os occidentais imos alá para ver se é certo iso que pensamos de China e moi poucas veces sacamos conclusións que constanten o previamente concibido. Que constatamos? Son unha poboación moi grande, si, hai moita cámara de vixilancia mais, por encima diso, vemos un país que vai a outra velocidade en moitas áreas.

-Mais como afrontan as negociacións chineses e occidentais? Son dúas maneiras moi diferentes de afrontar unha cuestión coma esta.
Eles saben que para os occidentais o silencio é algo incómodo e para non sentirnos incómodos seguimos falando e falamos de máis. O chinés é discreto, suxestivo e moi pouco explícito sobre como desenvolverá a estratexia para ter máis marxe de manobra. Moitas veces, a parte occidental sae das reunións queixándose de terlle contado todo sobre o proxecto á contraparte chinesa “e eles non dixeron nada”. Son moi bos poñendo un “salvapantallas facial”, o seu rostro non reflicte se canto lle dis é interesante para eles ou non. O “pecado” occidental é a présa e mostrar os naipes moi axiña.

-Aínda así, no teu libro sinalas que son xente moi sensible ás críticas. Como é posible achegarse a eles e non dicir algo que poda ofendelos aínda que non o fagamos con esa intención?
Cando unha persoa descoñece os códigos dunha cultura cun perfil tan alto é doado ter erros. Por outra banda, eles levan décadas viaxando ao exterior e parten da premisa que nós non os entendemos e non coñecemos os seus códigos e por iso xogan con esa actitude: se non os entendemos non podemos ofendelos. Se por caso os ofendemos eles teñen a vantaxe de xogar coas cartas viradas para abaixo. Non existe unha verdadeira posibilidade de ofensa auténtica. Prefiren non mostrar as liñas vermellas e darlle a oportunidade ao contrario de ofendelos a cambio de teren eles máis marxe de manobra.

 Son unha poboación moi grande, si, hai moita cámara de vixilancia mais, por encima diso, vemos un país que vai a outra velocidade en moitas áreas

Julio Ceballos
Julio Ceballos | Fonte: Moncho Mariño

-Mais estamos diante dunha sociedade e dun goberno hermético, case non coñecemos nada da súa política interna.
É unha civilización que leva séculos mirando cara adentro, por iso para Occidente parece inesplicable que non queiran conquistar cara a fóra e decidan construír cara adentro o país máis forte, própero e rico do planeta. O primeiro muro que ten o estranxeiro é a lingua, non é casual que sexa das máis difíciles de aprender, en boa medida é a unión social porque desde hai 3.000 anos comparten o mesmo idioma, por outra parte saben que quen non domine a súa lingua non pode ler os seus textos nin comprendelos como pobo. Aplicando esa lóxica, o goberno chinés é moi hermético e iso nunha sociedade como a actual, tan global, segue estando vixente. Unha das dezaoito aprendizaxes que apunto no meu libro titúloa “Eloxio da opacidade”, porque non se trata de renunciar á transparencia do noso sistema mais se eles xogan coas cartas viradas para abaixo, nós debemos aprender a protexernos dunha maneira recíproca.

-É certo ou es coñecedor de que se non poden recoller coñecemento mediante negociación recorren á espionaxe industrial?
Hai moi poucas fórmulas maxistrais en China e moitas menos de éxito, mais existen fórmulas para evitar trampas onde é doado caer. Unha das fórmulas di: se tes unha tecnoloxía exclusiva que non teñen os chineses e é difícil de copiar, vai a China. Outra é: se tes unha tecnoloxía propia que non teñen os chineses mais é fácil copiala, non vaias, iso non os vai frear mais non lles estás abrindo as portas. É certo que son mestres en copiar e mellorar a copia. Por último, se tes unha tecnoloxía que non é propia e accesible, ademais de ir a China alí o teu proxecto pode saír adiante pois é probable que eles xa teñan esa tecnoloxía. Teñen a vontade de mellorar constantemente e dentro diso poden copiar e mellorar a patente, non é problemático para eles. Hoxe en día, moitas empresas occidentais que deseñan unha idea mais non teñen a tecnoloxía para levala adiante, van a China e buscan o empresario ou persoa idónea quen fan o mesmo e máis barato para ofrecerlle unha alianza ao empresario chinés e ter a exclusiva en Europa para distribuír o seu produto e así continuar no negocio. O europeo será distribuidor dun produto chinés de iguais ou mellores prestacións e dalgunha maneira tes un valor engadido.

Nas negociacións, o “pecado” occidental é a présa e mostrar os naipes moi axiña

-Nunha das túas comparecencias falabas que o sucedido en China non e un 'milagre económico' senón “un exercicio de planificación”. Ese é o exercicio que deseñou Deng Xiaoping e por que este político quixo dar ese cambio?
Deng toma o timón de China cando aínda tiña a industria por desenvolver, cando era un país depauperado e ademais, viña de vivir unha tolemia colectiva que foi a Revolución Cultural. Deng entendía que o socialismo non era a igualdade na pobreza senón a igualdade na riqueza, e para iso facía falta un motor de progreso para poñer en marcha un novo modelo, un modelo que permitise á xente vivir con máis prosperidade. O punto de inflexión foi unha viaxe a EEUU logo de ver o sistema de infraestruturas, o sistema de universidades e o sistema industrial que estaba a anos luz do modelo chinés. Foi daquela cando usou a máxima de: “tanto ten que o gato sexa branco ou negro, o caso é que vaia aos ratos”. Con esta frase quixo dicir que eran necesarias medidas para desatrancar o país que leva séculos parado. Os chineses entenderon que a meritocracia era esencial para saír adiante, primeiro estableceron obxectivos dentro duns plans quinquenais, Mao Ze Dong xa os implantara baseándose no modelo soviético. Porén, os chineses eran moi prácticos, a meta non cambia mais si cambian os métodos, eles ían tentando diferentes fórmulas até dar cunha que lles permitise chegar ao obxectivo. Eles non pensan se un método é socialista ou non, se é igualitario ou non, só miran se é eficaz e se o é acaban adaptándoo ás súas necesidades. Occidente, por exemplo, é moi resistente aos cambios e iso nun momento de disrupción sistémica logo de tres shocks: COVID, a guerra en Ucraína e o segundo mandato de Trump. Todo iso fai que Occidente deba recalibrar os seus valores, mais hai unha grande maioría que non gusta do cambio e isto case por dogmatismo: “o noso modelo é a priori perfecto”. No libro non idealizo o modelo de Occidente ou o chinés, aínda así, crer que os occidentais temos todas as respostas cando non temos aínda todas as preguntas e iso non é así, por iso China demostra que non hai mellor resposta que aprender.

-China é un país autosuficiente e se o é, isto permítelle eludir os aranceis de Trump?
Non, China non é autosuficiente en moitos puntos aínda sendo un país grande. Ten de todo mais en cantidade escasa, por exemplo, a superficie agraria cultivable é o 6% e os chineses son o 16% da poboación mundial. É o país que máis porcos cría e aínda así necesita importar ou é o que máis aceiro produce e tamén o que máis consome. En moitos aspectos non é autosuficiente e por iso debe importar mais é un país con capacidade para adaptarse. Donald Trump coa súa guerra arancelaria en 2017 quere conxelar a diferenza tecnolóxica que aínda separa EEUU de China, mais pasou ao revés, a diferenza tecnolóxica reduciuse entre os dous países. Hoxe China é máis autosuficiente en tecnoloxía que hai sete anos mais segue sen ser autosuficiente total. Mais tamén é casualidade que moitas das reservas de terras raras e que se minan e refinan están en China. Estudaron as cadeas de subministración de elementos tecnolóxicos e ten identificado cales son os puntos críticos. Saben que teñen a capacidade de cortar a subministración de materias primas para os vehículos eléctricos chegado o caso.

Deng entendía que o socialismo non era a igualdade na pobreza senón a igualdade na riqueza, e para iso facía falta un motor de progreso para poñer en marcha un novo modelo

-Mais eses aranceis de Trump non poden ser unha chave, ou un colateral para que a UE poida aumentar as perspectivas de negocio con China?
Os analistas nunca se poñen de acordo con personaxes coma Trump porque non teñen termo medio. Ou son absolutos xenios creando estratexias sumamente complexas que moi poucos entenden ou é un absoluto pailán. Eu creo máis na segunda opción, ao mellor porque non teño abondos coñecementos para entender a súa estratexia. Para empezar, o sistema estratéxico dos EEUU baséase nunha serie de alianzas que o mesmo Trump está rompendo ou polo menos está abaneando todo a ver canto aguanta. Romper alianzas con socios tradicionais é que os exsocios se alíen entre eles. Trump, sexa cal sexa a súa visión se é que a ten, obriga a redifinir os termos de negociación e colaboración con China. Isto non é unha necesidade, é un imperativo. Porque, sen deixar de mirar cara o Oeste, imos ter que mirar cara o Leste como fonte de aprendizaxe, asociación e acordo ou arriscamos a ser un actor irrelevante.

Con Trump é imperativo para a UE redifinir os termos de negociación e colaboración con China

-China é un perigo para o Sur Leste asiático?
Non, e a proba é que se fose un perigo xa tería estoupado. Un exemplo que podería poñer é que en Australia falan inglés, en Chile falan español e en Camerún francés. As linguas que se falan neses países chegaron desde lugares a miles de quilómetros. Pola contra, China ten veciñanza con Vietnam, Corea, Mongolia ou Xapón e en cada un deses países fálase a súa lingua propia oficial. Isto é proba dunha falta de necesidade expansionista, tivo tempo de sobra sendo o país máis poderoso da súa zona. Certo que houbo unha relación tributaria con eles e posiblemente aspire a que a interdependencia entre eles aumente, porque todos os países asiáticos teñen China como principal socio. Isto significa que os chineses queiran unha periferia estable e en paz até certo punto. A xogada de China é volverse indispensable e crear toda esa rede de interdependencias para poder ter posibilidade de cortarlle a billa a eses países. Ninguén coñece mellor a China que os seus veciños que ven con desconfianza o seu aumento de poder mais entenden que se isto é así e manteñen relacións pacíficas fan desa rexión un lugar poderoso.

-Indo ao caso de Taiwán, se en vez de chamarse oficialmente República de China se independizase totalmente chamándose República de Taiwán, a parte continental non o aceptaría.
Taiwán é unha anomalía histórica por ser o último residuo dun imperialismo colonialista (foi colonia xaponesa até o fin da II Guerra Mundial) do século XIX e XX. As dúas partes coinciden en que todos son chineses. Na conferencia de Ialta onde acudiu tamén Chiang Kai-shek, antes de perder a guerra civil contra os comunistas de Mao, prometéronlle que logo de finalizar a guerra, Taiwán acabaría dentro do territorio chinés. En 1949 acaba a guerra civil chinesa e os nacionalistas de Chian refúxianse en Taiwán e por iso romperon a promesa. Pekín nunca renunciará a esa illa, é unha pegada negra do pasado colonial, a última peza para consolidar “a soberanía da nova China”. Non hai présa, mesmo Mao dixo: “podemos esperar cen anos para recuperar Taiwán”. Jian Zemin, que foi presidente durante os 1990, un xornalista lembroulle esa frase de Mao “poden esperar cen anos”, Jian respostou: “xa pasaron cincuenta anos”. A lóxica é reintegrar a illa de boa forma, pacificamente sen que a economía de Taiwán non decaia. Dunha maneira ou de outra, sen descartar a posibilidade militar aínda que non é moi probable, estou convencido que Taiwán retornará a China, ao mellor cun sistema especial.

-Axudará China a finalizar a guerra de Ucraína?
Teño curiosidade por saber que termos pacta para os ucraínos Estados Unidos. Apostaría a que a paz pactada por EEUU, faro do mundo libre, é máis lesiva para Ucraína que a proposta chinesa de doce puntos presentada en marzo de 2023. Que papel terá China? Non a convidaron á mesa de paz, o mesmo que á UE, Trump ignora aos chineses, é un erro moi grande. Ucraína ten en China un mellor aliado que os EEUU para a paz.

Julio Ceballos
Julio Ceballos | Fonte: Moncho Mariño
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Moi interesante e moi sensata esta posición respecto a China: "sen deixar de mirar cara o Oeste, imos ter que mirar cara o Leste como fonte de aprendizaxe, asociación e acordo ou arriscamos a ser un actor irrelevante" E ademáis de irrelevanes, patéticos... Hoxe ábrese a guerra dos aranceis dende a Casa Blanca ~ Día da Liberación ou o Día da Estupidez ? https://www.galiciaconfidencial.com...