GC Aberto

O papa Francisco recoñece estar "a considerar a excomuñón" para os responsables de Altri

"A mobilización contra Altri deu un inesperado golpe de efecto chegando até a Santa Sé, onde os representantes da plataforma de oposición á macropasteira, convenceron o sumo pontífice da gravidade da situación."

Por admin | A Coruña | 01/04/2025

Comparte esta noticia

Cando a mediados do pasado mes de marzo se deu a coñecer o informe ambiental favorable da Xunta de Galicia ao proxecto da macrofactoría de celulosa que a multinacional Altri pretende construír en Palas de Rei, os responsables da plataforma que lidera a oposición social ao proxecto xa advertiran de que habían "remover Roma con Santiago" até parar o proxecto. E así está a ser, literalmente, pois hoxe celebraban ante os medios, con indisimulada satisfacción, que o papa Francisco, malia estar aínda a se recuperar da dupla neumonía que o mantivo hospitalizado durante varias semanas, fixese un oco na súa reducida axenda, para recibilos na Santa Sé. Tras unha xuntanza que se prolongou durante case cincuenta minutos e na que o pontícife escoitou de primeira man os impactos que sobre o territorio e sobre o modo de vida da comarca da Ulloa e sobre a ría de Arousa suporía a instalación desta "bomba ambiental" no corazón de Galicia, o director da oficina de prensa do papa deu a coñecer un comunicado no que o pontífice recoñecía estar sumamente preocupado polo que cualifica de "ameaza a un dos lugares máis fermosos da Creación" e ao propio Camiño de Santiago, "ruta milenaria de peregrinación ao segundo lugar de culto máis sagrado para os católicos", en palabras do propio Bergoglio. 

O Papa Francisco
O Papa Francisco | Fonte: Vaticano

O comunicado tamén inclúe citas á súa encíclica de 2015 Laudato si', que acadara un grande recoñecemento mesmo fóra da Igrexa Católica pola súa mensaxe ecoloxista. "Un crime contra a natureza é un crime contra nós mesmos e un pecado contra Deus", afírmase na encíclica, onde tamén se advirte de que "[o]s recursos da terra tamén están a ser depredados a causa de formas inmediatistas de entender a economía e a actividade comercial e productiva", e identifica o proxecto de Altri como un caso claro desta depredación. O texto que foi dado a coñecer poucas horas despois de rematada a reunión cos activistas galegos, indica que, en consecuencia, o papa vai considerar moi seriamente a necesidade de abrir un proceso de "excomuñón" contra os principais responsables deste "enorme pecado", xustificándoo en que "non terían cabida na comunidade unida en torno ao amor a Cristo, que é inseparable do amor á Obra de Deus, que é a Natureza por el creada e da que debemos ser guardiáns e coidadores, non destrutores e espoliadores". Entre os ameazados coa expulsión da Igrexa o comunicado nomea os principais donos das empresas Greenfiber/Altri/Greenalia, Paulo Jorge dos Santos e José María Castellanos, así como o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e mesmo chega a lanzar unha advertencia ao presidente español Pedro Sánchez en caso de finalmente autorizar o financiamento con fondos europeos do proxecto. Finalmente o texto, que destila un tono inusitadamente duro para as mensaxes habituais do actual bispo de Roma, e que xa foi publicado no sitio web do Vaticano, lembra os Evanxeos de Marcos e Lucas, e advirte contra esta tentativa de converter a principal senda de peregrinación á Catedral de Compostela, isto é, o Camiño Francés, que pasa a escasos tres mil metros destas instalacións industriais, "nunha cova de ladróns".

Os representates de Ulloa Viva desprazados até Roma para esta audiencia amosáronse moi agradecidos co recibimento e apoio do papa, a quen levaron como agasallo varios queixos da D.O. Arzúa-Ulloa, así como produtos diversos de granxas de porcos ecolóxicos da zona e un lote de conservas vexetais que incluía grelos e varias especies de plantas mediciñais deshidratadas, que ofreceron ao convalecente Bergoglio co desexo de que "contribúan á súa rápida e completa recuperación".

Á hora de publicar esta información aínda se descoñece a reacción das persoas incluídas polo sumo pontífice nesta advertencia de excomuñón. Pola súa banda os representantes dos partidos da oposición no Parlamento do Hórreo non tardaron en reaccionar á noticia. Para Ana Pontón, a líder do Bloque, "a autoridade do papa nun Estado aconfesional non é relevante, mais agradecemos o seu apoio como o de calquera outra persoa que ten un altofalante para chegar a moita xente e que dá a coñecer esta terrible ameaza para Galiza fóra das nosas fronteiras". Pola súa banda, Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG e recoñecido católico practicante, publicou nas redes sociais que "a autoridade moral do papa Francisco é indiscutible, e nós, os socialistas galegos, cristianos ou non, apoiamos que no asunto de Altri o que diga o papa vaia á misa".

O 1 de abril "van os burros a onde non deben ir".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta