GC Aberto

A opacidade na contratación pública da Xunta de Galicia

Un dos piares fundamentais de calquera democracia moderna é a transparencia na xestión pública. Nun sistema onde os recursos públicos proceden dos impostos das persoas contribuíntes, o acceso á información e á fiscalización dos gastos son dereitos esenciais para garantir que os cartos se empreguen de maneira eficiente e honesta.

Por admin | Compostela | 15/03/2025

Comparte esta noticia

Mari Camiña

Rueda e Corgos, tras o Consello da Xunta
Rueda e Corgos, tras o Consello da Xunta | Fonte: David Cabezón
Responsable da área de sanidade e dependencia de Podemos Galicia 

Pola contra, na Xunta de Galicia, gobernada por Alfonso Rueda, a falta de transparencia nos procesos de contratación pública é alarmante, especialmente no ámbito da Consellería de Sanidade e da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

Recentemente saíu á luz que a Xunta de Galicia adxudicou 8.513 contratos sen explicacións claras, mesturando millóns de euros públicos sen ningunha información detallada ou útil. Que se está contratando realmente? Cal é o propósito destes contratos? Moitos deses pagamentos están destinados a servizos descritos con termos ambiguos como "FRAS-OK" ou "FRAS...", palabras que non permiten entender con claridade o que se está comprando ou contratando. Esta situación non é aceptable. Non estamos só ante unha mala práctica administrativa, senón fronte a unha ausencia de transparencia que afecta á capacidade de fiscalización e participación cidadá.

Nun contexto de escaseza de recursos, saturación nos servizos de saúde e unha crecente presión sobre o sistema sanitario galego, o descontrol nos procesos de contratación pública non pode ser considerado un asunto menor. Os contratos menores, que non poden superar os 15.000 euros para servizos e os 40.000 euros para obras, foron utilizados polo Goberno galego para adxudicar miles de contratos sen ningún tipo de concorrencia pública. Entre 2018 e 2023, a Xunta gastou 4.000 millóns de euros en contratos sen concurso, o que representa o 77% do seu orzamento anual para sanidade. Estes contratos foron asignados sen transparencia e, en moitos casos, sen unha xustificación clara sobre o seu obxecto.

O máis preocupante é que esta falta de transparencia non só afecta a pequenas compras ou encargos, senón que compromete millóns de euros, moitos deles vinculados a empresas próximas ao Partido Popular e a persoas de confianza do partido. A proliferación da contratación a dedo está consolidando un modelo de xestión pública opaco e afastado dos principios de competencia e transparencia que deberían rexer as administracións públicas.

Esta falta de transparencia non só pon en dúbida a xestión pública, senón que tamén permite que grandes cantidades de diñeiro público se repartan sen explicacións nin a debida fiscalización. A resposta do Goberno? Un simple "erro de codificación". Pero, como pode un fallo de codificación persistir durante tres lexislaturas sen solución? Se se repite ano tras ano e ninguén o corrixe, está claro que hai algo máis que unha simple descoordinación técnica.

O que necesitamos é un compromiso real coa transparencia e a claridade, algo que non só afecta ás auditorías internas ou externas, senón ao dereito fundamental da cidadanía a saber a onde vai o seu diñeiro.

Na nosa comunidade non só está en xogo a eficiencia do gasto público, senón tamén a confianza e a credibilidade das nosas institucións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta