Hoxe é cando máis deberamos valorar o poder soster libre e voluntariamente (mediante achegas) ao Galicia Confidencial que amáis de manternos informados facilita o falar en liberdade mantendo unha “conversa democrática”.
Por Gamela | GC ABERTO | 21/03/2025
Comparte esta noticia
Dende que temos Democracia ninguén reparou na transformación dos Medios de Comunicación, os que viñamos da ditadura sabiamos que os xornais eran para os adictos ao Réxime e para os que poideran paga-la “publicidade” e sair nun rencuncho do xornal e vender coches, lexivias, deterxentes…
Xornais galegos
| Fonte: publicidade - Secretaría Xeral de Medios da Xunta
Ninguén aspiraba a publicar un artigo de “opinión” agás que foses un persoeiro afín ao Réxime normalmente universitarios arribistas, avogados dos Tribunais ou empresarios que personificaban algún tipo de progreso técnico nun país onde o analfabetismo tiña porcentaxes indecentes (32% na poboación adulta, especialmente as mulleres do rural galego)
Os cidadadáns crían que os xornais do Réxime viñan de seu, que ler xornais en bares e cafeterías era un servizo básico e subvencionado xenerosamente por mor do “interese público” á vez que constituían o único artefacto “cultural” de uso público xeral.
Se ben a maioría lían as esquelas e malamente os titulares. Daquela as noticias non eran cousa relevante, a Ditadura tiña todo decidido e os cidadáns non tiñamos nin voz nin voto para cambiar nada (tempos aqueles…)
Hoxe vivimos en Democracia onde a calidade da información conforma a opinión pública que decide, mediante os procesos electorais, o futuro da sociedade.
Levamos máis dun ano, dende xaneiro 2024, sen información, ou sen información gratuíta, porque os empresarios do sector decidiron cobrar por vender os nosos datos de navegación a Terceiros logo de levantar Muros de Pago na Internet. Eles non renunciaron a cobrar as Subvencións do Réxime aínda que hoxe vivamos en “democracia” e críamos ter dereito a unha información veraz, libre e sen manipular que favorecera unha sociedade máis culta e capaz de manter conversacións intelixentes que permita chegar a conclusións constructivas para o futuro da sociedade.
Pois non, a cultura hoxe tes que pagala, é un ben de mercado, se queres “información” (esquelas, horóscopo…) deberás pasar por caixa para “soster” aos xornais do Réxime. A información vén marcada de fábrica: a mesma nova é boa ou mala dependendo do xornal que leas. Non terás acceso a unha visión neutra da realidade agás que teñas o poder adquisitivo que te permita mercar varios xornais distintos (ou aceptar cookies e pagar cos teus datos de navegación) No tempo da Intelixencia Artificial o lema é “as cookies ou a pasta”
Seica queren volvernos analfabetos funcionais, lerás o que te poñan diante e pagarás dúas veces (sen sabelo): unha vía impostos grazas ás xenerosas subvencións públicas que reciben os Xornais do Réxime (non todos teñen o mesmo dereito a recibir cartos públicos!) e se es da opinión que a información é un ben de mercado pagarás (se podes) por un acceso Premiun (sen cookies nin publicidade).
Na guerra cada quen resiste como pode… pero ás veces algúns elixen un camiño que leva a ningures. Cando o custe da alimentación subiu nos últimos anos máis dun 35% ao persoal non lle queda outra que poñer a radio ou a televisión para recibir a Información do Réxime.
Eso da lectura sosegada do xornal vai quedando na Memoria Colectiva de Casinos e Ateneos xa desaparecidos na oferta e demandas do Mercado. Sentar nun café a ler prensa é cousa de xubilados e vai sendo severamente penalizado (moitos locais aforran a prensa evitando así o apalancamento dos “non-consumidores”).
Vivir sae cada vez máis caro! E dar a túa opinión gratuítamente está mal visto…
Nin Xornal de Vigo nin Xornal da Coruña nin Xornal da Mariña nin Xornal de Lugo permiten comentarios nas súas webs e moito menos a publicación de artigos en Aberto. Así o Galicia Confidencial abríndose ás comarcas e favorecendo un xornalismo de cercanía vai perdendo o seu sinal de identidade máis valorado: soster o dereito a unha información libre e veraz mantendo a liberdade de expresión dos lectores.
As novas de Vigo non teñen réplica posible (e os lectores do GC poden crer que as cousas son como algúns as queren contar…) Disto sabemos moito en Vigo, pois vai para 16 anos que o alcalde ten un programa semanal na televisión local (TeleVigo) no que arremete sen límite de tempo contra todo e contra todos sen que ninguén teña un mínimo dereito a réplica… O programa reponse 4 veces na semana, se non queres unha cunca, tomarás cinco ata que rebentes! Era a Isegoría -igualdade de tempos para falar ante a Asamblea- un requisito básico do sistema democrático… diso xa ninguén se acorda (agora para falar temos que mercar unha canle de televisión, un xornal do réxime, unha radio matutina…)
Por iso é tan importante soster o sinal de identidade do noso Medio de Comunicación Social. Hoxe é cando máis deberamos valorar o poder soster libre e voluntariamente (mediante achegas) ao Galicia Confidencial que amáis de manternos informados facilita o falar en liberdade mantendo unha “conversa democrática”.
De ben nacido é ser agradecido, e antes de que xa non poda facelo, quixera AGRADECER ao director de GC, Xurxo Salgado, a súa valentía e a súa xenerosidade. Mentras o resto de medios “subvencionados” erguen muros de pago e feixes de cookies para vender datos a terceiros, GC aguanta o tirón, sen recibir subvención pública algunha (agás un chisco de publicidade institucional e cicias algún ingreso mínimo dos lectores adictos a este xornalismo valente que sempre busca INFORMAR e facelo con intelixencia e con ese punto de sabedoría que tanto agradecemos os que cremos que a prensa debera ser: un lugar aberto á conversa intelixente especialmente cando as opinións son diverxentes.
Grazas a todo o equipo do GC por seguir cultivando un “xornalismo heróico” e manter viva a lumieira da Democracia coa vosa infinita xenerosidade cos lectores e moi especialmente a vosa paciencia e “comprensión” cos lectores disidentes da propia liña editorial.
Esta experiencia xa nunca máis será borrada do voso currículum como xornalistas de futuro. Nestes tempos de cainismo só os bos e xenerosos manteñen acesa a luz da razón ofrecendo ao mundo o Tesouro do GC-ABERTO
Os “intelectuais” na Nosa Terra viven mortos de medo a falar con claridade i en voz alta, non vaia ser que os deixen fóra do xogo mediático se publican o que pensan… (se é que pensan algo). Así van morrendo as democracias (por falta de uso) cando non podemos ofrecer alternativas, xa só nos queda soportar o canto monocorde dos Adictos ao Réxime.
Soportamos algoritmos que nos colocan ao fondo dos espellos, e buscamos desesperadamente “novas redes” que nos afasten do mundo real para seguir falando das cousas que desexamos, pero non comprendos que tamén alí o algoritmo termina dirixindo a conversación ao lugar que máis lle interese (normalmente onde teña un maior “beneficio” económico ou de seareiros…)
Non esquezamos que temos un lugar máxico no GC onde a difusión da información promove a intersubxectividade en lectores intelixentes que poden ir máis alá da “propaganda pagada” que ofrecen hoxe os Medios de Comunicación de Masas.
Radio Mil Colinas promovía o xenocidio en Ruanda, pero detrás do micrófono había un ser humano chamando a masacrar as cascudas tutsis… Hoxe as Redes xa non precisan de ningún humano detrás da desinformación, basta cunha IA favorecendo o enfrontamento de grupos humanos para provocar limpezas étnicas e mesmo a Terceira Guerra Mundial…
Os humanos aínda temos algún poder de desconexión…