O excontable da confraría do Grove recoñece que se gastou no casino uns 200.000 euros da asociación

Relata os seus problemas de ludopatía, pero nega que a cantidade ascenda a medio millón de euros, como sostén a fiscalía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2019 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O excontable da confraría do Grove, Fabricio F.A., recoñeceu que, entre os anos 2009 e 2010, subtraeu uns 200.000 euros das contas do depósito para apostalos "integramente" no casino. Este martes celebrouse na sección segunda da Audiencia de Pontevedra o xuízo con xurado contra este acusado de malversación. "Gasteimno todo no Casino da Toxa", confesou Fabricio.

Xulgados.
Xulgados.

No seu relato, asegurou que o fixo por culpa da súa ludopatía, que lle era "totalmente imposible controlar o impulso", xa que "ía ao traballo pensando sempre en xogar".

Para el, "era unha necesidade" que lle levou a dilapidar en primeiro lugar todo o seu patrimonio persoal e despois o diñeiro da súa familia. "Aquilo custoume o divorcio", afirmou.

SOSTÉN QUE NON SON 500.000 EUROS

"Estou disposto a pagar polo que fixen, pero non polo que non", dixo o acusado, que nega que se apropiou indebidamente do diñeiro restante que lle imputa a Fiscalía, ata chegar aos 505.000 euros. Limita a súa responsabilidade ás contas que a confraría tiña na Caixa e en Banesto.

"Non estou a ocultar o que me levei", engadiu o excontable, quen rexeita desviar diñeiro ás súas contas persoais das caixas que o depósito tiña na lonxa ou na pescadería. "Non cabería esa posibilidade, porque tiña que deixar un recibín, e esa certificación apuntábase no libro diario", agregou.

Ademais, o acusado apuntou que foi el quen advertiu de que as contas da pescadería non cadraban e que era conveniente chamar ao auditor.

AUTODENUNCIA

O excontable da confraría do Grove tamén explicou que cando pediu axuda á Asociación Galega de Xogadores Anónimos (Agaja), entre outras cousas, aconselláronlle que afrontase a súa situación. "Por iso decidín autodenunciarme, porque tiña que porlle freo ao meu problema", explica.

Deste xeito, en novembro de 2010 Fabricio acudiu ao xulgado de Cambados. "Conteille á xuíza o que fixera", narra. "Arruineime a vida. Agora só teño débedas", declarou o acusado.

A Fiscalía solicita seis anos de prisión e 15 anos de inhabilitación para este excontable da confraría de Pescadores do Grove por un delito de malversación de caudais públicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta