Os xurros e as rozas masivas, o gran perigo de abellas e bolboretas en Galicia

A existencia de insectos polinizadores é unha garantía para a pervivencia de ecosistemas e cultivos. O uso de insecticidas agresivos, a destrución de hábitats naturais para a pervivencia destas especies animais están entre os factores que aceleran a desaparición. A propia ONU está levando a diante campañas de concienciación sobre este tema.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 05/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As abellas están desaparecendo, o mesmo pode dicirse de bolboretas, reirreis e outros insectos cuxos efectos positivos sobre a flora eran coñecidos desde antigo. Os actuais factores climáticos sumados a políticas agrarias intensivas e industriais, o uso de pesticidas, indencios forestais e cambios radicais nos hábitats, están marcando un futuro moi difícil para a produción agraria primeiro, para a sobrevivencia de masas forestais e monte baixo e para a industria apícola. Existen conflitos de intereses detrás de cada posición, mais polo de agora parecen primar os de gran produción agraria e gandeira fronte ao desenvolvemento rural máis equilibrado.

Colmea de abellas
Colmea de abellas | Fonte: UN.ORG


DESAPARICIÓN DE POLINIZADORES

A desaparición de polinizadores elevouse xa a alarma mundial desde hai anos. A falta destes insectos suporía a desaparición de axentes fecundadores tanto para a agricultura, silvicultura e toda a natureza en xeral. “A causa maior de declibe de polinizadores é a alteración e destrución do hábitat, destrución de chan, uso indiscriminado de herbicidas e insecticidas” di Marcos González do Museo de Historia Natural da USC.

O uso indiscriminado de insecticidas durante décadas tivo un enorme efecto nestes animais. “Unha das reivindicacións dos apicultores foi a retirada de insecticidas chamados neonicotinoides” explica González. Entre as consecuencias que trouxo a proliferación destes químicos está o colapso das abellas, un dos problemas máis graves destes últimos. Desde 2013 conseguiuse unha moratoria sobre estes pesticidas, mais non son os únicos que se usan.

Aínda así, Marcos González explica que “os insectos son o grupo que máis e mellor se adapta a determinadas circunstancias, porque levan millóns de anos con nós e sobreviviron a varias extincións”. Con todo, e a pesar de que se instauren moratorias ou ben se prohiba o uso de insecticidas, os residuos destes axentes químicos “quedan para centos de anos, mais nalgún momento haberá que parar o seu uso”.

APICULTURA, ROZAS E XURROS

A apicultura desenvolveu nos últimos anos unha industria que vai máis alá da venda de mel. Agora mesmo o sector produce venda de enxamios, cría de abellas raíña, pole ou xelea real. Aproximadamente durante o ano, o sector en Galicia pode mover algo máis de doce millóns. Xunto a isto a IXP Mel de Galicia dá unha garantía de estar diante dun produto elaborado segundo uns criterios de calidade.

As vantaxes do territorio son varias, a primeira é que “os dous terzos do terreo en Galicia está cuberto por bosque con flor silvestre” di Xesús Asorey, presidente de AGA. Desde a súa posición, este apicultor coincide con científicos en que o uso desenfreado dos biocidas, xunto a unha produción agraria e gandeira intensiva, están acabando coa biodiversidade tanto en plantas como animais. “O uso industrial de praguicidas mata un 40% das abellas hoxe en día, cando hai décadas só era dun 10%”.

As vantaxes dun terreo cuberto case en toda a súa totalidade por monte e matogueira, non pode levar ao equívoco de pensar en amplos espazos verdes para a extracción de pole. Desde hai tempo, lugares de monte baixo, matogueiras de queiruga e outras plantas endémicas do país, están sendo obxecto de manobras cuestionables mesmo legalmente.

Ditas matogueiras “están protexidas pola U.E.” mais son obxecto de accións de roza extensiva con consecuencias moi negativas para o hábitat. “Falamos de que se destrúe flora que permite  a creación de mel, ademais da destrución de niños de aves”, ademais de prexuízos a outras especies.

“As rozas están subvencionadas e ninguén quere deixar de gañar un diñeiro que vai ás comunidades de montes” sinala Xesús Asorey. O presidente de AGA denuncia que “unha vez que se rozou o terreo aparecen camións cargados de xurros das granxas que verten estes residuos onde está rozado” di Asorey.

A solución aínda está por descubrir, mais o primeiro paso está en concienciar á maioría do alto valor engadido das matogueiras. “Xa tivemos reunións en Ourense coa Dirección Xeral de Patrimonio e logo solicitamos unha entrevista coa dirección xeral de Montes da que aínda estamos pendentes”. A intención é trasladar ás autoridades que as rozas só se realicen polas beiras das pistas e camiños e en faixas de seguridade. “Non todo vale, porque mesmo podemos denunciar esta situación ante a Unión Europea”.

Os efectos da desaparición de polinizadores acabará afectando ao rendemento agrario en xeral, mesmo a silvicultura para algunhas especies vexetais. Entre os máis afectados están os apicultores que ven decaer a súa actividade ante o “colapso das abellas”. O control dos insecticidas e, sobre todo en Galicia, o control da desaparición de matogueira por culpa de rozas masivas, así como os vertidos de xurros nesas mesmas áreas, están propiciando un ambiente negativo ao desenvolvemento desta industria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta