Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2020 | Actualizada ás 18:54
A Rede de Colexios profesionais de Xornalistas, que integra o Colexio de Xornalistas de Galicia, remitiu unha carta á Secretaría de Estado de Comunicación a través da que solicita ao Goberno que adopte medidas extraordinarias para "soster" o xornalismo durante a actual crise do coronavirus.
Nun comunicado remitido aos medios polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a rede insta o Executivo estatal a que aprobe de forma urxente un paquete de axudas destinado a garantir o exercicio do dereito á información.
A rede sinala que o traballo das empresas e profesionais de comunicación, que resulta aínda máis relevante nestes días de crise sanitaria e constitúe o principal instrumento público de loita contra a desinformación, "aproxímase a unha situación límite como consecuencia do afundimento do mercado publicitario de e da redución da actividade económica".
Así mesmo, avisa de que a evidencia de que esta situación excepcional se vai prolongar durante semanas desatou alarma entre os profesionais do xornalismo, moitos dos cales "están a tomar riscos estes días para garantir o exercicio do dereito á información de todos os cidadáns".
"As empresas para as que traballan empezan a preparar plans de regulación de emprego e deixaron de contar con moitos colaboradores, medidas que sen dúbida terán consecuencias sobre a calidade e a intensidade da información", advirte.
Por esta razón, a Rede de Colexios profesionais de Xornalistas considera que, se non se toman medidas urxentes, a información sufrirá "serias consecuencias" nun momento no que é "máis esencial que nunca".
Ante iso, pide ao Goberno a adopción de medidas vinculadas ao mantemento do emprego no sector e a información, así como o sostemento do traballo dos autónomos que prestan servizo nos medios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.