O abismo da desigualdade

Hai quen considera que non todos somos iguais. Os intelectuais franquistas Fernández de la Mora e Moure Mariño defendían, na década dos oitenta, a desigualdade natural dos seres humanos.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 14/11/2012

Comparte esta noticia
Mariano Rajoy fixo comentarios eloxiosos de ambos autores e escribeu en defensa da desigualdade das persoas  afirmando que “los hijos de ´buena estirpe` superan a los demás”.Esa convicción ideolóxica é a que determina as súas decisións políticas.  
 
A reforma laboral deixa aos traballadores aos pés dos cabalos empresariais; os recortes convirten a saúde nunha mercadoría, a educación nun privilexio e laminan os servizos sociais; os desafiuzamentos deixan á intemperie a centos de miles de familias. Estas medidas, adoptadas coa escusa da crise, están inspiradas nunha ideoloxía supremacista. Todas as actuacións conducen a que a riqueza e o poder se concentren en poucas mans, deixando á inmensa maioría instalada no medo e a desesperanza.. A facción que hoxe goberna o país, en connivencia cos grandes especuladores internacionais, está a baleirar as arcas do Estado. Os herdeiros do franquismo queren desandar o camiño da historia e volver ao tempo de amos e criados, de señores e servos. O historiador Santos Juliá lembra “aquela España sinistra e miserable que arrastrou durante décadas brutais desigualdades sociais, exorbitantes privilexios á beira de inmensas barriadas de chabolas”.
 
Mentres tanto, ao día seguinte de gañar as eleccións en EEUU, Obama –un político honesto a quen os poderosos lobbiesnon deixaron desenvolver os seus proxectos no primeiro mandato- xa afirmou que vai esixir máis impostos aos ricos, pois entende que o primeiro é crear emprego e que, para reducir o déficit, hai que subir os impostos e non eliminar os programas sociais. Todo o contrario do que se está a facer neste país. Como decía Manuel Rivas “en USA gañou Obama pero en España, digan o que digan, goberna xa Mitt Romney”.  Tamén afirmou que esta casta, que se enriquece coa ruína da maioría, creou “un Estado de abuso: sangría aos asalariados, estupor da clase media, estampida emigrante dos mozos. E privilexios para os privilexiados”. 
O escritor francés Pierre Rosanvallon recorda, no seu libro La sociedad de los iguales, como a caída do sistema comunista, por unha banda, e a actuación conservadora impulsada por Thatcher e Reagan, por outra, propiciaron a desregulación dos mercados, que comezaron a funcionar sen control político. Este capitalismo sen freo provoca “unhas diferencias económicas abismais que poden acabar coa convivencia”. O multimillonario Warren Buffett dixo nunha ocasión, sarcástico, que “durante os últimos vinte anos houbo unha guerra de clases e foi a miña a que venceu”.
 
Os tafures da especulación internacional seguen a acumular riqueza de forma obscena. O premio nobel Joseph Stiglitz, no seu libro El precio de la desigualdad, recorda que o 1% da poboación acumula a riqueza do mundo e vive de costas ao outro 99%. Afirma que os mercados por sí sós tenden á acumulación da riqueza máis que a promover a competencia; ademáis, as políticas dos gobernos favorecen esa tendencia ao influir para favorecer aos máis ricos. Pero Joaquín Estafanía advirte que os principais enemigos do capitalismo son os propios capitalistas, “que abusan do seu inmenso poder cando non teñen contrapesos dabondo no mundo da política”. Así é que, mentres as clases baixas e medias se empobrecen aceleradamente, algunhas elites teñen ganancias inimaxinables, polo que “está en risco a cohesión social e a propia esencia da democracia”. 
 
Gabriela Cañas lembra que o índice Gini, que mide a distancia entre ricos e pobres, disparouse desde 2008 ata converter a este país no máis desigual da Eurozona, destruíndo un dos logros máis importantes da democracia española. Tamén recorda que non é a pobreza a que xera malestar social senon “a desigualdade e a inxusticia intrínseca que conleva a que provoca as peores tensións”. Por eso hai que paralos. Non podemos permitir que continúen o seu labor de demolición do Estado de benestar. Non lles podemos deixar que continúen esta viaxe ao pasado miserable do que tanto custou fuxir. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.