Na Galiza non chegou esa mensaxe nin do PSOE nin do BNG. Ou segue rachada a canle ou é que a mensaxe simplemente non foi emitida a pesar dos artificios para a galería. Sen embargo si escoitamos que o BNG seica aínda e con todo segue a ser a única forza xenuinamente galega, nacionalista e de esquerda a pesar do baño que lle deu pola esquerda unha forza nova, sen organización e mestura de movemento social e partido fora do sistema. E que foi quen de conseguir o máis difícil, recuperar a ilusión dunha sociedade sen líderes, ao límite e farta de que a súa galeguidade diferencial non poida co paro de longa duración nin coa fame.
Todo apunta a que a escolla do BNG pola cárcava do Politburó fronte a complexa deconstrución total dunha marca caduca no ideolóxico e esgotada no electoral condénao de antemán a non resintonizar cunha sociedade que xa o aguilloa no persoal e no electoral sen empatía nin piedade algunha, sumado a desafección propia da política en xeral e no caso particular do bloque engadindo tamén o seu illamento nunha tradición de difícil apostasía na franqueira mesma do fundamentalismo, da decadencia moral e da desesperación do fóra cos traidores no canto de reflexionar, mudar e integrar.
Cando as preguntas son claras na sociedade as respostas dos partidos deben selo aínda máis e lamentablemente o BNG a pesar de ter sempre resposta acaída, anticipada e certa para todo tipo de causa, ficou mudo ante o obxectivo asumible da emancipación nacional como motor do benestar da Galiza a través da lexitimación dunha maioría social suficiente. É a maioría democrática a que lexitima as siglas, non son as siglas as que determinan unha sociedade. Un obxectivo que desde o de Amio como pouco implica xa unha urxente revisión do rumbo, modelo e cultura política, revisión que o BNG semella non poder asumir simplemente pola férrea pexa que exerce a hexemónica UPG. O BNG debe saír do armario frontista dunha forza residual sumida na máis absoluta e obtusa exigüidade zombi e comezar unha nova xeira desde a óptica da procura dun impacto social maioritario. O resto, por moito que se berre, é silencio, que diría o Caneiro.
Temos diante unha grave crise financeira, ás portas un rescate masivo que ceibará aínda máis crise, paro, recorte social e perda total de soberanía decisoria, socavando o concerto autonómico en plena carraxe recentralista e antidemocrática, e que debería ser suficiente condición de excepcionalidade como para dar chanzos meridianos, firmes e valentes nesa dirección. O camiño da reunificación progresiva do nacionalismo, reunificación integradora, solidaria e imprescindible nun contexto extremo coa xente en caída libre desde as fiestras das súas desafiuzadas vidas. Temos a obriga de testar ás vindeiras xeracións o relato da recuperación da ilusión dunha emancipación motor do benestar desa Galiza emerxente que reza no imaxinario colectivo de todos e todas, xa que perder unha ilusión doe moito, mais perdelas todas é simplemente morrer en vida como zombis.