A secesión

A dereita catalana representada por CiU impón políticas semellantes ás do goberno central. Aplicou severos recortes no gasto público e deu apoio a reformas laborais que facilitan o despedimento.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 22/11/2012

Comparte esta noticia
Á fronte da sanidade pública situaron a Boi Ruíz, ex-presidente da patronal. As implicación dos intereses privados na gobernanza do país sobrepasan os límites da ética política. Mais o control dos medios de comunicación públicos e o apoio dos privados permítelle á Generalitat difundir a mensaxe de que non hai máis alternativas. As medidas aplicadas, para castigo do pobo e dos traballadores, fanas ver como as únicas posibles. O PP utiliza unha estratexia similar no Estado. Hai grandes semellanzas nas súas políticas e nas estratexias de propaganda.
 
Neste momento electoral ambas as dúas forzas aparecen confrontadas pola cuestión nacional. Preséntanse como dous grupos radicais que alimentan o conflicto e a confrontación. Mentres o PP se sitúa como firme defensor da unidade pátria –“una, grande, libre-, CiU fala do “expolio”, fai plantexamentos soberanistas e reclama a independencia. Uns e outros, en tempos de inquedanza e dificultade, na vez de facilitar a concordia e fomentar a solidariedade, sementan de minas dialécticas a xeografía e dinamitan as pontes que deberían favorecer a convivencia dos pobos ibéricos. Uns e outros, enfermos de vanidade, cunha actitude frívola e irresponsable, instigan a construcción de barricadas, alimentan os odios e convocan á secesión. Unha Catalunya independente, gobernada por CiU, sería moi semellante á de hoxe: recortes, políticas fiscais regresivas, deterioro dos servizos públicos e impunidade ante as corruptelas do poder. O pobo non vería melloradas as súas condicións de vida.
 
Non podo deixar de pensar na antiga Iugoslavia, un Estado próspero que estaba próximo a incorporarse á UE. A declaración de independencia de Croacia, despois dun referendum en 1991, foi o inicio dunha guerra cruel que se desenvolveu ata 1995, na que morreron 130 mil persoas e dous tercios da poboación foron desplazados dos seus fogares. As feridas ainda están abertas. Todos perderon, mesmo Croacia, a zona máis rica, que pretendía gozar de mais prosperidade coa secesión. 
 
O ano pasado tiven a oportunidade de visitar ese territorio. En Mostar vin xardíns e parques infantís invadidos polas tumbas dos mozos sacrificados naquela guerra. Vin casas destruídas e os impactos das balas nas paredes. Souben que, tantos anos despois, miles de persoas siguen sen fogar e moitos non volveron a cruzar a ponte que separa a cidade en dúas partes. En Split vin unha competición deportiva que enfrontaba a mozos mutilados nun peculiar partido de voleibol. Os fillos do pobo, amputados e arrastrados polo chan, mentres as elites económicas e políticas amasaban fortunas cos negócios da guerra. Agora a xente ten nostalxia dos tempos de Tito, cando todos –sen distinción de credo, relixión ou étnia- tiñan protección social, acceso á educación, á sanidade e á vivenda. Ese tempo xa morreu, sepultado polos morteiros, e non vai volver. 
 
Podemos pensar que a situación política e o tempo histórico non teñen nada que ver. Mais só falta que a agresividade verbal se convirta en violencia física para que a espiral do terror o invada todo. Estes gobernantes que xogan  á confrontación radical, de xeito frívolo e irresponsable, deberían actuar con máis prudencia: hai maquinarias que, unha vez postas en marcha, non hai forma de paralas. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.