A morte biolóxica, social e política da Galiza

A cousa é ir indo. Ir indo como romeiros dunha procesión da santa compaña neste mundo absurdo á espera ou de volta dunha morte anunciada. Completos e satisfeitos. Enterrando non cadáveres senón semente, engadiría Castelao.

Por Xosé Lois Carreira | Verín | 02/12/2012

Comparte esta noticia
Mais desta volta nunha sementeira fértil de recorte e inxustiza social no canto de solidaridade distributiva e que co paso das sucesivas investiduras presidenciais populares está a deixar tras de nós o ronsel dun país desafiuzado e sen outra luz que a do seica España está peor, ten máis suicidios por P.I.B. Na comarca da Limia, en concreto, só tres casos no mes de novembro.
 
E a nós que máis nos ten se xa estamos mortos. Ou é que tamén tiñamos que ir de vivos. Que máis nos ten se xa fomos certificados dunha morte primeiro biolóxica no tocante dun fallo irreversible en todo o sector primario. Nin gandería, nin pesca, nin forestal, nin agro, nin as eólicas foron quen de cortar a sangría demográfica, o avellentamento exacerbado dunha pirámide de poboación totalmente invertida, sen medidas estratéxicas e prioritarias tanto de estímulo e fomento da natalidade como de captación e fixación dos censos sobre todo no medio rural. 
 
Que máis nos ten se xa velamos tamén unha morte social no tocante dunha memoria colectiva que desaparece xunto co derradeiro membro dese imaxinario sometido a deturpación permanente da súa lingua e cultura; sen falar da sangría migratoria, xunto cos emprendedores, os investigadores e os mellores expedientes académicos que despois da factura persoal, social e económica do investimento que supuxo a súa formación agora vense condenados a escapar deste implacable xenocidio. Morte que finalmente tamén é política no tocante á desaparición das pegadas que esa memoria colectiva ata onte viva foi quen de deixar testadas, de ser as partillas do patrimonio inmaterial que vindeiras  xeracións puideran recoller e aproveitar como guía e modelo, xeracións hoxe toqueadas e envilecidas pola locuacidade e o poder autócrata dun só home, dun só partido e dun goberno de suplantación que segue a presentar cifras e datos inmellorables da situación socio económica formidable dun país irreal mentres a cidadanía opta polo suicidio, o patíbulo colectivo dun desesperado punto final nas súas desafiuzadas vidas.
 
Estamos mortos ou non? había que espetarllo tamén ós directivos das caixas que idearon as preferentes e o presidente da Galiza que tutelou as súas decisións, indemnizacións e quitas. Que vivos serán eses que manteñen o sangue nas veas na franqueira mesma da exclusión social, no abismo da desprotección social e con familia numerosa, sen soberanía decisoria, sen democracia proporcional, cun autogoberno seriamente cuestionado coa perda definitiva da autonomía financeira imprescindible para un país de seu e que só pode garantir unha entidade de aforro forte, solvente, co enderezo xenuinamente galego e de marcado carácter social. Que ser vivo é quen de soportar o baleiro, a desesperanza que produce pensar nas alternativas políticas reais e posibles fronte o PP cando non son quen de fundar sequera ó entendemento entre eles nunha auténtica cultura de coalición. Ningún ser vivo, tristemente este é o sentimento máis necrosado, insufrible e letal, ninguén é quen de soportar o baleiro da desilusión. Que máis nos ten que pasar para decatarnos de que xa estamos mortos.
 
Con todo, di o presidente Núñez Feijóo que "Galicia vale a pena"; foron as súas verbas peche de discurso como candidato á investidura dunha responsabilidade dese nivel. Galiza, é verdade, xa está a pagar a pena, unha penitencia propia do mesmo inferno, Galiza por mor do resultado e da perpetuación do seu goberno de inanición xa está a pagar a pena de acreditar a nosa propia morte biolóxica, social e política como a auténtica condena á un inferno en vida.            

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Lois Carreira Nado en Parada de Ribeira, Xinzo da Limia, Ourense, en 1971. Licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. Artista plástico e concelleiro do BNG en Xinzo da Limia. Presidente da Asociación Cultural O Muíño da Lama.