O pequeno comercio galego reabre de forma xeneralizada

A maioría de hoteis e restaurantes seguen pechados, e nos bares que abren traballan propietarios sen dar aínda de alta a empregados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O pequeno comercio reabriu de forma xeneralizada este luns en Galicia, mentres os hostaleiros só optaron por pór as súas terrazas en casos "puntuais", xa que a gran maioría de bares e restaurantes permanecen pechados.

Diso informaron diferentes asociacións de hostaleiros e comerciantes consultados por Europa Press. Esta mañá do primeiro día da fase 1 xa se puideron ver algunhas terrazas con clientes en localidades galegas, pero o sector esperará de forma xeneralizada, polo menos, ata a fase 2 da desescalada para abrir, pois a partir do 25 de maio permitirase ter operativo o 50% do interior dos locais.

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, cifra en "case o 100%" as tendas que decidiron abrir este 11 de maio, porque "a capacidade de resistencia do comerciante acaba sen ingresos". 

Pequeno comercio.
Pequeno comercio.

Explica que o pequeno comercio --nesta fase só poden abrir establecementos de menos de 400 metros cadrados-- abre "cumprindo as normas, aínda que non estean totalmente claras". Con todo, apunta que "a confianza do consumidor está moi baixa, e cando isto sucede as vendas contráense". "O que sabemos de antemán é que non van ser vendas ao 100%, isto tardará en regularizarse, por tanto, os gastos tamén terían que ir nese sentido", agrega.

Así, demándase que os ERTE vaian máis aló do mes de xuño, porque "a recuperación do persoal ten que ser progresiva". "Non pode ser que os gastos sexan ao 100% e as vendas ao 10%", deixa claro. "Esperemos que se siga a mensaxe que estamos a lanzar, de que o comercio é de todos e que se necesita para que as localidades sigan tendo vida", afirma sobre o apoio do consumidor.

MEDIDAS DE HIXIENE

Segundo o publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE), o Goberno advirte de que se deberá garantir unha distancia mínima de dous metros entre clientes, e nos locais comerciais nos que non sexa posible manter esa separación, permitirase unicamente a permanencia dentro do local dun só cliente. Ademais, deberase habilitar un horario especial para persoas maiores de 65 anos.

O Executivo insta a extremar as medidas de limpeza nos comercios, polo que se prohibe o uso dos aseos dos establecementos comerciais por parte dos clientes, salvo no caso de que fose "estritamente necesario".

Nos comercios non se poderá poñer a disposición dos clientes produtos de proba como cosméticos ou produtos de perfumaría, mentres que os probadores deberán utilizarse por unha única persoa e limparse e desinfectarse despois do seu uso. Ademais, no caso de que un cliente probe unha peza que posteriormente non adquira, esta deberase hixienizar, do mesmo xeito que as devolucións de pezas que realicen os clientes.

A este respecto, tendas de moda como a firma galega Aldolfo Domínguez anunciou que reabre esta semana 18 establecementos en España. En Galicia, será a partir do martes en Ourense, Pontevedra e Santiago.

Multitude de empresas volven á actividade, desde as oficinas de atención ao cliente en Naturgy, ata a rede de sucursais bancarias. Aínda que centros comerciais permanecen pechados nesta fase e á espera de que establecementos de máis 400 metros cadrados poidan reabrir, Ikea decidiu levantar a persiana na súa Tenda Sueca de alimentación da Coruña.

VOLTA ÁS TERRAZAS

O Goberno permite na fase 1 da desescalada a reapertura ao público de terrazas ao aire libre de bares e restaurantes limitando ao 50% o aforamento e cunha ocupación máxima permitida de 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas.

En Galicia esas aperturas son só "puntuais" e "anecdóticas". Ademais, en case todos os casos de terrazas postas este luns faise só co propietario traballando, sen que se dean de alta a empregados.

O presidente da Federación de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, César Ballesteros, calcula que as terrazas que abriron equivalen a menos do 5% dos establecementos. Explica que os hostaleiros "teñen moitas dúbidas desde o punto de vista legal e económico", xa que "a normativa saíu onte (polo domingo)", polo que se recomenda que "non se abra aínda ou se faga paulatinamente". Ademais, a previsión de tempo non acompaña para esta semana e espéranse precipitacións, pero "o cliente non se pode resgardar se empeza a chover", pon de exemplo.

Ballesteros tamén asegura que a apertura de hoteis é "mínima", pois tan só o fan algúns con clientela de traballadores, porque "non hai turistas".

En Pontevedra, o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, foi a unha terraza nun día no que o Concello presentou un plan Impulsa para o pequeno comercio. No caso da Coruña, o presidente dos hostaleiros, Héctor Cañete, indica que "abriron algúns locais", "con moi pouca xente", dado que "así non compensa, só co 50% da terraza".

Define como "simbólica" a volta á actividade, pois "estase abrindo por extrema necesidade". Espérase que a partir do 25, "se se pasa de fase" e hai máis flexibilización de condicións para a hostalaría, haxa maior reactivación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta