Con todo, atopamos desta volta unha cativa e inqueda salvedade, un desestabilizador imprevisto con trama sucesoria engadida e que promete deñadas turbulencias políticas na coordenada galego-madrileña dos populares no vindeiro ano e no que todo apunta á que a situación socio política galega determinará en gran medida a continuidade ou non ao fronte do goberno español dun reaccionario mais anovado PP.
A pesar do esforzo disuasorio que sempre envolve estas manobras de Xénova, o erro imperdoable de Feijóo máis aló do marabilloso país de cifras que nos testará é non asumir que o que está facendo medrar a crise de xeito exponencial é un desorbitado desemprego. Sen traballo e con unhas prestacións sociais xa en precario resulta traumático para a xente que malvive delas e sobre todo pola imposibilidade de pagar as débedas. Sen traballo, sen crecemento, pódenlle meter todo o capital alemán que queiran a banca que si as perdas non se frean e os prezos non se estabilizan, o burato seguirá a medrar e medrar por moito banco malo que improvisen.
O máis desalentador é que os novos orzamentos da Xunta para 2013 confirman unha notable redución do 40% na promoción do emprego e mellora do mercado laboral. Responsabilidade cero do señor Feijóo. Sen estímulo empresarial, sen fomento do emprego, sen unha entidade financeira propia e solvente, sen moito menos unha Banca Pública envorcada nas pemes, sen fiscalidade xusta nin un radical atallo da fraude, seguiremos caendo en barrena por mor do partidismo máis noxento, o que se exerce con todo o peso do goberno e das institucións antepoñendo os intereses dun partido ao interese xeral da xente.
Hoxe, xa en 2013, cun paro por enriba do 20%, oito puntos porcentuais máis que en 2009, unha débeda pública preto dos 8.000 millóns de euros a pesar do conto da austeridade, 80 novos parados cada día e 150 empresas fechadas cada mes, desgraciadamente confírmase a Feijóo como o aval, o garante en Galiza das políticas erradas de Mariano Rajoy e sen dúbida xa asubía como seu marabilloso relevo natural en Madrid, todo grazas ou a pesar dunha maioría absoluta de 2012 sen asunción de responsabilidade algunha en 2013.