Por E.P. | A CORUÑA | 04/06/2020 | Actualizada ás 10:10
O comité empresa de Alu Ibérica na Coruña desconvocou o seu peche, a última hora deste mércores, tras convocarse a Mesa Técnica de Industria para o próximo 9 de xuño, segundo confirmou a representación sindical.
Antes, este venres, terán un encontro co Ministerio de Industria só por parte da representación sindical, segundo trasladou o presidente do comité, Juan Carlos López Corbacho. A data da reunión no Ministerio tamén a confirmou o Concello da Coruña, onde un grupo de traballadores mantiña o peche tras unha reunión coa alcaldesa, Inés Rey, para trasladarlle as súas demandas en aras de garantir un proxecto industrial para a planta.
Unha vez desconvocado o peche, o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña explicou que na reunión do 9 de xuño estarán, ademais de representantes do Ministerio de Industria, a Xunta, o Principado de Asturias, comités de empresa, sindicatos, o fondo suízo Parter e Alcoa.
Previo a ese encontro, este venres reuniranse os comités de empresa co Ministerio, segundo trasladou Juan Carlos López Corbacho, quen avanzou que a súa intención é trasladar a situación "que se está vivindo na planta e preparar a reunión do día 9".
Sobre a mesma, indicou que esperan que sexa un encontro "executivo" "para tomar decisións e pór andar o proxecto". Por outra banda, insistiu en que desde a planta coruñesa loitarán "ata o final" e confirmou que se mantén a concentración que convocaron para o sábado na praza de María Pita. Ademais, agradeceu o apoio da alcaldesa, Inés Rei. "Se estamos xuntos as cousas empezan a funcionar", expuxo.
A XUNTA, "ASUMIR AS SÚAS COMPETENCIAS"
Nun comunicado, o goberno local coruñés manifestou que a rexedora mantivo este mércores "unha comunicación constante coas persoas responsables do ministerio e tamén cos representantes do comité de empresa".
Rey agradeceu "o talante" do ministerio "ao convocar a mesa por petición do cadro de persoal" e exaltou "a boa actitude" do comité de empresa, "que está a traballar polo mantemento dos postos de emprego na nosa cidade".
Mentres, instou á Xunta a "asumir as súas competencias" neste conflito laboral, "que afecta seriamente á industria coruñesa", á vez que trasladou o apoio do goberno local "en defensa" da industria da cidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.